Xornadas sobre os soutos de castiñeiros en Lugo

O ciclo de conferencias Luis Asorey centrarase este ano en distintos aspectos das plantacións e dos soutos tradicionais

Xornadas sobre os soutos de castiñeiros en Lugo

A plantación de castiñeiro e a explotación do seu froito, a castaña, así como outras posibilidades desta árbore, serán expostas na cidade de Lugo nun conxunto de conferencias que se desenvolverán no pazo da Deputación en San Marcos. Estas conferencias están enmarcadas nas XXXIV Xornadas Luís Asorey que este ano tratarán sobre o castiñeiro baixo título “Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais”.

As diferentes xornadas estenderanse desde o luns 13 até o mércores 22 de novembro en horario de 19:00 a 21:00 horas. A asistencia a estes encontros é gratuíta previa inscrición neste enlace, ademais de estaren recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.

As xornadas comezarán o luns 13 de novembro, a partir das 19.00 horas, co relatorio ‘Os soutos de castiñeiros como sistemas agroforestais’, a cargo do catedrático e profesor emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, Antonio Rigueiro.

O martes día 14, tratarase o tema “Sanidade do castiñeiro e da castaña” a cargo de Fina Lombardero Díaz, profesora titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Lugo.

O mércores 15 de novembro, baixo o título “Creación de soutos mansos e plantación de castiñeiros para madeira. Tratamentos culturais e silvícolas”, o profesor titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Roque Julio Rodríguez Soalleiro, falará sobre as posibilidades do castiñeiro para a industria madeireira.

O 16 de novembro, xoves, impartirase a palestra “Conservación dos recursos xenéticos do castiñeiro: clons híbridos, cultivares tradicionais, ábores monumentais”. O relator será Julio Fernández Lorenzo, tamén titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría.

Para o luns 20 de novembro o tema será “Material vexetal na produción de castaña. Aplicación de mellora xenética do castiñeiro”. Esta presentación será conducida por Beatriz Míguez Soto, do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería de Medio Rural.

A continuación, o martes 21 de novembro, Jesús Quintá García, xerente da empresa Alibós e presidente da Indicación Xeográfica Protexida ‘Castaña de Galicia’, falará sobre “Comercialización e industrialización da castaña. A Indicación Xeográfica Protexida ‘Castaña de Galicia’”.

Por último, o mércores 22 de novembro, José Luis Chan Rodríguez, Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, da Consellería de Medio Rural, tratará o “Programa estratéxico do castiñeiro e da produción de castaña”.

cartaz castiñeiro

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información