O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado polo grupo empresarial fundado e presidido por Álvaro Rodríguez Eiras xunto coa USC co obxecto de servir de acicate para impulsar a mellora da calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven no medio rural e que incentiva a transferencia de coñecemento e de innovación desde a institución académica cara aos axentes produtivos do sector primario, recibiu un total de 12 candidaturas na súa vixésima cuarta edición, segundo informaron este venres os organizadores dun certame que botou a andar no ano 2000.
A Estratexia Alimentaria Participativa do Eo, Eo Alimenta; o proxecto sectorial e estratéxico de mercado Moirai, a iniciativa ecogastronómica de proximidade Slow Food Compostela, Apicultura no Concello de Boborás, a Feira de Mostras e Exposicións de Muimenta (Moexmu), Proxecto H2GZ As Pontes. The City Under The Lake, Cosmética Muuhlloa, Traloagro, Puresa, a Asociación Soutos do Courel, a candidatura conxunta presentada polos grupos de investigación da USC Farmatox e NanoMag, e un traballo desenvolvido baixo o título Influencia dos residuos de funxicidas a base de mepanipirim sobre a composición aromática do viño completan a quenda de candidaturas que optan ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural 2023.
A Moexmu, Traloagro, Muuhlloa ou a asociación Soutos do Courel concorren este ano ao premio
Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas e tras validar todas as iniciativas presentadas a concurso por parte da organización, o xurado responsable de avaliar as propostas formalizadas, un comité presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, reunirase en Lugo o vindeiro mércores 31 de xaneiro no lugués Pazo de Montenegro para determinar a candidatura gañadora desta edición logo de examinar e valorar os distintos méritos acreditados. Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o Premio Aresa contempla unha dotación económica de 10.000 euros para o gañador, ademais de diploma de mérito.
O xurado responsable da concesión deste galardón terá en conta para súa decisión aspectos ligados ao carácter innovador e á creación de valor engadido e emprego no medio rural
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ou, no seu caso, Carlota López, na súa condición de vicepresidenta; a conselleira e directora de Marketing e Exportación de Aceites Abril, Elena Pérez Canal, e a catedrática de Tecnoloxía dos Alimentos da USC, Ángeles Romero, completan a composición do xurado encargado de avaliar os proxectos empresariais e de I+D, así como as propostas empresariais que concorren a esta convocatoria.
O xurado responsable da concesión deste galardón terá en conta para súa decisión aspectos ligados ao carácter innovador de cada candidatura, a creación de valor engadido e emprego no medio rural, a súa viabilidade económica, a posta en valor dos produtos da terra de tradición galega, a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais ou o potencial de desenvolvemento de novos produtos, entre outros parámetros estreitamente ligados coas liñas estratéxicas do Campus Terra da USC.