Plans de mellora e axudas de incorporación: A Xunta amplía ata o 22 de abril o prazo de presentación de solicitudes

A Xunta decidiu ampliar ata o vindeiro día 22 de abril -un mes máis- o prazo de presentación de solicitudes das axudas para apoiar os investimentos nas explotacións agrícolas e para a creación de empresas de agricultores mozos ou para persoas de entre 41 e 55 anos.

Deste xeito, os interesados disporán de máis tempo para tramitar estas subvencións, que teñen unha gran importancia no agro galego. O prazo inicial era de dous meses e a súa ampliación publicarase en vindeiras datas mediante a correspondente disposición no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A convocatoria destas achegas publicouse o pasado día 22 de xaneiro no DOG, cunha dotación económica de 47 millóns de euros. Estas subvencións pertencen ao Plan estratéxico da política agraria común (Pepac) de España 2023-2027. O orzamento está cofinanciado nun 12% pola Administración xeral do Estado, nun 28% pola Xunta de Galicia e nun 60% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Reparto de partidas

En particular, a partida asignada para sufragar investimentos en explotacións agrícolas (os coñecidos como plans de mellora) é de 28 millóns (27 para as explotacións e 1 millón, en concreto, para as de pequeno tamaño); para a incorporación de mozos ao agro destínanse 16 millóns de euros, aos que se lle suman 3 millóns dunha nova liña destinada para persoas de entre 41 e 55 anos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información