A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) vive momentos convulsos desde que o Xulgado de primeira instancia de Lugo anulara o nomeamento de César Dorado como presidente por irregularidades na aprobación do voto delegado, ordenando repetir as eleccións celebradas hai un ano.
Tralo pronunciamento da Xustiza, un grupo de gandeiros críticos xuntou 260 sinaturas, equivalente ao 20% dos socios de Acruga, solicitando a convocatoria dunha asamblea extraordinaria co obxectivo de convocar novas eleccións.
Os gandeiros críticos co actual presidente queren impedir que recurra ante a Audiencia Provincial a sentenza do Xulgado de primeira instancia que anula o seu nomeamento
Queren impedir tamén que Acruga recurra ante a Audiencia Provincial a sentenza do Xulgado de primeira instancia, tal como anunciou o actual presidente, pois consideran que serviría só para “dilatar o proceso e dilapidar fondos da Asociación”.
Transcorridas tres semanas xa da presentación deste escrito coas 260 sinaturas, a actual Xunta Directiva de Acruga non moveu ficha, polo que o grupo de gandeiros críticos, encabezados por David López, vén de presentar un escrito no Xulgado para que actúe. Acruga ten convocada para este venres Xunta Directiva na que se poderían tratar todos estes asuntos.