Esta mañá celebrouse no recinto feiral de Pedrafita do Cebreiro a poxa de 6 xovencas preñadas de Raza Rubia Galega, organizada por Acruga. Todos os animais foron adxudicados por riba dos prezos de saída -2200 euros, cunha axuda de 200 euros de Caixa Rural Galega-, o que permitiu pechar a poxa cun prezo medio de 2.758 euros.
A xovenca que logrou o prezo máis alto nesta poxa adxudicouse por 3.150 euros e irá parar a unha explotación de Castroverde. O resto de exemplares viaxarán até as granxas de criadores de Samos, Becerreá, As Nogais e dous no municipio do Corgo.
O bo tempo animou á afluencia de xente até o recinto feiral dun concello que leva anos celebrando poxas en colaboración con Acruga e coa Deputación de Lugo, un gando que forma parte do rabaño de elite da Granxa Gayoso Castro, centro do ente provincial.
Pasadas as doce da mañá comezou a poxa deste seis exemplares, novelas preñadas de entre 24 e 27 meses de idade, todas elas preñadas e con moi boas valoracións no que respecta á súa xeneaoloxía, produción e capacidade reprodutiva. A asistencia de compradores foi alta, como adoita pasar neste concello de Pedrafita, tanto na súa cita de abril como na poxa de setembro, o que supuxo un total de 28 cartóns de posibles compradores.
O prezo medio alcanzado, eses 2.758 euros, supera ao da anterior poxa, a primeira do ano, que tivo lugar en Becerreá e que se pechou cunha cotización media de 2.635 euros e que supón un lixeiro aínda que importante incremento do prezo medio, que se espera se manteña ao longo do ano.
Unha vez rematada esta cita, a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega comezará xa a preparar a seguinte poxa, que terá lugar na Fonsagrada, o próximo día 27 deste mes, á que lle seguirán varias poxas para un mes de maio moi completo, no que por agora están confirmadas poxas na Pobra de San Xillao, en Láncara, o día 1 de maio, no marco da festa da Tenreira Galega; o 4 de maio, en Seoane do Courel; o 11, no municipio de Cervantes; e o 28 na parroquia ribadense de Arante.