Prezo medio de 2600 euros por animal na poxa de Rubia Galega celebrada no Corgo

Prezo medio de 2600 euros por animal na poxa de Rubia Galega celebrada no Corgo

O recinto gandeiro de Adai, no concello lugués do Corgo, acolleu este sábado o concurso e a poxa organizadas pola Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, nunha xornada na que se adxudicaron todos os animais e que finalizou cun prezo medio de máis de 2.600 euros.

Antes de arrincar a poxa 58 criadores de toda Galicia, aínda que en especial da provincia de Lugo. A poxa abrírona os machos, tres propiedade de Acruga e o resto presentados por particulares, con prezos de saída que ían dos 2.000 aos 2.500 euros. Vendéronse todos, cun prezo medio de 2.685 euros, pero o que logrou maior cotización foi un exemplar da gandaría de Manuel Antonio Fernández Rodríguez, vendido en 3.400 euros a un criador de Sarria.

ACRUGA RUBIA Adai 23 subasta machos

A poxa de xovencas preñadas abriuse cos exemplares do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo. As tres primeiras xovencas superaron os 3.000 euros. Ademais das nove touras de Acruga, presentáronse á poxa outro cinco exemplares de particulares. Ao final, foi precisamente a primeira xovenca da mañá, chegada da granxa de Castro de Ribeiras de Lea, a que logrou a maior cotización con 3.100 euros, un prezo moi alto se se ten en conta que o de saída era de 2.000. Adxudicáronse todas as xovencas, a maioría a gandeiros lucenses, pero tamén a criadores chegados da Coruña. O prezo medio destes animais foi de 2.610 euros.

Premios repartidos no Concurso Nacional

ACRUGA RUBIA Adai 23 Premiados

Unha vez finalizada a poxa, procedeuse á entrega dos premios do concurso nacional, que este ano chegaba á súa edición trixésimo sexta. Un centenar de exemplares de pura Raza Rubia Galega tomaron parte neste certame nacional, no que un ano máis se distinguiu ás gandarías cos animais máis destacados.

Os xuíces titulados de Acruga e os inspectores da raza certifican que cumpren cos estándares raciais, así como coas condicións morfolóxicas e xenéticas, para avalialos e designar aos gañadores. Os premios estiveron moi repartidos, con gandarías xa habituais en certames de rubia galega, pero tamén coa presenza de novos criadores que se animaron a participar no concurso.

Con catro premios destacaron as explotacións de Manuel López Quiroga, de Samos, e Gandaría La Morena, do Corgo, que levou ademais os premios a mellor lote de gando. Ademais logrou dous segundos premios en xovencas de 18 a 24 meses e en exemplares de até 8 meses, ademais dun terceiro na categoría de vacas paridas.

Pola súa banda Manuel López Quiroga logrou a máxima distinción nas xovencas de 18 a 24 meses e tamén en becerros de 8 a 18 meses; e dous segundos premios en becerros de 8 a 14 meses e en sementais.

O gandeiro do Corgo José Antonio Ferreiro Palacios foi outro dos grandes gañadores da xornada, porque obtivo tres premios, pero dous deles supuxeron a máxima distinción en sementais e en vacas paridas. Ademais logrou un terceiro na categoría de exemplares até 8 meses. A Gandaría Santalla, do Corgo, e a explotación de Penín Puente de Friol, ambas as habituais neste certame, lograron dous galardóns cada unha, entre as que destaca o primeiro premio para becerros de 8 a 14 meses para a explotación do Corgo.

Tamén hai que destacar os primeiros premios en xatos de 14 a 26 meses para a gandaría Pena Guisande, do Páramo, e á explotación do Corgo de Alfredo Méndez Cáceres, que foi o gañador na categoría de machos e femias até 8 meses. Ambas as gandarías estreáronse neste concurso como galardoadas con estes dous primeiros premios.

Ademais de todas estas explotacións, lograron unha distinción nalgunha do sete categorías as gandarías de Manuel Antonio Fernández Rodríguez, Javier Santalla Prado, Gonzalo Seoane Prado, Alejandro Gutiérrez Villanueva e Mari Luz Penín Rouco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información