Perspectivas do mercado lácteo en tempos do coronavirus

A Comisión Europea espera que no 2021 se modere o aumento das entregas de leite. Avanza bos datos de consumo e exportacións para o 2020, unha tendencia que agarda que continúe o vindeiro exercicio

Perspectivas do mercado lácteo en tempos do coronavirus

Se facer pronósticos no mercado lácteo é un exercicio arriscado de por si, en tempos do coronavirus, as incertidumes aumentan. Con todo, a Comisión Europea vén de presentar o seu informe de perspectivas dos mercados agrarios, no que pronostica o escenario que terá o sector lácteo nos próximos meses. Unha primeira conclusión para o curto prazo é que se espera unha certa recuperación dos prezos no outono, pero menor que o pasado ano.

Para o 2021, os pronósticos de consumo e exportación son en xeral positivos, se ben a Comisión advirte de que o mercado probablemente non poida absorber un aumento da produción como a deste ano, que será dun 1,4%, segundo as previsións. No 2021, o informe da Comisión pronostica que o crecemento das entregas de leite será menor, dun 0,8%.

Repasamos as perspectivas de produción, prezos, consumo e exportacións que manexa o informe da Comisión.

Produción europea
Este verán, en grandes zonas lácteas de Europa houbo malas condicións meteorolóxicas para a produción de leite, con altas temperaturas e falta de chuvias, principalmente no norte de Alemaña, Países Baixos e noreste de Francia. Isto reducirá a produción nos próximos meses, xa que haberá limitacións de herba seca e silos.

As boas condicións de pastos ata xullo permitirán, non obstante, un aumento do rendemento por vaca no global do ano, esperado no 1,6%, pero eses maiores rendementos hai que encadralos tamén nunha reducción da cabana. Para o segundo semestre, estase constatando un aumento nos sacrificios da cabana de vacún, que rematará o ano nun – 0,4% en relación ó pasado ano.

Así as cousas, no global do ano, as entregas de leite aumentarán un 1,4% no conxunto de Europa, segundo os cálculos da Comisión.

Paralelamente, a dispoñibilidade de sólidos aumentou máis do esperado en Europa. No último ano, a graxa láctea medrou un 1,8% e a proteína un 1,6%. É un crecemento capitalizado en especial por cinco países: Alemania, Francia, Países Baixos, Polonia e Irlanda, país este último que se beneficiou da calidade dos pastos.

Perspectivas en Europa para o 2021
No 2021, sobre un pronóstico de meteoroloxía normal, a produción de leite espérase que medre moderadamente (+ 0,8%), en base a un aumento do rendemento leiteiro por vaca (+1,6%) e tendo en conta que a cabana gandeira espérase que se reduza nun 0,8%.

O ritmo da produción é incerto, pero se hai unha recuperación lenta da demanda, non se pode soster o crecemento de entregas de leite do 2020

O ritmo de produción en verdade é incerto, pero se hai unha recuperación lenta da demanda, non se poderá soster o crecemento do 2020 (+ 1,4%), segundo as previsións da Comisión Europea.

Produción mundial
A nivel mundial, este ano estanse dando boas condicións meteorolóxicas, o que está permitindo o aumento da produción nalgunhas das principais zonas leiteiras (Estados Unidos, Nova Zelanda, Australia, Arxentina), a pesar das restriccións de demanda e exportación que provocou o coronavirus.

Prezos en Europa
Nese escenario de aumento de produción mundial, os prezos dos produtos lácteos na UE aguantaron relativamente estables.

A recuperación do prezo da manteiga nos últimos meses e a estabilidade do leite en po desnatado permitiron un certo repunte do prezo do leite equivalente, que se situou en 31 céntimos / kg. no mes de agosto, un 2% por baixo do pasado ano.

É previsible que o repunte estacional de prezo do leite no campo, habitual no outono, sexa este ano máis débil que o pasado ano, debido ó aumento da produción mundial e á fráxil recuperación da demanda.

O consumo de leite líquido aumentou un 4% no periodo xaneiro – xullo, revertindo a tendencia estrutural negativa dos últimos anos

Consumo
Por gamas de produtos consumidos, o leite líquido e os produtos lácteos frescos son a principal sorpresa do ano, pois aumentaron sensiblemente, en contra da tendencia estrutural de retroceso, No periodo xaneiro – xullo, o consumo de leite líquido medrou un 4% e espérase que o ano remate cun 1,5% de aumento.

A maior produción de leite líquido tamén tivo eco na exportación, que medrou un 3% no primeiro semestre, destacando as compras de China (+17%).

A nata e os iogures, sen embargo, reducirán a súa produción este ano, pois por un lado, hai demanda de graxa láctea para outros usos, e por outro, o aumento de consumo no fogar non compensa a baixada da demanda na hostelería.

No 2021, onde non se espera que haxa un acopio de lácteos como o protagonizado polos consumidores este primeiro semestre, a previsión é que o consumo de lácteos frescos retome a senda descendente (-0,4%), se ben pronostícase un aumento das exportacións (+5%) pola boa imaxe dos produtos europeos en mercados como o chino.

Mercados internacionais
Os mercados de exportación están comportándose ben para Europa no global do ano. En manteiga, incluso con prezos que están medrando moderadamente, a Comisión agarda que a UE alcance un récord de exportación no 2020 (320.000 toneladas). Para o 2021, cando se espera que haxa maior consumo en hostelería, tanto consumo interno como exportacións continuarán en lixeiro ascenso.

O consumo de queixo en Europa viuse afectado polo peche da hostelería, o que pode levar a que no conxunto do ano caía un 0,2%. As exportacións, con todo, puideron absorber a caída do consumo interno, pois pecharán o ano cun aumento do 5%, destacando países como Xapón, Corea do Sur ou Ucrania. Ese aumento das exportacións permitirá que o ano remate cun crecemento da produción de queixos en Europa (+0,7%), unha tendencia que se espera que continúe no 2021 (+0,5%), pois para o ano, os pronósticos apuntan a que continuará o aumento das exportacións (+3%).

A boa evolución dos queixos terá repercusión tamén no mercado de soro, que se espera que aumente as súas vendas ó exterior nun 5% no 2021.

En leite en po, o outro gran produto lácteo industrial, xunto a queixos e manteiga, este ano os números non están a ser bos, cunha baixada das exportacións dun 10% e do consumo interno dun 6,9%, pero para o ano espérase unha recuperación (+5% en exportacións e +0,5% en consumo interno).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información