A Denominación de Orixe Monterrei estará representada na feira vinícola Prowein polos viños de 14 adegas rexistradas na denominación. Un total de 25 viños, 16 brancos e 9 tintos, permitirán mostrar aos asistentes a esta feira as especificidades deste territorio vitivinícola.
As adegas que estarán presentes en Prowein serán: Pazo das Tapias, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Crego e Monaguillo, Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, Manuel Guerra Justo (Vía Arxéntea), Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Quinta do Buble, Terrae Monterrei, Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra.
Trátase da cuarta ocasión que o C.R.D.O. Monterrei asistirá a este foro, que na pasada edición contou con máis de 38.000 visitantes, e 5.700 expositores procedentes de 62 países. A finalidade de formar parte desta iniciativa, que terá lugar do 19 ao 21 de marzo en Düsseldorf (Alemaña), é mostrar ante o mercado internacional o produto elaborado na denominación, xa que constitúe a principal cita vitivinícola para empresas de importación e exportación, comercio especializado, distribución e gastronomía.
“Este ano queremos continuar a liña de promoción exterior impulsada nos últimos anos, co obxecto de non só impulsar a exportación en mercados emerxentes, senón tamén consolidar os xa existentes, como é o caso do alemán”, destaca o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Jonatás Gago García. “A presenza en eventos destas características permite reforzar a nosa imaxe de marca así como promover un maior coñecemento dos viños de Monterrei ante o sector profesional e ensinarlles, de primeira man, as súas peculiaridades e características”, conclúe.