Os piñeirais dunares da costa galega resisten o cambio climático

A diferenza do que sucede noutras zonas do sur de Europa, como Cataluña, as masas de coníferas da costa galega manteñen polo de agora unha boa rexeneración natural e unha baixa mortandade, segundo constata o proxecto ForManRisk

Os piñeirais dunares da costa galega resisten o cambio climático

Toma de mostras de piñeiros, no marco do proxecto ForManRisk.

Os piñeirais ubicados en zonas dunares da costa son a primeira diana do cambio climático, pois o solo areoso repercute nunha menor dispoñibilidade de auga. Co aumento de secas máis prolongadas, no sur de Europa estase constatando unha maior mortandade nos piñeirais da liña de costa, como sucede por exemplo en Cataluña. Sen embargo, en Galicia polo de agora as masas de coníferas de zonas dunares están resistindo ben o cambio climático, segundo as conclusións do proxecto ForManRisk.

A iniciativa ForManRisk, na que participan numerosas entidades do sur de Europa, analizou a actual situación dos piñeirais dunares costeiros, entre eles os galegos, así como da evolución dos montes de coníferas do interior.

O cambio climático non só agrava o estrés hídrico dos bosques durante o verán, senón que empeora outros riscos asociados, como lumes, pragas e enfermidades. Ante esta situación, o sector buscou desenvolver no proxecto ForManRisk ferramentas para a prevención de riscos nos bosques. Pola parte galega, participou a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Resiliencia dos piñeirais costeiros de Galicia
En Galicia, os traballos centráronse en 10 bosques piloto da costa atlántica, 6 piñeirais dunares e outros 4 de interior. Se ben noutras áreas do proxecto, como Cataluña, constatouse unha alta mortandade das plantas de coníferas na rexeneración dos piñeirais en dunares, no caso galego polo de agora non se observaron eses problemas de mortandade e seca das plantas, polo que se espera que os piñeirais da costa poidan seguir mantendo unha boa rexeneración natural.

É de salientar ademais que os piñeirais costeiros de Galicia acollen con frecuencia un alto uso social, incluso albergando áreas recreativas e cámpings. O proxecto observou que esta actividade social é compatible coa rexeneración e mantemento do arborado.

‘Rewilding’ de areas nos piñeirais dunares?

No ámbito dos piñeirais dunares e de liña de costa, un asunto candente son algunhas decisións que están tomando as Administracións ambientais para eliminar masas forestais, como é o caso de Corrubedo, onde a Consellería de Medio Ambiente comezou a actuar no 2022 para erradicar o piñeiral que se atopa a uns centos de metros da gran duna.

No caso de Corrubedo e noutras accións similares en zonas costeiras, o obxectivo declarado é o de lograr unha ‘renaturalización’ do ecosistema inicial, con maior espacio para as areas e para as especies herbáceas e de fauna asociadas ás areas.

Ese ‘rewilding’ (restauración ecolóxica baseada na renaturalización) é visto con escepticismo polo sector forestal, que lembra que os piñeirais de zonas dunares asentáronse a finais do século XIX e primeira metade do XX cun obxectivo utilitario -non só produtivo-, como era precisamente o de frear o avance das dunas. Hoxe en día, cumpren ademais unha función ambiental, con fauna e floras asociadas, e presentan a singularidade de acoller un alto uso social, en especial no verán.

En tanto en Corrubedo se decidiu reducir a zona de piñeiral no seu Parque Natural, outros espazos protexidos do Eixo Atlántico, como o Parque Natural das Dunas de San Jacinto (Aveiro, Portugal), optan pola preservación da súa masa de coníferas como parte capital do ecosistema da Reserva, no que se combinan distintos hábitats (dunas móbiles, fixas e área forestal).

E en Cataluña, a Administración ambiental centra a súa preocupación en como conservar piñeirais dunares que presentan unha alta mortaldade.

Volvendo a Galicia e deixando a un lado Corrubedo, un percorrido por zonas de Rede Natura da costa permite constatar algúns dos dilemas que plantexan os piñeiros en diferentes áreas dunares e marismas.

Nesta imaxe da área dunar da Praia das Furnas (Porto do Son), preto da lagoa pequena de Xuño, vese como os piñeiros adentráronse nunha zona que ata hai uns anos estaba rasa, con vexetación dunar, como proba o observatorio ornitolóxico alí situado e que agora ten a súa vista trabada polos piñeiros. Unha de dúas, ou sobran os piñeiros ou colocouse mal o observatorio ornitolóxico.

Se nas Furnas, eses piñeiros poden estar de máis, na marisma de Carnota preséntase un caso que podemos calificar de inverso, o dun piñeiral afectado por un lume que se está rexenerando con eucaliptos dun xeito ‘natural’. Semella que aquí si cumpriría unha intervención de Administración e/ou propietarios para impulsar unha boa rexeneración do piñeiral, un ecosistema que semella encaixar mellor a nivel ambiental e social coa marisma, visitada cada ano por decenas de miles de persoas.

Eucaliptos colonizando o piñeiral da marisma de Carnota, nunha imaxe do 2020. / Arquivo.

Eucaliptos colonizando o piñeiral da marisma de Carnota, nunha imaxe do 2020. / Arquivo.

A axeitada xestión das masas por parte dos seus propietarios é outro dos retos, de cara a garantir unha boa conservación dos piñeirais costeiros, así como ecosistemas máis resilientes ó lume e ás enfermidades, pois masas como esta, a uns metros da liña de costa das Furnas, representan un potencial niño de problemas pola falta de rareos e podas.

Árbores máis resistentes á seca

O papel da Asociación Forestal de Galicia no proxecto ForManRisk incluíu tamén a toma de mostras e medicións ‘in situ’ nas masas de coníferas, en colaboración co INRAE de Francia (Institut National de Recherche pour l’Agriculture, l’Alimentation et l’Environnement), que analizou piñeiros de todo o sur de Europa para comparar a súa resistencia ao estrés hídrico e atopar poboacións que poidan ser empregadas no marco dun proxecto de mellora xenética, de cara a obter montes máis resilientes ó cambio climático.

Guía transnacional de boas prácticas
Do mesmo xeito, a Asociación Forestal de Galicia colabora na edición dunha guía transnacional de boas prácticas, pois no marco do proxecto desenvolvéronse diferentes ensaios para mellorar a rexeneración e supervivencia dos piñeiros, con distintos métodos de plantación e materiais.

Outros traballos realizados no proxecto
No proxecto, que contou para a súa realización con fondos FEDER do programa Interreg Sudoe, realizáronse ademais outra serie de traballos, como os seguintes:

• Office National des Forêts. A ONF francesa desenvolveu un sistema de información xeográfica para obter un mapa detallado das Obrigas Legais de Desbroce a nivel municipal, cun desglose das superficies a desbrozar en cada propiedade. A diferenza do caso galego e portugués, a roza das faixas de protección existentes a redor de urbanizacións son responsabilidade da comunidade de veciños residentes na mesma e non do titular do monte afectado.

• Instituto Mediterráneo del Corcho (ILM). Puxo a punto un método para medir as afeccións do cambio climático na sobreira e noutras especies.

• Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Instalou tres parcelas piloto para estudar a rexeneración natural do piñeiro bravo (dúas parcelas) e da sobreira (1 parcela).

• Gistree. A empresa traballa na posta en marcha dun sitio web para compartir a información xeográfica producida ao longo do proxecto e para permitir tamén simulacións sinxelas de lumes, en torno ás parcelas piloto do proxecto.

• Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya (CTFC). Esta entidade centrou os seus esforzos na rexeneración dunha duna continental (200 hectáreas) que ten unha orixe humana, pois plantouse con piñeiros a finais do século XIX co obxectivo de fixar a duna. O piñeiral ten hoxe en día 130 anos e un importante uso social. Nos últimos tempos, o Pinus pinaster está a sufrir unha morte progresiva das árbores adultas, algo que se atribúe ó cambio climático, sen que haxa unha suficiente rexeneración natural. O proxecto está a valorar outras especies para esta rexeneración, como o piñeiro carrasco e o piñoneiro.

• Sociedad Aragonesa de Gestión Agroambiental (SARGA). Desenvolveu unha aplicación que contribúa a tomar decisións silvícolas para a prevención de grandes incendios forestais.

• Diputación Provincial de Ávila. Plantou catro bosques piloto de piñeiro silvestre e de aziñeiras para analizar o seu desenvolvemento nun contexto de cambio climático.

Una idea sobre “Os piñeirais dunares da costa galega resisten o cambio climático

  1. tomas

    hola, se as dunas de Corrubedo están protexidas, non é para que a xente vaia de merenda a elas, é para que os animais e plantas das dunas fagan o seu papel ecolóxico, onde tamén está o de estabilizar as dunas

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información