Os montes veciñais con convenios terán 6 meses para asinar os contratos de xestión pública trala aprobación da normativa

A Xunta prevé continuar manexando entre 150.000 e 200.000 hectáreas de superficie forestal. Medio Rural anuncia a creación dun Fondo de melloras para executar traballos nos montes de xestión pública

Os montes veciñais con convenios terán 6 meses para asinar os contratos de xestión pública trala aprobación da normativa

O novo decreto abordará usos do monte a maiores dos madeireiros, como os pastos e outros aproveitamentos. / Arquivo.

A Consellería do Medio Rural vén de someter a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o regulamento que rexerá os contratos temporais de xestión pública dos montes. O prazo de información pública deste borrador será de vinte días hábiles, contados a partir do luns.

En liña co definido no Plan Forestal de Galicia, a Xunta proxecta finalizar os actuais convenios e consorcios, que mantén principalmente con montes veciñais. Son acordos que datan do século XX e por iso a Administración decidiu deseñar un novo modelo de contratos temporais de xestión pública dos montes. O obxectivo é asinar, antes de finais de 2025, contratos que sumen entre 150.000 e 200.000 hectáreas de xestión pública baixo esta figura, segundo sinala Medio Rural.

De acadarse esas cifras, a xestión pública de montes veciñais mantería unha importancia considerable, pois Medio Rural xestionaría arredor do 25-30% da superficie veciñal, se ben lonxe das 300.000 hectáreas que chegaron a sumar as superficies en convenio ou consorcio.

Unha vez que se aprobe a nova normativa, os montes veciñais que manteñan na actualidade convenios coa Xunta terán seis meses de prazo para asinar contratos de xestión pública, sempre e cando queiran manter ese modelo.

A Xunta sinala que este decreto baséase na necesidade de superar os modelos anteriores de convenios e consorcios, centrados exclusivamente na repoboación, enfocando a xestión pública na multifuncionalidade e na xestión forestal sustentable do monte, podendo incluír aproveitamentos como pastos, resina, mel ou cogomelos.

Fondo de melloras

O decreto establece un fondo de melloras que a Xunta asegura que permitirá incrementar os investimentos nos montes de xestión pública. Este fondo terá tres seccións: montes catalogados de dominio público, montes patrimoniais da Comunidade Autónoma e montes con contratos temporais de xestión pública.

O fondo financiarase con achegas da administración autonómica galega e doutras administracións públicas, coas procedentes de doazóns ou outras achegas do sector privado, así coma cos rendementos derivados das propias operacións do fondo.

No caso dos montes con contratos de xestión pública, as persoas asinantes do contrato ingresarán no Fondo un mínimo do 30% dos ingresos obtidos por todos os aproveitamentos e dos derivados de actos de disposición voluntaria, dos ingresos procedentes de expropiacións, ou calquera doutro ingreso de natureza extraordinaria, ata satisfacer as cantidades investidas pola administración forestal no monte en concepto de anticipos
reintegrables.

O documento completo do decreto pódese consultar neste pdf, que está no Portal de Transparencia e Goberno Aberto para consulta pública. Os interesados poden entrar no Portal de Transparencia para facer as súas aportacións ao borrador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información