Mazaricos acolle este sábado, 20 de xaneiro, a terceira edición do Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal. Por terceiro ano consecutivo, a xornada recollerá a memoria desta forma de propiedade tradicional galega e de todas as persoas que loitaron por mantela fronte ás tentativas de especulación sobre os montes. En particular, lémbrarase a figura do veciño Xosé Esperante, ‘Che de Pedro’, quen morreu nun enfrontamento con forzas de seguridade franquistas e que causou tamén varios feridos. Este acontecemento motivaría penas de prisión para varios veciños de Mazaricos.
A xornada comezara ás 11h no local social de Eirón, con apertura a cargo da entidade organizadora, o Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO). Dará a benvida o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco. Posteriormente, impartirase a palestra “O futuro dos Montes Veciñais en Man Común na Galiza rural do século XXI” polo profesor do departamento de Economía Aplicada da USC e antigo director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Edelmiro López Iglesias.
Ás 12h celebrarase unha homenaxe á Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), que vén de acadar o cuarto de século de existencia. Falará o seu presidente, Xosé Alfredo Pereira.
Ás 13h terá lugar a homenaxe e ofrenda floral no monumento situado no monte en Eirón en recordo de Che de Pedro e os veciños represaliados. Intervirán INGATECO, o Concello de Mazaricos, a ORGACCMM e a familia de Xosé Esperante. Colocarase unha ofrenda floral no monólito e entoarase o himno de Galicia.
A organización do evento, o INGATECO, coa colaboración da ORGACCMM e do Concello do Concello de Mazaricos, volve convidar a toda a cidadanía a participar deste homenaxe, que pretende servir de restitución da memoria e reivindicación da dignidade de todas as persoas que loitaron contra a usurpación das terras comunais e pola riqueza e o futuro do mundo rural.