Administración convocante: Consellería do Medio Rural
Enlace axuda: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231020/AnuncioG0426-111023-0001_gl.html
Prazo: Ata 21/11/2023
Resumo:
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos titulares de montes veciñais de man común, as súas agrupacións e as sociedades de fomento forestal (Sofor) para a posta en marcha de actuacións preventivas dos danos causados aos bosques por incendios.
A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, convoca estas axudas para contribuír a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poidan provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, cun orzamento superior aos 3,5 millóns de euros que se repartirán entre 2023 -353.990,7 euros- e 2024 -3.159.816,3 euros-.
As achegas contan con dúas liñas de actuación. A primeira é para o control selectivo de combustible, na que se concederán achegas para áreas de devasa en monte desarborado, para roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, con preto de 590 euros por hectárea.
Para montes en rexeneración, serán máis de 1.650 euros por hectárea para o clareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos, mentres que para roza de penetración, rareo de entrefaixa e trituración de restos nas faixas, será de case 1.300 euros por hectárea.
Nesta liña, as axudas complétanse para as devasas con 635 euros por hectárea para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e, para as faixas de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura, destinaranse case 590 euros/ha se é roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar, ou con 734 euros/ha, no caso da roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar.
A segunda liña desta convocatoria de axudas destínase para a construción de puntos de auga. Nesta caso, a achega será de 25.690 euros por cada depósito de auga de 8x7x2 metros cun volume útil de 110 metros cúbicos.
Superficies de máis de 100 hectáreas
Os beneficiarios serán as persoas titulares dos montes veciñais de man común, as súas agrupacións e mancomunidades, e as sociedades de fomento forestal que conten con superficies de máis de 100 hectáreas. Ademais, as actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia.
As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta. O prazo de presentación será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.