“Os maderistas e as industrias non queren repartir co produtor forestal”

Seguindo un modelo existente en países coma Francia ou Finlandia, as asociacións de produtores de madeira xurdiron fai unha década para vender en conxunto e negociar con Ence. Hoxe 25 delas están integradas en Promagal. Falamos con Ramón Reimunde, o seu presidente, que compareceu hai uns días na Comisión de incendios do Parlamento Galego.

“Os maderistas e as industrias non queren repartir co produtor forestal”

Ramón Reimunde, presidente de Promagal

A Federación de Asociacións de Podutores de Madeira de Galiza (Promagal) que integra a 13 asociacións de propietarios forestais das comarcas de Ferrolterra e Ortegal e 12 da Mariña, vincula claramente os lumes forestais coa rendibilidade do monte. Ramón Reimunde Noreña (Foz, 1949) foi membro da directiva da Asociación Forestal de Galicia e desde hai unha década traballa por unir e organizar aos propietarios forestais para acadar un maior prezo de venda para a madeira de eucalipto, maioritaria nas comarcas do norte da comunidade.

Promagal avoga por un novo modelo de xestión do monte e por cambios no mercado para acabar co monopolio que, denuncian, exerce Ence neste momento. Galicia conta no norte da comunidade coa máis importante masa eucaliptal de Europa, con 30 concellos que teñen listas para a súa corta un millón de toneladas cada un. Por tanto, di Reimunde, “o eucalipto non é un ben escaso, senón abundante e de extraordinaria calidade en Galicia”.

Co mesmo obxectivo que pretenden xurdir organizacións de produtores en sectores como o lácteo ou o da carne, Reimunde di que “no abastecemento regulado e no transporte está todo o segredo do prezo da materia prima”. Por iso Promagal é partidaria de “regular as cortas de forma racional e organizada” para que iso faga subir o seu prezo. “A única forma de conseguir iso é poñer de acordo aos produtores con cortas e ofertas conxuntas”, afirma.

“Os maderistas e as industrias non queren repartir co produtor, queren facer o negocio pola súa conta”

Europa é deficitaria en madeira e malia a informatización, a demanda de pasta de papel aumenta, en parte polas novas necesidades de embalaxe do comercio online. A cotización internacional da pasta de papel está en máximos históricos, por enriba dos 1.000 dólares a tonelada, pero diso pouco chega ao dono do monte.

O presidente de Promagal defende unha actividade agraria forte como mellor cortalumes posible, ao romper a continuidade e uniformidade das masas forestais, e unha cadea de valor da madeira transparente e rendible para o propietario que repercuta nun maior coidado das plantacións e nunha minoración do risco de incendios e das súas consecuencias.

“Non se pode estar conforme con todas as cousas que están mal nos montes, empezando polo seu estado de abandono, con maleza, sen infraestruturas e cunha selvicultura anticuada”, di. Por iso anima aos 600.000 propietarios de montes que hai en Galicia a unirse, seguindo o paradigma de países como Finlandia ou Francia.

“Se a madeira tivera prezo teriamos os montes coidados”

Promagal liga a prevención de incendios á produtividade e rendibilidade dos montes. “Se a madeira tivera prezo teriamos os montes coidados, serían rendibles e non arderían, teriamos mellores pistas e infraestruturas e xerariamos riqueza e postos de traballo”, argumenta Reimunde, que afirma que “se queremos ter o monte coidado hai que gastar cartos nel e o prezo actual da madeira non invita a investir no monte”.

As asociacións de propietarios forestais plantexan diversas propostas para mellorar a rendibilidade do monte e reducir con iso o risco de lumes, unha parte delas tarefas das distintas Administracións que trasladaron nas súas propostas para o novo Plan Forestal. Así, demandan pór ao día o catastro, que no caso dos montes contén innumerables erros, potenciar as concentracións parcelarias cun sistema distinto ao actual como ferramenta para a ordenación do monte, rebaixas fiscais para os silvicultores en activo que manteñan coidadas as súas fincas, ou a apertura e mantemento en bo estado de pistas, que sirvan tanto para sacar a madeira como para atallar un lume en caso de se producir.

Para favorecer a limpeza das parcelas, propoñen unha prima no prezo de venda da madeira procedente de montes que se sometan a rozas e coidados periódicos. Reimunde fai fincapé ademais nas posibilidades de creación de emprego que isto suporía, xa que “antes nas casas había moita man de obra e o monte formaba parte do sistema agrario ao ser onde se apañaba o molido que logo servía para abonar as terras, pero hoxe a relación co monte xa non é esa e na maioría dos casos os propietarios contratan eses traballos, así que se o monte fora rendible estaría coidado e xeraría moito máis emprego do que xera hoxe”, di.

Transparencia e reparto de beneficios entre todos os elos da cadea

Unhas 50.000 persoas viven hoxe directa ou indirectamente dun sector que conta con 3.000 empresas na nosa comunidade e factura 1.500 millóns de euros ao ano. Os datos reflicten que Galicia é a primeira potencia na corta de madeira dentro do Estado español. A madeira que sae dos montes galegos representa xa a metade de toda a que se corta en España e a provincia de Lugo, con tres millóns e medio de metros cúbicos no último ano, representa o 25% do total español.

O peso do sector é especialmente significativo na comarca da Mariña. Trátase do distrito forestal con maior volume de cortas en todo o Estado. Esta comarca luguesa produce máis ca calquera comunidade autónoma española, coa excepción de Castela e León.

Na Mariña o monte é a caixa de aforros das familias e nunca tanta madeira se cortou nos montes da comarca como en plena crise económica, onde o eucalipto foi o sustento para moitas persoas que perderon o seu emprego e o monte a saída para empresas que se adicaban á construción e reconverteron as súas máquinas e os seus empregados cara ao sector forestal.

“Con tres toneladas de eucalipto faise unha de pasta de papel, que se vende a 830 euros, dos que os produtores só recibimos 90”.

Sen embargo, esa riqueza atópase mal repartida. “Fálase moito da cadea da madeira, pero hai uns elos moi debilitados e desorganizados que rompen porque son máis febles. Sen embargo, as grandes industrias, que son poucas e moi fortes, resisten. Así que, di, pagamos sempre o pato os produtores, porque somos moitos, desunidos e desorganizados”, describe Reimunde.

Promagal avoga por unha cadea da madeira forte onde todos gañen, pero recoñece que é difícil meter no mesmo saco aos produtores, compradores e industrias, porque moitas veces defenden intereses encontrados.

Compradores, madeiristas ou empresas de servizos, que teñen un gran capital investido en maquinaria e persoal, dependen tamén en boa medida desas grandes industrias, “porque se non lle vendes a Ence véndeslle a un madeirista pero a madeira acaba indo para Ence igual”, explica o presidente de Promagal.

Monopolio tácito

Desde os portos da Mariña non está saíndo neste momento practicamente nada de madeira (tan só un barco recentemente desde Burela con destino ao País Vasco), moi lonxe da importante exportación que se viviu entre os anos 2010 e 2014, cando os portos de Celeiro, Burela e Ribadeo chegaron a mover 400.000 toneladas anuais de eucalipto con destino ás pasteiras lusas que pertencen actualmente ao grupo Navigator.

Pero hai tres anos as papeleiras portuguesas deixaron de cargar madeira na Mariña, como viñan facendo desde o 2005, deixando aos produtores da comarca sen máis alternativa que vender a Ence e converténdoos nos principais subministradores da planta de Navia, unha das que máis pasta de papel produce de toda Europa.

Promagal sospeita que a marcha de Portucel e Celbi debeuse a un reparto do mercado do eucalipto entre as pasteiras portuguesas e Ence e 14 asociacións de produtores solicitaron ao Tribunal de Defensa da Competencia que investigara. “Non sabemos se investigou ou non, nin sequera nos contestou”, explica Reimunde, que pensa que “a Administración mira para outro lado ante esta situación porque só nos ve aos 600.000 propietarios forestais como 600.000 votantes”.

“A xente no monte foi aprendendo a base de copiar ao veciño, bótanse de menos recomendacións da Administración”

Si que sae sen embargo cara a Portugal madeira de eucalipto do norte da provincia da Coruña desde o Porto exterior de Ferrol. Pero Reimunde conta o acontecido a comezos do pasado mes de febreiro, e que ilustra ben ás claras as prácticas que leva a cabo Ence para evitar a suba de prezos do eucalipto en Galicia.

“Ence tivo que parar a planta de Navia dous días no mes de febreiro porque non ten bastante eucalipto glóbulus para mesturar e non teñen dabondo porque non queren, porque nesta zona quedan sen cortar cada ano 2 millóns de metros cúbicos de madeira, pero Ence necesita glóbulus pero non está disposta a pagalo, cando queda sen el prefire mercarllo á competencia con tal de non subir o prezo. De feito, a comezos de febreiro Ence mercoulle a Navigator madeira de eucalipto glóbulus que estaba lista para embarcar cara a Aveiro desde o Porto Exterior de Ferrol e que foi transportada en camións por estrada até Navia”, relata.

“Ence exerce monopolio, porque pon unha tarifa e é a que rexe para os maderistas e propietarios, e hai un acordo tácito entre Ence e as pasteiras portuguesas, que se reparten o mercado”, describe Reimunde, así que, na práctica, os propietarios están a expensas do prezo que fixa unha única empresa que, neste momento, demanda madeira polo alto prezo internacional da pasta de papel.

“A tonelada de pasta de papel ten un prezo desorbitante, pero o produtor só recibe diso unha parte moi pequena”

certificacion forestal eucaliptoO índice internacional que fixa os prezos da pasta de papel (PIX) está no momento máis alto da súa historia, por enriba dos 1.000 dólares a tonelada, pero isto pouco está a repercutir nos donos dos montes. “A pasta de papel está neste momento a 1008 dólares a tonelada, ese prezo é desorbitante, pero aos produtores non nos toca nada ou unha parte moi pequena, porque con 3 toneladas de madeira de eucalipto prodúcese unha tonelada de pasta de papel e por 3 toneladas de eucalipto dannos 90 euros, está claro que hai un desfase enorme”, argumenta Reimunde, porque as fábricas de celulosa non repercuten esa mesma suba do produto final na materia prima.

Promagal di que a suba de dous euros, até os 31,25 euros por tonelada máis IVE para o eucalipto góbulus con casca e 6 euros máis para a madeira pelada que Ence vén de firmar coa asociación de produtores de Viveiro pode animar aos propietarios a vender e reactivar un mercado que leva parado nos últimos anos na comarca pero considéraa insuficiente tendo en conta que a cotización da pasta de papel disparouse nos últimos tempos.

“Aquí temos o eucalipto glóbulus, que é o de máis calidade. Xamón podes mercar moito, pero de Jabugo só hai un”

De feito, cada tonelada de eucalipto, que se pon na planta asturiana a un prezo aproximado de entre 55 e 60 euros, sumando o prezo pagado ao produtor e os custos de corta e transporte, multiplica por 5 o seu valor ao saír da fábrica. Pero este valor engadido non se reparte por igual en todos os chanzos.

Malia a pequena suba no prezo aos propietarios, os prezos actuais están aínda moi lonxe dos 42 euros que se pagaban pola tonelada de eucalipto a comezos deste século. “Aquí temos o eucalipto glóbulus, que é o de máis calidade. Xamón podes mercar moito, pero de Jabugo só hai un. Co eucalipto pasa o mesmo, pasta de papel de glóbulus só a hai aquí”, compara e prognostica que “se isto segue así dentro duns anos vai estourar o sistema, porque ou soben o prezo do glóbulus para que a xente corte o que ten nos montes ou as fábricas quedarán sen el”, afirma.

Distancias

Reimunde participou nas reunións do sector das que saíron unha parte importante das directrices do novo Plan Forestal de Galicia pero é consciente de que de nada serve aprobar unha lei se logo non se fai cumprir, como acontece coa normativa que fixa as distancias das plantacións a estradas ou vivendas. “Se se respectaran habería lumes, pero non terían a mesma magnitude”, di.

Aínda que a comarca da Mariña non se viu afectada pola recente vaga de lumes do outono pasado, os incendios son unha das preocupacións dos propietarios forestais desta comarca, conscientes de que malia que as condicións climatolóxicas, con maiores graos de humidade que no sur de Galicia, e o feito de que a poboación se preocupe pola rendibilidade dos seus montes axuda a previr os incendios, a continuidade das masas de eucaliptos e que unha parte das plantacións non estean o limpas e coidadas que deberían, supón un polvorín en caso prender.

“Habería que mirar algún sistema de transmisión da propiedade que facilitara o relevo xeracional nos montes”

Promagal é partidaria da aplicación da Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia, modificada o pasado 28 de decembro logo da vaga de lumes de outubro, pero pide compensacións a modo de beneficios fiscais (por exemplo a exención no pago da contribución para as superficies que o propietario teña que cortar e manter limpas entorno a núcleos de poboación ou vivendas illadas e que se converterán en improdutivas) ou mesmo a expropiación por parte da Administración das franxas de protección a carón de pistas e estradas.

Límites ao avance do eucalipto

A Ramón Reimunde a súa relación co eucalipto venlle de familia. Seu avó José Reimunde foi un dos que introduciron esta especie na comarca da Mariña e na casa petrucial de San Martiño consérvase un exemplar de 158 anos declarado árbore senlleira de Galicia. É consciente da “mala fama” que ten esta especie entre unha parte da poboación galega pero pide non “demonizar” unha especie que é unha verdadeira fonte de ingresos para unha parte moi importante da poboación nesta comarca. ”É moi doado que os da Mariña lles digamos aos demais que non planten eucaliptos cando nós xa temos todo plantado”, argumenta.

Por iso é partidario de non vetar a presenza do eucalipto por concellos, como propón o Decreto da Xunta, senón en función das condicións do terreo. “O eucalipto deberá permitirse onde poida estar, pero sen tolear e cunha regulación clara. En montes altos é mellor unha plantación industrial de eucalipto que que non haxa nada ou que estea a toxos, pero en zonas baixas, agrícolas, preto dos ríos ou das estradas somos partidarios de que se regule”, explica.

Recoñece que se está suprimindo piñeiro e frondosas da zona interior de Lugo e plantando eucalipto nitens e di que “a xente faino por unha razón estrictamente económica, porque na metade de anos que se tardan en lograr producións de entre 300 e 400 toneladas de pino lógrase esa mesma cantidade de eucalipto nítens, así que os propietarios optan pola rendibilidade”, di.

“As SOFOR teñen un problema fiscal e mentres non se resolva non van ser efectivas”

Aínda que é firme partidario da regulación, para Reimunde, o avance do eucalipto está intimamente ligado ao peche de explotacións agrarias. “Moitos propietarios plantan cando se retiran. Está habendo moito abandono agrario e a xente nova non queda nas explotacións, así que a pregunta é se é mellor que queden as fincas a bravo. A moita xente non lle dan outra alternativa”, di.

E advirte doutra circunstancia: “neste momento hai 7 euros de diferenza entre o eucalipto nítens e o glóbulus, pero co tempo vai haber máis, en torno a uns 15 euros, polo que eses propietarios que están plantando nitens en zonas altas e de interior deberían telo en conta”.

O presidente de Promagal recoñece o papel social do monte e di que “a mala fama ao eucalipto venlle porque é unha produción industrial e, polo tanto, non enfocada á biodiversidade” pero considera que “non se lle pode pedir ao propietario que plante frondosas para mirar para elas”.

Diversificar as plantacións

Ramon Reimunde_promagal_1Malia iso, defende que “hai alternativas ao eucalipto” e no libro O tesouro do monte, onde Reimunde combina as súas dúas paixóns, a literatura e a silvicultura, plasma a súa predilección polo piñeiro de oregón (pseudotsuga menziesii).

“Eu procurei seguir na miña práctica o consello de diversificar as plantacións en función das condicións e do emprazamento do monte e escollín a opción do pino de oregón para os montes máis baixos ou próximos a vivendas. É unha variedade que se parece moitísimo ao teixo, que medra moi ben e que é unha madeira de moita calidade”, considera.

Reimunde ten plantadas unhas 10 hectáreas desta especie, unha cantidade semellante á que ten de piñeiro. Unha parte desas plantacións teñen xa 30 anos e están no tramo final do seu crecemento pero á súa rendibilidade é unha incógnita. “Teoricamente o seu prezo de mercado debería estar en torno ao triplo do que vale o piñeiro, pero non sabemos que vai pasar o día de mañá os que apostamos por esta árbore, ao mellor non temos mercado para el”, admite.

Tamén bota en falta recomendacións por parte da Administración en relación ás especies a plantar en cada sitio porque “a xente fai o mesmo que o veciño por mimetismo ou imitación, pasou durante o franquismo co piñeiro e agora co eucalipto. A xente no monte foi aprendendo a base de copiar ao veciño”, di.

“Non hai un inventario forestal fiable, porque o 4º non é fiable e o 5º está sen facer”

A súa casa de Adelán, en Alfoz, onde predomina a pedra e a madeira, é unha boa mostra de convivencia de usos e distintas especies de madeira (castaño, álamo, piñeiro do país, piñeiro de oregón e mesmo acacia). O monocultivo, di, ten ademais outras consecuencias. “Cando tes unha monoespecie tamén tes unha monopraga, é como se só botas millo”, compara. Di que “a loita biolóxica contra o goníptero ao principio non foi efectiva porque non se atinou co parásito” e en relación á mycospharella di que “está todo infestado”.

Do mesmo xeito, é partidario de buscar novas alternativas e aplicacións ao eucalipto máis aló da pasta de papel. “Hai moitas plantacións pasadas de ciclo de corta que son un desperdicio para pasta, habería que apostar máis por outros usos como o estrutural ou o laminado, pero hai moi pouca demanda de momento para iso”.

“Non interesábamos no mercado”

As asociacións de produtores de madeira, que naceron cun ámbito municipal, xurdiron nun momento de prezos moi baixos da madeira nos anos 2005 e 2006. “Había un elemento aglutinador que fixo que xurdiran moitas e moi rápido”, explica Reimunde. Tanto é así que en só 3 anos apareceron unhas 30 asociacións de ámbito municipal con estatutos e fins idénticos: xuntar aos produtores para defender os seus intereses e lograr un reparto máis xusto do valor da madeira.

Pero esa era só a primeira parte dun proxecto de maior calado, a creación dunha entidade de ámbito galego que as aglutinara a todas. Creouse entón Promagal (Federación de Asociacións de Produtores de Madeira de Galiza) con 100 socios iniciais e legalizada como cooperativa, seguindo o modelo exitoso seguido por produtores doutras latitudes a nivel europeo, como franceses ou finlandeses.

“Logramos agruparnos para vender chegando a ter acordos con Finsa e con Ence, e tamén fixemos algunha compra en conxunto, como por exemplo planta para repoboar”, lembra. Pero aquel novo sistema de intermediación, que mesmo logrou presionar cunha folga de entregas, modificaba o sistema tradicional de compra de madeira. “A Ence non lle interesaba que aquilo se fixera forte e en canto pasou o primeiro contrato, no que lle funcionabamos como central de compras, e se deu conta de que non lle conviña, comezou a negociar con cada unha das asociacións por separado e como eran moi diversas e moi dispares, cada unha comezou a tirar pola súa conta e xurdiron as diferenzas”, recoñece.

“Ás empresas compradoras tampouco lles interesa regular o sector e que os produtores teñan cooperativas fortes”

“Sigo dicindo que a idea de agrupar aos propietarios para que teñamos forza e se nos teña en conta é moi boa, pero é de xustiza recoñecer que lograron dividirnos e manternos á marxe da toma de decisións, por moito que Promagal participe en foros como o da elaboración do Plan Forestal. Nós tentamos isto, pero pola idade mesma que temos a maioría dos propietarios forestais, vai ter que ser outra xeración a que complete o traballo”, di, porque a maioría dos socios de Promagal, igual que a maioría de propietarios forestais en Galicia, pasa da idade de xubilación. “Penso que habería que mirar algún sistema de transmisión da propiedade que facilitara o relevo xeracional nos montes”, afirma. Sobre a concentración e xestión conxunta a través das Sociedades de Xestión Forestal, impulsadas desde a Xunta, opina que “as Sofor teñen un problema fiscal e mentres iso non se resolva non van ser efectivas porque non haberá moitas”.

Malia que o proxecto “non se conseguiu levar á práctica a pleno rendemento”, hai algunhas daquelas asociacións de carácter municipal, como a de Viveiro, a de Cedeira ou a de Cerdido que se manteñen moi vivas e con moitos socios (algunha delas mesmo supera os mil asociados). Promagal está formada hoxe por 25 entidades municipais das comarcas da Mariña, Ferrolterra e Ortegal.

 

Una idea sobre ““Os maderistas e as industrias non queren repartir co produtor forestal”

  1. tomas

    Vaia para onde non haxa eucaliptos o que no se lle debe poñer atrancos , poñemos piñeiro de oregón sen saber se a xente vai gañar ou non, penso que xa hai eucalipto dabondo que negocien todos xuntos o prezo e se deixen de aumentar superficie

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información