Os gandeiros manterán a tractorada en Lugo

A asemblea de gandeiros decidiu manter a tractorada na Muralla ata o xoves 10. Porén, fontes da asemblea de gandeiros informaron a Campo Galego de que si está previsto que se desprazen ata Santiago o xoves para participar na manifestación dos produtores lácteos.

Os gandeiros manterán a tractorada en Lugo

Asemblea desta tarde.

Centos de gandeiros decidiron esta tarde en asemblea manter a tractorada en Lugo e non desprazarse á mobilización convocada para este luns en Santiago pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego. Os gandeiros decidiron aproveitar o gran apoio cidadán que están a ter en Lugo e a masiva participación do sector para manter a súa reivindicación na capital lucense, como mínimo, ata o xoves 10 de setembro.

A asemblea comezou pasadas as 17:30 horas cun minuto de silencio polas vítimas do accidente de Carral e polo mozo gandeiro falecido en Samos mentres manexaba un rolo de herba, unha sentida homenaxe que rematou cun emotivo aplauso.

A continuación, o voceiro da tractorada, Roberto López someteu a votación da asemblea os seguintes puntos, que foron aprobados por asentimento unánime e sen votación:

-Manter a tractorada en Lugo e non trasladala a Santiago. Os tractores manteranse na actual ubicación rodeando a muralla e sempre deixando un carril libre. En coordinación co Concello de Lugo acordouse buscar un lugar de estacionamento próximo para os tractores que se sumen á protesta.

-A tractorada manterase en Lugo, como mínimo, ata o vindeiro xoves día 10. Segundo trasladou Roberto López “dende o concello dinnos que, a non ser que haxa unha orde da Subdelegación do Goberno, deixaranos seguir no mesmo lugar que ata o de agora”. Porén, fontes da asemblea de gandeiros informaron a Campo Galego de que si está previsto que se desprazen ata Santiago o xoves para participar na manifestación dos produtores lácteos.

-Traslado á Xunta de Galicia das reivindicacións acordadas na asemblea desta sábado pola noite. Serán plasmadas nun escrito que será asinado por todos os gandeiros participantes na mobilización. Está previsto que sexa entregado o martes no Rexistro Xeral da Xunta.

-Para facilitar o traballo nas explotacións lácteas, as asembleas cos representantes por concello serán dende este luns ás 21:30 horas e ás 23:00 horas con todos os gandeiros.

Por último, Roberto López expresou o agradecemento a toda a cidadanía de Lugo: “Grazas a toda a xente de Lugo porque están colaborando con nós e imos seguir portándonos como señores”, concluíu.

Apoio de gandeiros de Mazaricos

A xornada de hoxe volveu rexistrar unha masiva participación con centos de tractores rodeando a muralla e cun goteo contínuo de máquinas que se ían sumando a medida que os traballos das explotacións llo permitían.

Unha das notas da xornada foi a chegada a media mañá dun grupo de gandeiros de Mazaricos, que se desprazaron cos seus tractores case 200 quilómetros durante toda a noite para manifestar o seu apoio aos seus compañeiros de Lugo.

Gandeiros de Mazaricos presentes en Lugo.

Gandeiros de Mazaricos presentes en Lugo.

Joaquín Castelo, un dos gandeiros mazaricáns presentes en Lugo subliña que “o problema é de todos os gandeiros”. “Pareceunos ben feito que os gandeiros decidiran quedarse á marxe dos sindicatos e decidimos vir ata Lugo” explica. Asegura que “neste momento os prezos na nosa comarca andan entre 26 e 28 céntimos e con iso non cubrimos os custos de produción”.

Germán, outro gandeiro de Mazaricos, lamenta que “isto había que facelo antes porque estabamos con prezos malos dende hai meses e os sindicatos foron aprazando as mobilizacións ata que coincidiron no peor momento, cando hai que facer as labores agrícolas de recoller o millo”.

Reitéralle ás Administracións que “os gandeiros non queremos préstamos nin axudas, queremos prezos que cubran os custos de produción e nos permitan vivir do noso traballo”.

Galería de imaxes:

Una idea sobre “Os gandeiros manterán a tractorada en Lugo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información