Os gandeiros iniciarán accións contra as cisternas de leite que entren de fóra

As arredor de 300 persoas concentradas en Santiago apostan por buscar a unión e a organización do sector. Procurarase manter unha estratexia sostida no tempo en demanda de prezos e garantías de recollida para o leite

Os gandeiros iniciarán accións contra as cisternas de leite que entren de fóra

Pancarta principal da concentración de hoxe en Santiago.

A protesta láctea de hoxe en Santiago, á que asistiron arredor de 300 persoas, abre vías de esperanza para un sector que ata hai semanas estaba marcado pola división e pola frustración. De Santiago non saen solucións en firme, nin se podían esperar, pero si un consenso de todos en apostar pola unidade e por manter unha estratexia de loita sostida no tempo. O primeiro paso, acordado tras a protesta polos representantes das organizacións agrarias, será o control das cisternas de leite que entran de fóra.

A situación de dificultade pola que atravesa o sector, con centos de explotacións cobrando o leite a prezo de po, por baixo dos 20 céntimos, e con granxas que están sen comprador a partir de mañá, facía prever un forte respaldo á protesta de hoxe en Santiago. Foron sen embargo non máis de 300 persoas as que se xuntaron ante a Consellería do Medio Rural.

Entre os gandeiros, esa pasividade de boa parte das explotacións é causa de frustración. Un produtor de Curtis evidenciaba o feito de que das 17 granxas que deixa Leche Río a partir de mañá na súa comarca, ningunha estaba na concentración, a pesar de que desde agora todas esas explotacións non teñen outra vía que entregar o leite a baixos prezos.

protesta santiago estandar

Outro de Muxía sinalaba a mesma situación: “Hai veciños que din que non se consegue nada, pero cando conseguimos as axudas foron os primeiros en cobralas”.

Asemblea
Xa na asemblea final, micrófono en man, houbo gandeiros que apelaron á necesidade de ir sumando máis forzas: “Non lle botemos a culpa a Feijoo da nosa situación. A culpa é dos 9.000 gandeiros que están na casa. Organicémonos e traballemos para que nos paguen máis polo leite” -propuxo un produtor.- “Estivemos en Carrefour durmindo 15 días no tractor e veu o presidente de Carrefour, veu o de Lactalis e repercutiu no prezo do leite. Que fosen 400 ou 500 euros, pero eran nosos”, suliñou.

“Organicémonos. Estivemos en Carrefour 15 días e veu o presidente de Carrefour, veu logo o de Lactalis e repercutiu no prezo do leite”

Desde as organizacións agrarias apóstase tamén pola organización. “Se a xente ve que hai consenso e unión, moverase”, pronosticou a responsable de leite do Sindicato Labrego, Lupe Prado, que rota pola emoción lembrou que hai persoas que non estiveron na concentración porque levan noites sen durmir pensando nos problemas que se lles veñen enriba.

Propostas

Á hora de analizar as accións a adoptar, houbo propostas en firme para iniciar cortes de estradas cos que facer visible o problema gandeiro, se ben ante a falta de consenso, pospúxose a decisión a unha reunión dos representantes do sector. Rematouse entón a concentración e comezou unha reunión entre representantes de todas as organizacións convocantes.

Da xuntanza concluiuse unha primeira acción a realizar xa nos próximos días, o control das cisternas de leite que entran de fóra para as industrias galegas, segundo informa Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma. Os gandeiros non entenden como pode quedar leite sen recoller en Galicia ou pagado a prezos de leite en po en tanto se segue importando leite líquido para a súa transformación na comunidade.

Para os próximos días, iniciarase o control de cisternas como primeira acción. O sector é consciente de que na primavera, unha vez iniciados os traballos estacionais no campo, serán difíciles grandes mobilizacións, pero márcase o reto de continuar a loita cunha estratexia de pequenas accións. “Se non facemos algo, esto vaise”, advirten os gandeiros.

Transformación
De cara ó futuro, Roberto López, de Agromuralla, que interviu na asemblea da concentración, apostou por buscar a implicación dos gandeiros en proxectos de transformación. “Defendamos o noso. Se temos as mellores vacas, as mellores máquinas, o mellor leite, non podemos esperar a que veña unha cisterna e nolo paguen a como queiran. Esto tense que cambiar”, defendió.

“Organicémonos. Comecemos as traballar por nós. Cal é o problema de que ese leite intentemos transformalo?. Hai xente que me di que iso é unha utopía. Claro, é mellor que nolo paquen a 17 céntimos ou que nolo deixen de levar”, ironiza. “Como non arriesguemos o noso capital en darlle ó produto para diante, todo vai seguir igual”, concluiu.

Lectura do manifesto da concentración.

Lectura do manifesto da concentración.

A mobilización de Santiago foi a primeira protesta unitaria do sector desde o pasado verán, con participación de todas as organizacións da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo (Agaca, Fruga, OPL, Oruga, Sindicato Labrego, Unións Agrarias) e de Agromuralla.

Manifesto
O manifesto da concentración foi lido por Manuel Iglesias Turnes, un escritor de novelas de temática rural e que traballa no sector da xenética vacuna desde hai décadas. “Cando unha granxa morre, morre para sempre” -lembrou- “Con ela morre tamén un anaco da súa aldea e un anaco do país”.

Una idea sobre “Os gandeiros iniciarán accións contra as cisternas de leite que entren de fóra

  1. eduardo mascarenhas

    entonces se hacen guerra a la producion portuguesa es eso? no basta los crimenes que hacen a los camiones portogueses?

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información