Os gandeiros, animados polos logros, redobran os bloqueos á distribución

Cen tractores sumaranse ó mediodía de hoxe ó bloqueo do Carrefour da Coruña, que continúa por duodécimo día. Os produtores manterán unha reunión coa cadea e con Lactalis e Leche Celta

Os gandeiros, animados polos logros, redobran os bloqueos á distribución

Os produtores bloquean o acceso de mercadurías ó centro.

Os bloqueos dos gandeiros ás cadeas de distribución van a máis. Logo dos acordos ós que se chegou con Eroski e con Lidl, os produtores, coordinados pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, están a centrar os seus esforzos no Carrefour da Coruña, que ten no seu entorno preto de douscentos tractores das comarcas de Ordes, Arzúa, Ferrolterra e Aranga. Para hoxe ó mediodía agárdase a chegada doutros cen tractores, principalmente de Ordes e Arzúa. En Lugo, novos reforzos se están sumando tamén á vintena de tractores que iniciou esta fin de semana o bloqueo do Carrefour do Anxo Carro.

A estratexia inicial dos gandeiros na Coruña centrouse no bloqueo dos accesos, para disuadir a entrada de consumidores, aínda que estes últimos días optaron por manter pechado só o acceso de mercadurías, permitindo o paso dos cidadáns. Os efectos da falta de produto xa se están notando nalgunhas seccións do Carrefour da Coruña, principalmente en leite, conxelados e frescos.

carrefour coruña 4

O bloqueo, que se extendeu a Lugo e ameaza con facelo a outros centros do grupo en Galicia, está a provocar un forte malestar na cadea polas perdas acumuladas. En cambio, os ánimos entre os gandeiros van a máis. “Preguntáronme que cando nos iamos –relata un gandeiro- e díxenlles que cando se nos rematase o gasoil, e tamén lles avisei de que temos os tractores apagados”, conclúe entre risas.

As accións dos gandeiros sobre o Carrefour da Coruña chegan hoxe ó duodécimo día consecutivo. Lonxe de decaer, a mobilización dos produtores redóbrase. “Do Carrefour temos claro que non saímos sen un acordo. Todos os gandeiros que participamos no bloqueo sabemos a que vimos e para que estamos aquí”, resumía na tarde de onte ao pé do centro comercial Óscar Pose, de Unións Agrarias, unha das organizacións integradas na Plataforma.

Reunión con Carrefour, Lactalis e Leche Celta
Carrefour convocou unha reunión a tres bandas para hoxe cos representantes dos gandeiros e coas industrias proveedoras de marca branca da cadea, Lactalis e Leche Celta. Os produtores, que acudirán á reunión con representantes de cada comarca participante nos bloqueos, teñen claro cal é o seu obxectivo. Que Lactalis e Leche Celta se comprometan a un aumento nos pagos ós gandeiros, sustituindo os contratos actuais por outros novos.

O desabastecemento comeza a notarse en conxelados, frescos e leite.

O desabastecemento comeza a notarse en conxelados, frescos e leite.

Dáse ademais a circunstancia de que Leche Celta é tamén proveedora de marca branca de Mercadona, que xa lle paga máis desde setembro polo leite, e de Eroski e Lidl, que se veñen de comprometer a semana pasada a aumentar os pagos que lle fan a Leche Celta.

Os gandeiros, que se turnan ante o Carrefour da Coruña desde hai 12 días, botaban contas na tarde de onte sobre o que facer, de chegarse a un acordo con Carrefour. “Se chegamos a un acordo con Carrefour e desbloqueamos, onde imos?”, preguntábase un dos participantes no bloqueo. “Sobran sitios. Alcampo, Dia, Gadis e máis”, enumeraba outro.

Os pactos logrados coas cadeas Eroski e Lidl, tras os bloqueos da pasada semana, elevaron a moral entre os produtores, que dan por segura a continuidade das protestas para presionar ó resto das cadeas.

– E que garantías tedes de que cumpran o pactado? –pregunto- En setembro Lidl e Eroski tamén se comprometeran a aumentarlle os pagos ás industrias e semella que non o fixeron.
– Non hai problema, os tractores igual que se van, logo volven.

Agromuralla en Lugo
Entre tanto, a asociación Agromuralla, que a fin de semana decidiu non facer accións con motivo das eleccións, retoma este luns os actos. Para as 12 ten prevista unha concentración ante o edificio multiusos da Xunta e ás catro da tarde fará unha acción informativa para os consumidores do centro comercial Abella. Á noite, celebrará unha asemblea informativa ás 22.30 horas.

Tamén se agardan noticias da Organización de Productores de Leche (OPL), integrada na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo pero que anunciou hai días que non se mobilizaría ata pasar a campaña electoral.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información