A Casa da Cultura de Outeiro de Rei acollerá o 21 de outubro un encontro informativo sobre o valor nutricional da fariña de castaña para o gando, sobre todo para os porcos. O acto está organizado por Campolab.
Esta palestra celebrarase coa asistencia de tres relatores. A primeira será a doutora Noemí Echegaray Suárez, doutora en tecnoloxía agroalimentaria e investigadora do CETECA. A súa intervención centrarase na alimentación do porco con castañas e o impacto deste alimento sobre a calidade da carne.
A continuación, a doutora en Bioloxía María Begoña de la Roza Delgado, do SERIDA, explicará a influencia da castaña como alimento complementario para o mantemento dos porcos celtas en réxime extensivo.
Seguidamente, Pablo Antonio Fraga Gontán, enxeñeiro técnico agrícola, realizará a presentación de Campolab, a nova experiencia que deseña produtos alimenticios con base de castaña, sobre todo a fabricación de produtos para mantemento animal, até a revalorización de subprodutos da transformación deste froito.