“Os efectos da resinación sobre o piñeiro son moi pequenos e ás veces incluso son positivos”

Coñecer a resposta dos piñeiros á extracción de resina foi un dos obxectivos dos traballos do investigador Rafael Zas, no proxecto Go Acrema. Explícanos as súas conclusións e os resultados da análise das pastas estimulantes da produción de resina máis utilizadas

“Os efectos da resinación sobre o piñeiro son moi pequenos e ás veces incluso son positivos”

O investigador da Misión Biolóxica de Galicia, Rafael Zas.

Abordamos co investigador da Misión Biolóxica de Galicia, Rafael Zas, os avances que lograron no marco do proxecto Go Acrema sobre a resposta dos piñeiros fronte á extracción de resina. Os seus resultados poden ter efecto directo nos procedementos empregados polos resineiros nos piñeirais galegos.

Tamén traballaron sobre as pastas estimulantes máis utilizadas para a produción de resina. Coñecemos as súas conclusións e recomendacións.

-Desde a Misión Biolóxica centráronse en estudar a resina, que aspectos abordaron?
-No grupo de investigación da Misión Biolóxica, que se chama Xenética e Ecoloxía Forestal, dedicámonos a tentar entender como os piñeiros se defenden dos seus inimigos naturais e as interaccións que os piñeiros teñen cos insectos e patóxenos que os rodean.

-É a resina un método defensivo do piñeiro?
-Sen dúbida. No caso dos piñeiros, a resina é o mecanismo de resistencia máis característico e importante que teñen fronte aos seus inimigos, de aí o noso interese pola resina. Poderíase dicir que a resina do piñeiro é un paradigma do sistema de defensas en plantas, xa que é unha substancia superespecializada orientada a protexer ás árbores das agresións exteriores. A resina ten propiedades antifúnxicas, repelentes de insectos e ten a capacidade de selar as feridas das árbores.

-Ata que punto a extracción da resina debilita ao piñeiro?
-Esa é unha dúbida que sempre estivo presente e había moita preocupación especialmente cando se comezou a barallar a opción de resinar nas zonas atlánticas, como Galicia ou Asturias, onde a sanidade dos piñeirais é un pouco delicada, especialmente pola afección do nematodo e do fusarium. Precisamente un dos nosos traballos no proxecto Acrema centrouse en valorar a repercusión do aproveitamento resineiro sobre aspectos defensivos das árbores.

Como era esperable, as árbores responden ás agresións que supón a resinación tentando aumentar o investimento defensivo, é dicir producindo máis resina ou outros compostos defensivos, preto das zonas de resinación, á conta dunha redución nas partes máis afastadas. En principio, os efectos da resinación para o piñeiro son moi pequenos e non sempre son negativos. Ás veces son efectos mesmo positivos. Hai máis capacidade defensiva en árbores resinados que en non resinados, dependendo do tecido.

-Pode ser unha vía de entrada para outro tipo de patóxenos?
-Cos resultados non podemos ser aínda moi concluíntes, xa que nos centramos en estudar o investimento da árbore en defensas. Desde ese punto de vista, non son máis susceptibles as árbores resinadas. Aínda que hai que estudar máis en detalle se a resinación pode ser un foco de risco, a miña impresión é que non o vai ser, dada a capacidade da árbore de responder ás agresións. Así, o esperable é que non sexa un factor de maior risco, pero hai que comprobalo de forma experimental.

-Pódese seguir resinando aínda que avance o nematodo do piñeiro, como xa están a facer en Portugal?
-Sería partidario de facelo, xa que non hai ningunha evidencia de que esta actividade puidese ser prexudicial e favoreza o avance do nematodo. Ademais, a teoría dinos que as árbores tenderán a ser máis resistentes ao vector do nematodo. Con esas premisas creo que pode ser esaxerado manter a prohibición de resinar nesas zonas.

“Hai unha resposta clara do piñeiro fronte á resinación, cun maior fluxo de resina cara ás zonas de resinación. Trasládase a resina da copa ás zonas das feridas”

-Hai diferenzas significativas no comportamento dos piñeiros, unha vez están sometidos á extracción de resina?
-Os piñeiros, como case todas as plantas, son capaces de recibir e reaccionar ante estímulos externos. É moi evidente a súa capacidade de percibir que están a ser atacadas por un inimigo e aumentar a súa defensa. Isto é precisamente o que ocorre coa resinación. Hai unha resposta clara fronte á resinación, cun maior fluxo de resina cara ás zonas de resinación. Hai un traslado de resina da copa ás zonas das feridas. Tamén hai variacións no contido nutricional dos tecidos da copa, que se ven mermados. Mesmo hai alteracións na capacidade reprodutiva das árbores, pero non sempre son respostas negativas.

-Inflúe o método de resinación na produción de resina? Hai un movemento do fluxo de resina en función da forma de resinar?
-Aínda que non son a persoa máis indicada para responder, claramente o método de resinación e a pasta que se utiliza ou a forma de aplicala ás feridas afecta á produción de resina.

-No seu estudo contaron con piñeiros que foron resinados durante 3 ou 5 anos, móstranse diferenzas? 
-Para estudar os efectos da resinación fixémolo en dous montes, un en Caldas e outro en Pantón, onde un levaba sendo resinado 3 campañas e outro 5, pero non podemos comparalos entre si porque son dous montes diferentes. Aínda así, os resultados son bastantes consistentes, é dicir os efectos son moi parecidos. Hai unha resposta moi clara local ao redor das feridas de resinación nos dous sitios e unhas lixeiras variacións de distintos caracteres na copa das árbores que suxire que hai unha traslocación. Evidencia que a resposta das árbores consiste en trasladar recursos á zona onde está a ser agredida. Eses mínimos efectos da resinación en ambolos dous montes poden deberse tamén a que os piñeiros están nun ambiente moi propicio para o seu desenvolvemento, moi abundante en recursos.

“Nos piñeirais que só vaian a resinarse 5 campañas, o ideal sería ir realizando picas cara arriba sobre a mesma cara”

-Como pode condicionar este fluxo da resina os traballos de extracción en campo?
-Tería repercusións á hora de definir como é a secuencia das feridas das picas que se fan nos piñeiros. En concreto, onde se acumula maior cantidade de resina en anos seguintes é na zona da cara resinada e por encima da pica. O ideal sería, en campañas sucesivas, tender a ir realizando picas cara arriba sobre a mesma cara.

-É correcto seguir traballando como se está facendo ata o de agora?
-En Galicia tampouco hai árbores que fosen resinados moito máis alá de 5 campañas seguidas, como ocorre en zonas produtoras como Castela, onde se está resinando durante 25 anos e onde ao final terminas por ter que cambiar de fronte. En zonas nas que se vaia a resinar só durante 5 anos é recomendable que se faga nunha cara, empezando desde abaixo e ir subindo.

-No marco do proxecto Go Acrema analizaron 15 pastas estimulantes. Con que obxectivo se fixo esta comparación?
-Por unha banda, todo o coñecemento que hai en España sobre o mundo da resina procede de experiencias realizadas na meseta castelá, principal produtor e aínda que a especie é a mesma que en Galicia, as condicións son moi diferentes. Cabía a dúbida de se esas pastas estimulantes que alí estaban a dar resultados tamén ían funcionar de igual maneira nos piñeirais atlánticos, cunhas condicións ambientais e silvícolas diferentes.

Por outra banda, todas estas pastas estimulantes están formuladas a base de ácidos moi corrosivos e buscábanse pastas alternativas que fosen máis benignas para a saúde dos traballadores e do ambiente. Así, aproveitamos uns métodos que tiñamos para avaliar a capacidade defensiva das árbores estimando o fluxo de resina, coñecidos como microrresinación, para estimar a produción cun método tradicional. Desta maneira, con este método rápido e áxil, puidemos avaliar moitas pastas, en diferentes lugares e moitas árbores.

-Que tipo de pastas avaliastes dentro do proxecto Go Acrema?
-Moitas das pastas que avaliamos son comerciais e utilizadas en distintas partes do mundo. Tamén se incluíron outras froito da innovación, buscando esas pastas que fosen máis sostibles. Así, dentro do consorcio de Acrema, os distintos socios foron achegando as súas ideas. En concreto desde a Misión Biolóxica probamos unha alternativa relacionada co uso dunha fitohormona, involucrada na detección da árbore desde que é danada ata que reacciona.

-Cales son as que mellores resultados en materia de sustentabilidade están a demostrar?
-En xeral, as alternativas nas que se reduce a presenza de ácidos corrosivos son menos eficaces, polo que non hai ningunha solución innovadora que poida substituír aos ácidos clásicos. Aínda que si hai pastas desenvolvidas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán que teñen interese. Trátase dunha alternativa baseada na fitohormona do ácido salicílico, que está a proporcionar bos resultados. Tamén hai outras pastas que non se estaban utilizando no mercado nacional e que funcionaron ben.

“Tras a análise, podemos ofrecer recomendacións das pastas estimulantes que mellor funcionan nos piñeirais galegos”

-Hai algunhas pastas das analizadas que sexan unha boa alternativa para utilizar en piñeirais galegos?
-Hai unha selección das pastas analizadas que funcionan moi ben nos piñeirais galegos. Grazas á investigación, podemos dar recomendacións sobre as que mellor funcionan.

-Tamén levaron a cabo un estudo do potencial resineiro do piñeiro do país (Pinus pinaster). Que conclusións destacan?
-No último ano do proxecto e utilizando eses métodos de microrresinación, fixemos unha mostraxe xigantesca e que nos permitiu avaliar o potencial de produción de resina nunha gran cantidade de montes distribuídos desde a vertente da costa atlántica noroeste ata a montaña de Soria e Burgos. Realizamos unha mostraxe en máis dun cento de parcelas e detectamos unha variación moi grande. Polo momento, estamos pendentes de analizar os datos para poder determinar os factores que determinan esa variación.

-Aínda que queda por realizar esa análise, pode adiantar xa algo sobre iso?
-Vimos unha gran variabilidade e esta non é trivial, xa que non detectamos polo momento ningún factor que poida explicar o seu porqué. Non hai factores a primeira vista que expliquen porqué un piñeiral produce máis resina que outro. Así, hai piñeirais nunha mesma zona que poden chegar a producir ata 5 veces máis cantidade de resina que outros. Tamén detectamos parcelas superproductoras en Galicia que estarían ao nivel das de Castela, pero está aínda pendente de ser confirmado estatisticamente. Isto sumado a que en Galicia temos 400.000 hectáreas de piñeiral ratifica o potencial resineiro dos piñeirais galegos, que non só é de interese por ser unha alternativa produtiva para os montes, senón polo ben que xera o aproveitamento resineiro no piñeiral, xa que recupera a relación do piñeiral co home. Desta maneira, cóidanse máis os piñeirais e redúcese o risco de abandono e incendios forestais.

-Estades a traballar noutros proxectos sobre resina?
-Dentro da mesma liña dos traballos que se realizaron no marco do proxecto Go Acrema, estamos agora empezando a traballar noutras iniciativas coas que buscamos seguir dando continuidade aos avances en resina. Por unha banda, trátase do grupo operativo rexional Picare, destinado a afondar sobre a caracterización da calidade da resina para conseguir a revalorización da resina de calidade, o que supón seguir investigando nos avances conseguidos co proxecto Go Acrema.

Analizaremos os factores que determinan a calidade para saber canto vén dado pola xenética ou polo ambiente. Por outra banda, estamos a iniciar o proxecto Tapines, que está destinado a estudar máis en profundidade a repercusión do aproveitamento resineiro non só sobre a fisioloxía da árbore individual senón as súas interaccións co ecosistema.

Proyecto financiado por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en el marco del Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020 con un importe de 558.710,55 euros. El importe del proyecto es cofinanciado al 80% por el Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER) y al 20% por fondos de la Administración General del Estado (AGE), tal como se establece en el Real Decreto 169/2018, de 23 de marzo.

El organismo responsable del contenido es el GO-ACREMA y la Dirección General de Desarrollo Rural, Innovación y Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) como autoridad de gestión encargada de la aplicación de la ayuda FEADER y nacional correspondiente.

Logo Acrema 660Logos asociados grupo Acrema

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información