Os criadores de razas autóctonas galegas disporán de case 3 millóns de euros de axudas da Xunta ata o 2025

O Consello da Xunta aprobará mañá xoves a sinatura de seis convenios con outras tantas entidades e asociacións de criadores para apoiar as actividades que realizan estes colectivos a prol da súa recuperación, conservación e fomento

Os criadores de razas autóctonas galegas disporán de case 3 millóns de euros de axudas da Xunta ata o 2025

Vacas cachenas na serra do Quinxo, no sur de Ourense

O Consello da Xunta autorizará mañá xoves a sinatura dun total de seis convenios entre a Consellería do Medio Rural e outras tantas entidades e asociacións de criadores de razas autóctonas gandeiras de Galicia por importe global de 2.994.000 euros ata o 2025. O obxecto destes acordos é apoiar as actividades que realizan estes colectivos a prol da recuperación, conservación e fomento das razas.

En concreto, autorízase á Consellería do Medio Rural a asinar un convenio co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), cunha achega por parte do Goberno galego de 220.000 euros, para continuar coa execución de actividades de conservación dos recursos zooxenéticos autóctonos das razas ovella galega, cabra galega e porco celta.

O segundo acordo establecerase coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), cunha dotación de máis de 1,2 millóns de euros, para a conservación, desenvolvemento e utilización sostible dos recursos zooxenéticos das razas e dos seus produtos derivados, fomentando o seu uso comercial como elemento clave para a súa conservación. Neste caso as razas amparadas son as bovinas autóctonas galegas en perigo de extinción (limiá, cachena, vianesa, caldelá e frieiresa), así como a ovella galega, a cabra galega e a galiña de Mos.

Un terceiro convenio asinarase coa Asociación Nacional de Criadores da Raza Rubia Galega (Acruga) para impulsar o programa de consolidación e diversificación desta raza, cunha achega da Consellería de 600.000 euros. Outro acordo subscribirase coa Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel) por importe de 513.000 euros, para financiar actividades de recuperación, conservación e fomento desta raza porcina.

Por último, en relación co cabalo de pura raza galego, asinaranse dous convenios. Un deles coa asociación de criadores, por valor de 243.000 euros e outro coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego, por importe doutros 174.000 euros. No primeiro caso, a finalidade do convenio é a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos recursos zooxenéticos da raza. No segundo, financiaranse actuacións destinadas á posta en valor das aptitudes da raza en actividades deportivas, de exposición e de ocio.

Todos estes convenios están cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Como complemento a estas actuacións, a Xunta habilita cada ano, dentro das achegas da PAC, axudas para os titulares das explotacións que traballan coas razas autóctonas en perigo de extinción e que supuxeron un esforzo orzamentario de 1,2 millóns de euros no ano 2022.

Ademais, achéganse dende Medio Rural fondos para o fomento das razas, máis especificamente para a creación ou mantemento de libros xenealóxicos ou do programa de mellora oficialmente recoñecido de cada raza. Son 220.000 euros anuais destinados ás organizacións ou asociacións de criadores recoñecidas pola comunidade autónoma.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información