Os contratos lácteos deberán revisarse se os custos das granxas soben durante 3 meses consecutivos

O Ministerio de Agricultura modifica o Real Decreto que regula os contratos no sector lácteo. “A revisión busca garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e permitir aos produtores facer fronte a subidas excepcionais dos custos de produción”, asegura

Vacas en produción.

O Ministerio de Agricultura publicou este martes na súa páxina web a modificación da normativa que regula as condicións de contratación no sector lácteo (Real Decreto 95/2019, do 1 de marzo), que a partir do mércores 12 e ata o 20 de xaneiro inicia o proceso de audiencia e información pública.

A iniciativa ten por obxecto facilitar que os contratos de compra-venda de leite cru entre a industria e os produtores se axusten con rapidez aos incrementos nos custos de produción que de maneira sostida se veñen producindo nos últimos meses.

“Trátase de asegurar que os custos de produción se repercutan de maneira equilibrada ao longo da cadea de valor do leite e produtos lácteos, sen que produzan reducións de marxes nas granxas que poñan en perigo a súa viabilidade”, indica o Ministerio nunha nota de prensa.

Revisión de contratos cando os custos de produción aumentan

A proposta de modificación abre a posibilidade de que os produtores con contratos subscritos a prezo fixo e de polo menos un ano de duración soliciten á industria unha nova oferta de contrato, cando, como no momento actual, exista un incremento sostido e continuado dos custos durante polo menos 3 meses, que se traduzan en prezos polo leite entregado inferiores aos custos de produción durante ese período.

Neses casos, o comprador estará obrigado a presentar a oferta nun prazo máximo dun mes para subscribir un novo contrato que respecte así o previsto na Lei da Cadea Alimantaria. Do contrario, será sancionado.

Os contratos a prezo fixo deberán revisarse se se produce un incremento sostido durante tres meses nos custos de produción

Do mesmo xeito, nos contratos con prezo variable, débese realizar un axuste que garanta que a evolución do prezo do contrato se acompase realmente coa realidade do mercado, moi en particular en relación á evolución dos custos de produción que maior influencia teñen na formación do prezo (alimentación do gando, enerxía, combustibles, etc).

O proxecto, pola urxencia derivada da situación actual, estará sometido a información pública durante só 7 días, ata o próximo 20 de xaneiro incluído.

Prohibición de venda a perdas

A recente publicación da modificación da Lei da Cadea Alimentaria, en vigor desde o pasado 15 de decembro, busca lograr unhas relacións comerciais máis xustas, equilibradas e transparentes, e para iso, entre outros aspectos, introduce a prohibición da destrución de valor ao longo da cadea, polo que cada operador debe pagar ao elo anterior un prezo igual ou superior ao custo asumido.

As análises e informes publicados polo Ministerio e as Comunidades Autónomas poderán utilizarse para apoiar a información sobre os custos de produción que as granxas lles aporten á industria

“Por iso, resulta necesario introducir certas modificacións na normativa que actualmente regula a contratación láctea para garantir que esta premisa se cumpre tamén no caso de que a situación dos custos varíe de maneira significativa e sostida no tempo”, argumenta o Ministerio, que con todo segue sen establecer un mecanismo público que fixe un índice de referencia sobre os custos de produción das explotacións, tal como se vén reclamando desde o sector gandeiro, aínda que aclara que “as análises e informes publicados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ou as Comunidades Autónomas poderán utilizarse para apoiar a información sobre os custos de produción que no seu caso a granxa lle achegue” á industria.

O gandeiro deberá aceptar por escrito no prazo de 15 días a oferta presentada pola industria; en caso contrario considerarase rexeitada

Para a negociación de contratos, o produtor terá a obriga de contestar ao primeiro comprador por escrito e no prazo máximo de quince días aceptando ou rexeitando a oferta presentada. A ausencia de resposta por parte do produtor considerarase un rexeitamento expreso da oferta en todos os seus termos.

Diminución dos umbrais necesarios para constituír unha Organización de produtores

Doutra banda, tamén se introducen na norma outra serie de modificacións que pretenden mellorar tanto o poder negociador do produtor como as relacións contractuais establecidas.

Así, diminúense os limiares produtivos necesarios para constituír unha Organización de Produtores tanto no vacún de leite como no caprino de leite, “xa que a experiencia adquirida desde a publicación da norma demostrou que un tamaño excesivo para constituír estas organizacións pode xerar dificultades na xestión e na eficacia das mesmas”, xustifica o Ministerio.

Para constituír unha OPL de gandeiros de vacún será suficiente con reunir unha produción de 75.000 toneladas en convencional ou 5.000 en ecolóxico

Coa aprobación do novo Real Decreto que se somete a información pública, redúcese a 75.000 toneladas o volume da produción comercializable mínimo de leite de vaca e a 30.000 e 15.000 toneladas de ovella e cabra, respectivamente, recollidas no anexo IV do Real Decreto 95/2019, do 1 de marzo. En caso de produción de leite ecolóxico a produción comercializable mínima será de 5.000 toneladas de vaca e 1.000 toneladas de ovella ou cabra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información