Os centros de investigación agraria de Galicia desenvolveron 115 proxectos no periodo 2012-2015

O Instituto Galego da Calidade Alimentaria, que coordina a actividade investigadora, presentou a súa memoria de actividade dos últimos catro anos. A entidade será sustituída en breve pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria

Os centros de investigación agraria de Galicia desenvolveron 115 proxectos no periodo 2012-2015

Presentación da memoria de actividades do Ingacal, con participación da conselleira do Medio Rural.

No periodo 2012-2015, os centros de investigación agraria dependentes da Xunta de Galicia desenvolveron un total de 115 proxectos de I+D+i (Investigación + Desenvolvemento + Innovación) relacionados co agro. O máis prolífico foi o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a pesar de ter perdido arredor dun terzo do seu persoal nos últimos anos, seguido do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Leiro, Ourense) e do Laboratorio Fitopatolóxico de Galicia, ubicado tamén en Mabegondo.

Son os catro centros nos que descansa na comunidade o traballo de investigación, servizos e transferencia tecnolóxica ó agro. Parte dos 115 proxectos que desenvolveron ó longo destes catro anos foron cofinanciados por empresas do sector, en tanto outra parte correspondeulle á Xunta e ó INIA (Instituto Nacional de Investigación Agraria).

Da coordinación dos centros de investigación e dos seus proxectos encárgase o Instituto Galego de Calidade Alimentaria (Ingacal), que onte presentou a súa memoria de actividade 2012-2015.

O Ingacal ocúpase ademais de promover a calidade diferenciada dos produtos galegos, en colaboración coas 30 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas con que conta a comunidade. Esta liña de traballo tamén supuxo nos últimos catro anos a execución de máis de 800 auditorías a produtores e envasadores.

Creación do Agacal
A presentación da memoria do Ingacal contou coa participación da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; do director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto; e do secretario técnico do Ingacal, Alfonso Ribas.

No acto, que se desenvolveu no Centro de Formación Agraria de Sergude (Boqueixón), a conselleira lembrou a pronta sustitución do Ingacal polo Agacal (Axencia Galega de Calidade Alimentaria), un novo órgano -dixo- que se pretende que potencia a actividade de investigación e formación que xa viña realizando o Ingacal. “Penso que é unha reestruturación que será ben acollida tanto a nivel interno como externo”, valorou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información