Os cazadores excluirán dos Tecores as parcelas de explotacións que os denuncien por danos

En Dozón, a sociedade de caza vota este domingo renunciar ó aproveitamento de parcelas de gandeiros que os denunciaron. O obxectivo é o de evitar o pago de novas indemnizacións nun futuro

Os cazadores excluirán dos Tecores as parcelas de explotacións que os denuncien por danos

Danos do xabarín nunha parcela de millo do Deza. / Arquivo.

O conflicto orixinado pola expansión do xabarín sobe un novo chanzo. De ser un problema económico e de seguridade vial pasou a convertirse nun conflicto social. A decisión de Unións Agrarias de xeralizar a xudicialización dos danos causados polo porco bravo nos cultivos está atopándose coa reacción dos cazadores, que ven na actitude de Unións un ataque inxustificado contra eles.

Os Tecores están dispostos a renunciar a parte dos seus aproveitamentos cinexéticos para evitar futuras denuncias. Tal decisión deixaría as parcelas ás que renunciasen como zonas de exclusión de caza, converténdoas en áreas aínda máis atractivas para a fauna salvaxe, que podería atopar nelas refuxio.

A primeira iniciativa dos cazadores para desfacerse de parcelas conflictivas estase a producir en Dozón (Deza, Pontevedra), onde a sociedade de caza local vota este domingo en asemblea renunciar ó aproveitamento das parcelas de dúas explotacións que os denunciaron. O asunto non é menor, pois xa hai un fallo xudicial firme que os obriga a pagar 6.351 euros de indemnización a un produtor e outra sentencia, recurrida, que lles faría pagar outros 3.000 euros a a outra gandería.

A sociedade de caza terá que aumentar a cota dos socios para enfrontar o pago das indemnizacións, pero de xeito paralelo quérese cubrir as costas para evitar futuras denuncias.

O Tecor proponse excluír do aproveitamento cinexético tódalas fincas de propietarios que os demanden. A sociedade de caza lembra que as sentencias que tiveron en contra parten de denuncias de explotacións que contaron co apoio xurídico de Unións Agrarias no proceso, organización á que responsabilizan das consecuencias que poida ter a exclusión de fincas agrarias do territorio cinexético.

“As sentencias son inxustas, pois as cuadrillas estamos implicándonos de cheo en reducir os danos” (Tecor de Dozón)

“A esta medida chegamos porque non nos deixan opción. As sancións impostas son de todo inxustas, cando ademais as cuadrillas vímonos implicando de cheo durante os últimos anos para minorar estes danos” -explican desde a sociedade de caza-. “Como Tecor non temos recursos económicos suficientes como para facer fronte a novas denuncias, se isto acaba converténdose en habitual. Quen nos denuncie saberá que nos xa non participaremos na axuda ao seu problema, e os socios do Tecor non lle pagaremos os danos”, conclúen.

O Tecor aclara que “non se trata de non querer facer fronte ás responsabilidades que coma Tecor temos por Lei en canto á xestión do xabaril, pero igual que nos denuncian en aplicación da letra pequena que marca a norma, que nos responsabiliza de todo unha vez que temos os dereitos cinexéticos, pola mesma, podemos entrar no mesmo xogo, e de modo totalmente legal, poder desprendernos e renunciar aos dereitos cinexéticos daquelas parcelas que non sexan de interese para o Tecor, dese modo liberarnos de calquera responsabilidade nese eido”, explican.

“Igual que nos denuncian a nós en aplicación da letra pequena da Lei, nós tamén de xeito legal podemos desprendernos das parcelas que non nos interesen”

A sociedade de caza critica a estratexia de Unións Agrarias que anima a denunciar aos Tecores. “Nesta situación faise imposible tecer alianzas con eles na procura de solucións e colaboración. O sindicato non lles contou toda a verdade a aqueles que animan a denunciar, xa que os Tecores tamén temos amparo legal para adoitar estas outras decisións. Deberían formular a súas protestas dirixidas á Administración pero sen involucrarnos aos Tecores, sobre todo aos que cumprimos cun esforzo maiúsculo durante todo o ano. Fraco favor fan a estas explotacións que nos denuncien, pois antes que cazadores somos veciños”, lamentan.

Esforzo de control
Por último, o Tecor de Dozón sinala en nota de prensa que segue comprometido no control do porco bravo. “Como mostra do noso compromiso coas explotacións gandeiras presentes en Dozón, na asemblea someterase a votación crear unha cuarta cuadrilla de xabaril, coa que prestar aínda unha maior axuda”, apuntan.

Precisamente o Tecor de Dozón foi posto de exemplo de bo traballo contra o xabarín nun recente debate no Parlamento galego, onde o portavoz do BNG, Xosé Luis Rivas ‘Mini’ lembrou que este Tecor cazou 160 pezas nunha soa campaña.

Reaccións
Desde colectivos de cazadores como Unitega estanse facendo eco da decisión do Tecor de Dozón, que respaldan. “Se os Tecores lle solicitan á Xunta que saque dos coutos as parcelas que non teñan un acordo de cesión en vigor, estas parcelas pasarán a ser zonas de exclusión de caza, converténdose en refuxios de fauna. Esa situación é probable que aumente os danos de xeito moi importante, pero os cazadores xa non terán obriga da facer alí batidas nin esperas. Os agricultores terán que reclamarlle directamente os danos á Xunta”, conclúe Unitega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información