Publicada a orde de caza 2023, coas medidas de control por danos no agro

Medio Ambiente establece as pautas a seguir para a caza de especies con impacto no agro, como xabarín, corzo e aves. Galicia continúa por segunda campaña consecutiva sen establecer medidas de control do lobo, a diferenza do que fan comunidades veciñas, como Asturias

Publicada a orde de caza 2023, coas medidas de control por danos no agro

Danos do xabarín nunha pradeira.

A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar a orde de caza 2023, na que se establecen as pautas a seguir para as medidas de control por danos no agro. O periodo de caza, con carácter xeral, será do 15 de outubro do 2023 ó 6 de xaneiro do 2024, en xoves, domingos e festivos, se ben con excepcións para outros días da semana en determinadas modalidades de caza. Como é habitual, as medidas de control de danos poderán solicitarse ao longo de todo o ano e Medio Ambiente valorará en cada momento se proceden ou non.

A orde da Consellería establece que, co fin de reducir os danos na agricultura, gandería, silvicultura e na circulación viaria, así como na fauna e flora silvestre, poderanse acordar medidas de control por danos, para o que será preceptivo que os axentes ambientais comproben os danos existentes.

Por especies, as principais medidas son as seguintes:

Xabarín. poderanse autorizar batidas, monterías, esperas ou recechos, incluso en zonas de veda de caza ou de adestramento de cans. As autorizacións de caza por danos serán inmediatas, non sendo preceptiva a comprobación dos mesmos, con independencia das comprobacións que poida decidir facer o servizo de Patrimonio Natural.

Corzo e cervo. Será requisito previo a comprobación dos danos, antes de autorizar a práctica cinexética. No caso das femias adultas, só se permite o seu control na modalidade de rececho.

Raposo. Procederase igual que para o corzo e cervo.

Aves. Poderase permitir a caza de aves que provoquen danos en cultivos agrícolas ou na fauna. Será preceptivo o informe do servizo provincial de Patrimonio Natural correspondente, no que se indicará se os danos foron causados ou non polas especies citadas. Se non fora posible establecer razonablemente a orixe dos danos, denegarase a solicitude.

Cómpre lembrar tamén que nas xornadas de caza menor, xa está permitida a caza dalgunhas especies que causan danos no agro, como corvos, estorninos ou pegas.

Lobo
Por segundo ano consecutivo, o lobo queda excluído das medidas cinexéticas de control de danos, logo de que o Ministerio de Transición Ecolóxica incluíse ó lobo na Lista de Especias en Protección Especial. En calquera caso, na última década as batidas ó lobo por danos foron anecdóticas, cunha escasa captura de exemplares.

As dificultades que ten a caza en batidas do lobo, un animal moi esquivo, xunto coa contestación animalista que tivo algunha das batidas por danos organizadas en Galicia, facían que houbese poucas solicitudes de control de danos da especie. No sector, dáse como probable unha importante caza furtiva ou control furtivo, con métodos ilegais, como velenos, como principal vía de control poboacional da especie, que na última década se mantén estabilizada en Galicia no entorno das 90 mandas, distribuídas por todo o territorio, salvo os núcleos metropolitanos de Vigo e A Coruña, e o Baixo Miño.

Coa situación actual, as batidas de cazadores xa non semellan unha posibilidade en Galicia, se ben a regulación do Ministerio de Transición Ecolóxica si que permitiría que Galicia aplicase medidas de control da especie a través dos axentes ambientais, tal e como está a facer Asturias desde hai anos. A comunidade veciña establece os exemplares que poden abatir os axentes ambientais para controlar as poboacións do lobo. En Cantabria, o seu Goberno autonómico tamén insistiu no último ano en que continuará coas medidas de control da especie, pero Galicia polo de agora non se pronunciou en tal sentido.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información