Cúmprense dous anos desde que en España se decidiu que o lobo entrase no listado de especies en protección especial. Foi unha decisión polémica, pois ata daquela nalgunhas das principais comunidades loberas, como Castilla y León, Asturias ou Cantabria, as poboacións de lobo viñan xestionándose por medio da caza, con arredor de 185 exemplares abatidos de media entre as tres comunidades, segundo as estimacións de Unións Agrarias.
En Galicia, cunha regulación distinta á das outras comunidades do noroeste peninsular, a caza legal nunca foi unha ferramenta de xestión, pois o último lobo abatido nunha batida por danos data do 2013, pero si que se dá por feito que á marxe da caza legal, hai unha importante actividade de caza furtiva e de medidas ilegais, como o uso de velenos ou lazos.
A cuestión agora é que desde hai dous anos, en toda España a caza do lobo quedou restrinxida a circunstancias excepcionais e na práctica, “é moi difícil conseguir que un funcionario asine unha autorización de caza, ante o seguro acoso de organizacións animalistas”, cuestiona Unións Agrarias.
Ante este escenario, a Comisión Europea decidiu abrir un periodo de consultas a nivel da UE para valorar se hai que reformular o estatus de protección do lobo, pois considérase que a recuperación das poboacións da especie supón un “perigo real” para o gando e un “risco potencial” para as persoas.
Cabalos no monte
Unións Agrarias, que coincide con este plantexamento, vén de remitirlle á Comisión Europea un documento de propostas para modificar a xestión do lobo.
O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, advirte en especial do impacto que está tendo o lobo sobre os cabalos que viven en semilibertade no monte. “Hai moitos montes que non dan sacado os potros e as greas de cabalos adiante. Iso é algo que ten que coñecer a Comisión Europea porque é unha actividade en perigo de desaparición en moitas zonas de Galicia”, cuestiona.
Achegamento ás casas
Outro dos problemas sitúao Feijoo en comarcas que teñen demostrada unha alta densidade de lobos, como a da Serra do Xistral e Mariña lucense. “Temos constatado que os lobos chegan a comer cans e ovellas nas eiras das casas. Esa é unha clara situación de risco potencial para as persoas, en especial para nenos”, advirte.
Cambios nas medidas de xestión
Para enfrontar estas situacións, Unións Agrarias é partidaria de que se recupere a caza como ferramenta de xestión, “en especial con esperas sobre animais ou mandas problemáticas, tras os correspondentes estudos técnicos”, subliñan.
Unha segunda medida pola que avoga a organización é por recuperar o abandono de carroñas no monte como alimentación disuasoria para o lobo, unha práctica tradicional que se abandonara a partir da crise das vacas tolas. “Esta medida podería por exemplo reducir a depredación de cabalos en determinadas zonas”, valora Feijoo.
En definitiva, no caso español, Unións é partidaria de que o Ministerio de Transición Ecolóxica modifique a normativa de protección do lobo, pois considera que está fóra de lugar é a marxe da realidade. “O lobo non está en perigo de extinción en Galicia e ninguén avoga pola súa desaparición, senón pola convivencia, acompañada dunha xestión da poboación con criterios científicos e técnicos”.
Modificación das axudas
En paralelo, a organización agraria pide un fortalecemento das axudas da Xunta para medidas de prevención e unha mellora das indemnizacións por danos, pois considera que as actuais indemnizacións deixan fóra moitos episodios de ataques que non se poden demostrar, ao non aparecer suficientes restos dos animais.
Posicionamento dos ecoloxistas
Pola súa banda, a asociación ecoloxista Adega sacou onte un comunicado contra a declaración de emerxencia cinexética do xabarín, no que defende que a xestión do xabarín ten que pasar en boa medida polo lobo. En concreto, a asociación titula o seu comunicado coa expresión “Onde hai lobo, non manda xabarín”.
Se ben o xabarín é unha presa potencial do lobo, o certo é que os estudos científicos demostran que en boa parte de Galicia, o xabarín é anecdótico na dieta do lobo, pois en moitas comarcas, cabalos e gando doméstico chegan a representar entre un 50 e un 90% da dieta do cánido.