FRUGA apunta que o problema co xabaril non se pode deixar en mans das asociacións de caza

Reclaman un censo rigoroso desta especie e acusan á Xunta de deseleixo fronte ao problema co porco bravo.

FRUGA apunta que o problema co xabaril non se pode deixar en mans das asociacións de caza

A Federación Rural Galega (FRUGA) mostra a súa preocupación polo desleixo de funcións por parte do Goberno galego deixando nas mans das asociacións de caza o control do xabaril. Apuntan a aparición de danos sobre a actividade primaria e tamén cuestións de alarma social, seguridade viaria e protección civil, entre outras. Acusan á Xunta de tomar decisións por “oídas” ou polas noticias dos medios de comunicación, “é dicir, sen ningún rigor científico”. Lembran ademais, que o anuncio da Consellería de Medio Ambiente de emerxencia cinexética afecta ao 80% do territorio galego, un total de 37 comarcas.

FRUGA di non ter ningunha constancia da existencia da realización dun censo da poboación de xabaril, nin da súa estrutura piramidal de idades, entre outros aspectos moi importantes como as idades de reprodución das femias. A Federación declara levar anos inisistindo para que se realicen estudos deste tipo.

Nun comunicado emitido aos medios, desde FRUGA din ser conscientes de que existe un grave problema social, económico e mesmo ecolóxico con esta especie, e evidentemente deixar a solución deste problema nas mans dun colectivo que emprega a caza como deporte ou afección, “non parece o máis axeitado, serio e rigoroso”. Desta maneira, o executivo galego estaría obviando toda a responsabilidade propia da administración, e mesmo como se os propios cazadores fosen os responsables deste grave problema do medio rural e en ámbitos máis urbanos. Desta maneira, queren facer un chamamento aos cazadores para que non participen neste “ridículo esperpento ao que nos ten acostumados a Xunta de Galiza con este tema”.

FRUGA entende que os cazadores poden ser uns grandes colaboradores mais nunca poden ser os responsables de levar a cabo o control dunha posible “praga”. Porén, non sería a primeira vez, xa que no ano 2019 a Xunta tamén realizou unha declaración de Emerxencia cinexética “e catro anos despois estamos vendo claramente que foi un fracaso total e absoluto”.

Á parte, chama a atención que esta medida se tome a mediados de setembro cando gan parte dos froitos están recollidos, polo que ven esta medida como populista e con propósitos electorais coa proximidade das eleccións ao Parlamento de Galicia.

Para rematar, desde RUGA reclaman que a Xunta non faga renuncia das súas responsabilidades, exerza as súas competencias e proceda a acometer a realización dun estudo para coñecer a situación da poboación e todos aqueles aspectos que axuden a tomar decisións obxectivas. Tamén piden que no caso de ser preciso, a Xunta teña a valentía política para a declaración de PRAGA do xabarín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información