Os beneficios da madeira en terapias ocupacionais: O exemplo do Centro de Atención á Discapacidade Souto de Leixa

A Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal PEFC Galicia e o Centro de Atención á Disccapacidae Souto de Leixa, de Ferrol, colaboran nun proxecto para visibilizar os beneficios do uso da madeira en terapias ocupacionais

A madeira é un material incrible. Non só é renovable, reciclable, reutilizable, biodegradable, e sostible, tamén é unha materia prima que polas súas características ten un efecto positivo na nosa saúde, provocando sensacións como a tranquilidade e benestar. É un material nobre, co que podemos construír desde casas ata edificios de gran altura, e co que, neste caso, PEFC Galicia e o Centro de Atención á Discapacidade (CAD) Souto de Leixa, de Ferrol, construíron unha sólida ponte de amizade.

O CAD Souto de Leixa é un centro de titularidade pública, xestionado pola empresa CLECE e situado na cidade de Ferrol, no que residen 95 usuarios e 33 máis que fan uso como centro de día ou centro ocupacional. Neste centro contan con gran variedade de actividades, entre elas, un taller de carpintería e reciclaxe e un taller polivalente, polo que a madeira forma parte do seu día a día.

A madeira é un vehículo marabilloso a través do cal os usuarios amosan as súas habilidades e emocións, sentindo ademais que os seus traballos teñen unha verdadeira utilidade.

Gustavo Pampín, un dos usuarios asegura que se sinte feliz ao empregar madeira, desde a súa recollida no monte ata cando a corta ou lixa, e sobre todo satisfeito porque moitos dos traballos que realiza faino cos seus compañeiros como Gustavo Rico ao que lle gusta máis serrar e montar, ou Juan Barco e Javier Casteleiro que fan patróns ou serran, ou Luis Gundín ao que lle encanta empregar ferramentas como chave de parafusos ou alicates. Todos forman un gran equipo.

De esquerda a dereita: Juan Barco, Javier Casteleiro, Gustavo Pampín, Gustavo Rico e Luis Gundín

De esquerda a dereita: Juan Barco, Javier Casteleiro, Gustavo Pampín, Gustavo Rico e Luis Gundín

A súa monitora de carpintería, Ledicia López, relata que lles encanta chegar ao taller todos os días, ver a madeira e empezar a imaxinar cal pode ser o seu destino, desde unha caixa de almacenaxe, un chaveiro para as súas nais ou unha casa para os paxariños. «Son eles os que deciden e é iso é o máis lles motiva», subliña.

De esquerda a dereita: Gustavo Pampín, Luis Gundín e Ledicia López, monitora do Taller de carpintería.

De esquerda a dereita: Gustavo Pampín, Luis Gundín e Ledicia López, monitora do Taller de carpintería.

A reciclaxe é unha prioridade no CAD Souto de Leixa. Así, caixas de madeira para froita acaban converténdose en estupendos marcos de fotos ou nun portal de Belén, ou vellos armarios aos que se lles dá unha nova vida transformándoos noutro obxecto ou recupérandoos e decorándoos novamente.

No taller polivalente da man de “Monchi”, realizan moitos traballos diferentes empregando madeira, serraduras, papel ou cartón pedra, e actualmente encóntranse inmersos nun proxecto moi gratificante no que constrúen pequenas casas de madeira que serven de refuxio para os gatiños sen dono.

De esquerda a dereita: Patricia Bello, Patricia Bellón e “Monchi”, monitora do Taller Polivalente.

De esquerda a dereita: Patricia Bello, Patricia Bellón e “Monchi”, monitora do Taller Polivalente.

A educadora social Miriam Lago, explícanos como dan uso a todo o que fan, e encántalles amosar aos demais os resultados do traballo ben feito. «Cando utilizan madeira, a creatividade xorde, e dunha idea aparece outra e outra máis, e parece que non ten fin», asegura.

Miriam Lago, educadora social do CAD Souto de Leixa

Miriam Lago, educadora social do CAD Souto de Leixa

A madeira para os usuarios de Souto de Leixa é sinónimo de felicidade

En moitas ocasións dicimos que a presenza de madeira nas nosas contornas de vida xera un efecto psicolóxico positivo en nós, conectando ás persoas coa natureza, e nesta ocasión demostramos un paso máis alá.

Esas outras cualidades que nos ofrece a madeira como a cor, o aroma, o son, a textura ou a súa xeometría, empréganse en diferentes usos terapéuticos para a gran diversidade de persoas con diferentes capacidades, facilitando a estimulación sensorial ou mellorando habilidades motrices.

Lucía Prados

Lucía Prados

PEFC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que promove a xestión forestal sostible do monte galego a través da certificación forestal. Por iso desenvolve diferentes actividades divulgativas, non só para que os propietarios ou profesionais do sector forestal obteñan un selo que garanta a boa xestión que realizan nos montes ou asegurar a rastrexabilidade da madeira en toda a cadea de transformación ata que chegue ao consumidor final, “senón que consideramos esencial que a cidadanía visualice a multitude de beneficios que aporta esta materia prima renovable, a madeira”.

PEFC FOTO_6

Se queres saber máis, podes ver o vídeo na canle de youtube de PEFC GALICIA: 

O futuro é de madeira

Esta acción está cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal.

#Galiciaémadeira #industriaforestalmadeira #XERAsavia #ElasXeranSector #PEFC #PEFCGalicia #PEFCEspaña #OFuturoÉdeMadeira #industriaforestal

«O apoio da Axencia Galega da Industria Forestal para a elaboración desta publicación non implica a aceptación dos seus contidos, que serán responsabilidade exclusiva dos seus autores. Por tanto, a Axencia Galega da Industria Forestal non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida»

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información