Organizacións silvícolas e da madeira defenden o consenso acadado no Plan Forestal

Piden que se debata no Parlamento, co obxectivo de que o documento logre os máximos apoios, e advirten da importancia da súa aprobación para optar ós fondos europeos que se mobilizarán nos próximos anos

Organizacións silvícolas e da madeira defenden o consenso acadado no Plan Forestal

Traballos de corta de madeira no monte. // Foto de arquivo.

As asociacións da cadea de valor da madeira insisten na necesidade de que o novo Plan Forestal de Galicia se debata no Parlamento de Galicia antes de aprobarse. Apuntan á necesidade de que se obteña un consenso político que lle dea estabilidade, tal e como ocorreu co anterior Plan, posto que se trata dun documento a 20 anos no que o futuro do medio rural está en xogo.

Dende o Clúster da Madeira inciden no consenso logrado, con moito traballo, no sector sobre dito Plan, dende que se iniciou o proceso público de definición das directrices. “O sector da madeira galega traballou activa e intensamente durante máis de 5 anos, cedendo nalgunhas das súas reivindicacións e aportando os seus puntos de vista, co obxectivo posto no desenvolvemento e beneficio do medio rural, polo que se considera xusto e necesario que os políticos fagan o mesmo”, reivindican.

Recordan que desde a cadea de valor da madeira durante estes anos se mantiveron encontros de traballo con tódolos axentes implicados, a fin de conseguir o ansiado consenso.

“Desde os estamentos científicos, ata os grupos ecoloxistas, partidos de todo espectro político e todos os sectores sociais implicados no medio rural, chegaron a puntos de encontros comúns. Traballouse deixando a un lado formulacións particulares, cedendo para chegar ao consenso, co firme convencemento de que é máis forte o que nos une que o que nos separa; aquí está en xogo o medio rural de Galicia. Os silvicultores, a industria e todos os colectivos antes citados, traballaron conxuntamente, de forma colaborativa, co único afán de lograr un documento que axude a mellorar o medio rural”, indican.

Chave para os fondos europeos

O sector forestal insiste na importancia de conseguir a aprobación do Plan Forestal de Galicia xa que é unha ferramenta indispensable para poder acceder ós fondos europeos que se mobilizarán nos próximos anos e que se canalizarán a través do Plan de Desenvolvemento Rural. “Para que o medio rural conte con estes investimentos, é fundamental que o documento saia adiante. Non existe en Galicia un documento máis traballado, dialogado e consensuado previamente á súa entrada no Parlamento que o novo Plan Forestal”, defenden.

Ó mesmo tempo, estas organizacións forestais e da madeira reclaman que o Plan Forestal sexa un documento sólido, posto que segundo reivindican reflicte o traballo de colaboración de todos estes anos. Apuntan que deberá ser “un documento a longo prazo que aporte seguridade xurídica pensando no futuro de Galicia, de todos os galegos e dos seus montes, un documento que garanta a supervivencia e desenvolvemento do medio rural”, insisten.

En contra do Plan
Entre tanto, un grupo de organizacións da órbita nacionalista e ecoloxista, como Adega, Fruga, Frouma, a CIG ou a Organización Galega de Comunidades de Montes, estanse a desmarcar do consenso maioritario, posicionándose nas últimas semanasen contra da actual proposta do Plan Forestal, con accións de recollida de sinaturas e de contactos cos grupos parlamentarios.

Una idea sobre “Organizacións silvícolas e da madeira defenden o consenso acadado no Plan Forestal

  1. Nestor

    “Desde os estamentos científicos, ata os grupos ecoloxistas, partidos de todo espectro político e todos os sectores sociais implicados no medio rural, chegaron a puntos de encontros comúns.”
    Menudas narices redes, consenso científico e ecologista e partidos, un documento que sale do sector productividad da Madeira do Monte….. Deicade de mentir e sentarse a escoitar aos científicos e ecologistas incluso as comunidades de montes, que este plan solo contenta aos explotadores do monte

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información