Impugnan xudicialmente os resultados das eleccións en Acruga

Un grupo de gandeiros, entre os que se atopan membros da candidatura crítica, pide a anulación das votacións por presuntas irregularidades no proceso. Entre outros motivos, alegan que o voto delegado, que representou o 61,5% dos 1.179 sufraxios contabilizados, non foi aprobado en Asemblea

David López García encabeza a demanda presentada

David López García encabeza a demanda presentada nos Xulgados de Lugo

As turbulencias vividas nos últimos meses no seo da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) seguen despois do proceso electoral celebrado o pasado 20 de maio e que supuxo a renovación como presidente de César Dorado despois de 17 anos no cargo.

A división interna continúa sendo patente e, como proba, un grupo de gandeiros, entre os que se atopan membros da candidatura crítica, que perdeu as eleccións por unha escasa marxe de votos (588 fronte a 537), vén de presentar unha denuncia no Xulgado pedindo a anulación do proceso e a convocatoria duns novos comicios.

As eleccións non serviron para acalar as críticas internas á xestión de César Dorado      

A demanda, encabezada polo gandeiro da Mariña David López García, alega que o proceso seguido está cheo de irregularidades e incumpre tanto os Estatutos de Acruga como a propia Lei Orgánica 1/2002 que regula o dereito de asociación.

Máis votos delegados ca en urna

Entre outros motivos, os gandeiros que asinan a denuncia explican que o voto delegado foi aprobado pola Xunta Directiva, cando o órgano competente para facelo era a Asemblea Xeral de socios, que non foi convocada.

Os denunciantes alegan que a Xunta Directiva non ten facultade para aprobar o calendario e o procedemento electoral

A pelexa polo voto delegado foi de novo determinante para o resultado final, posto que dos 1.179 sufraxios computados, 725 procedían de votos delegados recollidos polas dúas candidaturas e tan só 454 foron emitidos en urna. O voto delegado decantou a balanza a favor da lista de César Dorado, que presentou 425 votos delegados fronte aos 300 da candidatura de David López. 

Na denuncia presentada ante o Xulgado de Lugo, por ser a cidade na que se atopa o domicilio legal de Acruga, faise constar que “o voto delegado foi utilizado de forma partidista polo presidente en funcións no momento das eleccións, así como polos membros da súa candidatura e por empregados da propia asociación”.

Eleccións de novo no prazo dun ano

Con este movemento xudicial, os denunciantes perseguen a anulación dos resultados e a convocatoria dun novo proceso electoral, que podería ter lugar no prazo dun ano, en función dos prazos xudiciais, tendo en conta o precedente que marca o acontecido na Asociación de Criadores de Raza Asturiana de Montaña, na que se deu un caso similar no ano 2015.

Os gandeiros críticos coa xestión de César Dorado achacan “oscurantismo e manipulación” ao proceso electoral seguido e, como exemplo, expoñen que “durou máis o reconto dos votos que a propia votación, pois só permitiron votar ata as 6 da tarde mentres que o reconto non acabou ata as 4 e 20 da madrugada”. 

Por parte de Campo Galego tratouse de coñecer a versión da Xunta Directica de Acruga, desde a que se afirma non ter coñecemento nin constancia da presentación da denuncia no Xulgado.  

2 ideas sobre “Impugnan xudicialmente os resultados das eleccións en Acruga

  1. Ganderia Os Bravos

    Era visto tanto amenazar os seus socios con tratos discriminatorios, e mandar os marcadores a recolher votos polas portas en algo ia dar, inda haberia que ver se votou algún defuntinho coma ten pasado en outros comicios, o caciquismo segue enquistado na Nosa Terra

    Contestar
  2. Manuel

    Segunda vez que pasa. Nova da candidatura crítica e imaxe de portada dunha vaca.

    Por que nas novas da candidatura crítica poñendes como imaxe de portada da nova unha rubia galega e na entrevista de Dorado a imaxe da nova é unha foto del?.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información