Acruga celebra eleccións o día 20 con dúas candidaturas enfrontadas

David López García, un mozo gandeiro da Mariña que encabeza unha candidatura crítica coa xestión de César Dorado, denuncia que os traballadores andan a recoller votos polas explotacións nos coches da asociación, algo que o actual presidente nega

gandería rubia galega AcrugaA Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega renova a súa Xunta Directiva o vindeiro día 20 de maio nunhas eleccións que unha vez máis están a ser convulsas, con dúas candidaturas presentadas e con acusacións de falta de limpeza no proceso por parte da candidatura crítica e que o actual presidente, César Dorado, nega.  

Fronte á candidatura oficialista, encabezada de novo polo actual presidente, o empresario César Dorado, que ocupa o cargo desde o ano 2005, un grupo de gandeiros socios de distintos puntos de Galicia lograron artellar unha lista alternativa de carácter unitario que aglutina o descontento existente no seo da asociación coa labor desenvolvida pola actual Xunta Directiva.

Por primeira vez preséntase unha única candidatura crítica coa labor do actual presidente, César Dorado

O proceso está a desenvolverse con moita tensión e con acusacións de guerra suxa e compra de votos, como xa sucedera nas eleccións de hai catro anos, nas que César Dorado obtivera 540 votos fronte aos 301 de Antonio Núñez Torrón e os 150 de José Antonio Fernández, que desta volta non presentan lista. 

Continuismo ou renovación

Os 1.300 socios que ten Acruga na actualidade escollen o venres día 20 entre a continuidade da actual Xunta Directiva, da que César Dorado forma parte desde o ano 1995, primeiro como vicepresidente e tesoureiro con Ricardo Pérez Rosón e logo como presidente desde o seu falecemento, e a renovación que representa a candidatura encabezada por David López García, un mozo gandeiro da comarca da Mariña, que se presenta arroupado por produtores doutras zonas de Galicia. 

A denominada ‘Candidatura dos gandeiros’ está encabezada por David López García, un mozo gandeiro da comarca da Mariña

A denominada Candidatura dos gandeiros acusa ao actual presidente de estar utilizando os medios da asociación para facer campaña, con traballadores de Acruga que estarían, segundo denuncian, visitando as explotacións nos coches da asociación á procura de votos delegados, un proceso que terían iniciado, din, mesmo antes de terse aberto o prazo habilitado ao efecto. 

Pelexa polo voto delegado

Desde a candidatura crítica con César Dorado consideran que “a guerra suxa que estamos a ver é un síntoma do nerviosismo da actual Xunta Directiva e do seu medo á derrota” e fan un chamamento aos socios para “que non se deixen enganar e voten libremente”.

O voto delegado xa decantara o triunfo nas eleccións de hai 4 anos

Explican ademais aos gandeiros que aínda que delegaran xa o voto en favor dalgunha das candidaturas poden acudir igualmente a votar o vindeiro día 20, prevalecendo o voto que emitan en urna sobre o voto delegado que tiveran emitido previamente. 

David López García acusa ademais a César Dorado de querer dificultar a participación dos socios e socias nas votacións “poñendo as eleccións un venres até as 6 da tarde en plena campaña de ensilado da herba e de sementeira do millo para deste xeito fomentar o voto delegado, máis doado de controlar”. 

Non queren que os gandeiros vaiamos a votar, por iso poñen as eleccións un venres ata as 6 da tarde en plena campaña de ensilado da herba e sementeira do millo (David López)

“Non queren que os gandeiros voten libremente pero nós animámolos a acudir a votar o día 20 porque está en xogo o futuro da Asociación. Acruga non é propiedade de ninguén, senón que pertence a todos nós, e os gandeiros temos que implicarnos por unha opción de futuro tanto para Acruga como para a raza rubia galega”, di. 

Gandeiros preocupados pola pouca saída de animais das explotacións

César Dorado nega as acusacións e resta importancia ás críticas. “En canto ás denuncias doutras candidaturas con respecto á suposta utilización de medios de Acruga para recoller votos, teño que dicir que son falsas. É certo que fun falar con varios socios de Acruga pero sempre co meu vehículo. É a mesma acusación doutros anos; non poden criticar a xestión de Acruga, os bos resultados e os logros que estamos a obter e fan este tipo de acusacións, totalmente falsas. É parte do proceso electoral”, di. 

Tanto eu como os traballadores de Acruga estamos agora moi volcados en conseguir sacar os tenreiros para o matadoiro e que non queden nas granxas, non temos tempo para outras cousas (César Dorado)

“Tanto eu como os traballadores de Acruga estamos agora moi volcados en conseguir sacar os tenreiros para o matadoiro e que non queden nas granxas. Hoxe tiven máis de corenta chamadas de gandeiros por este tema, e estamos moi preocupados, porque non hai demanda e estamos a falar cos matadoiros para que lles dean saída. Tamén estamos traballando coas administracións, coa Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, porque rematan os convenios que temos asinados con eles, e queremos renovalos. A todo isto se suma a preparación das subastas que temos previstas e avanzar nos distintos programas para mellorar a raza; non temos tempo para outras cousas”, engade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información