O xabaril adiántase á campaña do millo

Comeza unha nova época forte de danos do porco bravo no agro con danos nas parcelas de millo, aínda sen acabar de criar. Nos Ancares levan meses rexistrando ataques nos prados, que reduciron a produción de herba. Piden solucións para controlar as poboacións

O xabaril adiántase á campaña do millo

Parcela de millo con danos causados polo xabaril en Ribadeo.

As altas temperaturas rexistradas este verán están a facer que os ciclos do millo se adianten en moitas zonas. Con todo, na maior parte das plantacións aínda está por criar a espiga. Pese a iso, xa se están producindo importantes danos do xabaril en distintos puntos de Galicia. En moitas das parcelas afectadas, aínda estando pechadas con fíos do pastor eléctrico, o porco bravo está causando igualmente estragos.

A Mariña Lucense é unha das zonas máis afectadas polos ataques do xabaril. “O millo aínda case non ten espiga con grans e as mandas de xabarís están causando grandes danos”, explican dende a cooperativa Os Irmandiños, integrada en Clun. Precisamente en concellos como Ribadeo ou Trabada están a detectarse parcelas arrasadas xa pola fauna salvaxe. “Este ano os ataques están a ser moito peores ca noutras campañas”, sinala José Ramón Loza, responsable da área de cultivos da cooperativa Os Irmandiños.

“O millo aínda case non ten espiga con grans e as mandas de xabarís están causando grandes danos”: José Ramón Loza, de Os Irmandiños

Nesta zona xa tiveran danos do xabaril durante a sementeira. Daquela foran puntuais e conseguiran atallalos con distintas medidas realizadas polos cotos de caza. Agora apuntan que están a sufrir danos moi severos.

Máis cara o interior da provincia, en parcelas de Castro de Rei tamén están acusando danos provocados pola incursión de mandas de xabarís. Nalgúns casos, os danos producíronse en fincas que xa acusaban importantes dificultades pola seca e que xa dan totalmente por perdidas tras pasar os xabarís por elas.

Danos nunha finca de millo en Castro de Rei (Lugo).

Danos nunha finca de millo en Castro de Rei (Lugo).

Na provincia da Coruña, en concellos coma Lousame, a incidencia do xabaril deixou danos importantes xa na sementeira e agora volven a telos. É o caso por exemplo de Henrique Laranga que nesta campaña tivo que sementar de novo 4 hectáreas de millo, co gasto que iso implica. Nalgúns casos mesmo tivo que resementar ata 4 veces o millo. “O millo que non me comeu na sementeira é o que está a vir máis cedo e o que me está comendo agora. Leva xa máis de 1,5 hectáreas de danos”, apunta o gandeiro.

Gandeiros de Lousame tiveron que sementar varias veces as parcelas e agora teñen xa máis dunha hectárea de millo novamente afectado polo xabaril

Aínda que están autorizadas batidas para esta fin de semana, apuntan que chegan tarde, xa que hai moitas fincas con moitos danos, nunha campaña na que a produción xa está a ser menor pola seca. Insisten en que as accións preventivas deberían levarse a cabo máis axustadas ós calendarios das colleitas e sementeiras, para que resulten máis efectivas. “O xabaril está a ser unha praga, aínda que non queiran recoñecelo”, valora o gandeiro.

Tamén no Deza están a rexistrarse xa danos en parcelas de millo, ó que aínda lle falta tempo para madurar. En Lalín detectaron danos mesmo en fincas que estaban cerradas co pastor eléctrico. Do mesmo xeito que os gandeiros da costa lucense, reclaman accións para controlar a fauna. Esta zona está a ser moi castigada pola seca e os danos do porco bravo reducen unha colleita que xa se agarda moi inferior á doutros anos. Só pola seca estímase que a colleita se reduza en máis do 40% na comarca, ó que se engaden agora os danos causados polo xabaril.

Prados con danos polo xabaril en Cervantes.

Prados con danos polo xabaril en Cervantes.

Arrasa coas pradeiras nos Ancares

Aínda que nos meses centrais do verán é habitual que case non haxa danos do xabaril, na zona dos Ancares están a sufrir importantes danos nas pradeiras xa nos últimos meses. José Manuel Rodríguez, gandeiro de Cervantes, rexistrou importantes perdas nos seus prados xa dende xuño. “Xa non se esconden nada. Estamos cansados de ver os xabarís onda o rabaño, por entre as vacas”, apunta o gandeiro. Nos prados onde ten algo de rega os danos prolónganse todo o ano.

“Ademais dos danos que che fai na herba, tiven que segar coa máquina pequena, co que me leva máis tempo e as vacas non pacen alí por moito tempo”: José Manuel Rodríguez, gandeiro de Cervantes

Esta campaña, José Manuel tivo importantes danos nas pradeiras que tiña para seco, o que lle ocasionou recoller menos cantidade de forraxe da que contaba, nun ano no que o aprovisionamento de forraxe é fundamental, dados os altos custos que está a ter o penso. Á marxe de coller menos herba, os estragos do xabaril nos prados tamén levan parello maior carga de traballo para o gandeiro. “Ademais dos danos que che fai na herba, tiven que segar coa máquina pequena, co que me leva máis tempo e as vacas non pacen alí por moito tempo”, explica.

José Manuel xa deu conta este ano de 20.000 metros cadrados de pradeiras afectadas, aínda que recoñece que é máis superficie a danada. “Moitas veces son danos pequenos nun prado e noutro, e só acabas por poñer aquelas fincas nas que hai máis desfeita, pero ó final todo suma. Vas reducindo dun lado e doutro e cando te dás conta quedas con menos herba da que precisas”, argumenta o gandeiro, que ten un rabaño dunhas 60 cabezas de gando de carne.

Coma el, gandeiros dos Ancares levan tempo reclamando medidas que lles axuden a paliar os danos da fauna salvaxe, dado que moitas accións de control están limitadas ó atoparse en plena Rede Natura e Reserva de caza. “Non están facendo batidas, aínda que cheguen a estar autorizadas e os que pagamos sempre somos os gandeiros. Cada vez quedamos menos e deste xeito non vai quedar ninguén con gando”, sinala.

Instalación de gaiolas-trampa

Dende organizacións coma Unións Agrarias apuntan que está habendo unha maior sensibilidade e entendemento entre cazadores, gandeiros e agricultores, o que está deixando unha maior colaboración á hora de organizar batidas por danos naquelas zonas afectadas. Con todo, dende Unións seguen insistindo na importancia de contar con máis medidas para o control da fauna salvaxe, tal e como recolleran na Iniciativa Lexislativa Popular que presentaran ó Parlamento Galego e que fora rexeitada polo goberno autonómico.

Neste mesmo mes, dende Unións remitiron de novo á Consellería de Medio Ambiente unha petición para o uso de gaiolas-trampa para o control dos xabarís naquelas zonas con maior incidencia. Solicitan cambios na xestión deste método, xa que na actualidade é o gandeiro ou agricultor quen debe facerse cargo do animal que cae na gaiola, o que está a supoñer un importante gasto para os produtores, ó tempo que limita o seu uso. “Mentres obriguen ós gandeiros a asumir a xestión dos animais que caen, non se utilizarán. A tutela destes animais debe ser da Xunta e debe haber uns protocolos estritos do manexo deste método, polo complexos que son para que resulten efectivos”, sinala Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural en Unións.

Tal e como sinalan dende Unións, o emprego de gaiolas-trampa está a ser un método empregado en zonas como Extremadura para reducir os danos en plantacións e co que están logrando resultados exitosos ó conseguir eliminar as mandas desa zona.

Dende Unións, tamén temen que a incidencia dos lumes forestais provoque movementos de mandas de xabarís e que poidan incrementarse os danos en zonas que noutras campañas tiñan unha menor carga desta fauna.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información