O trevo encarnado, un aliado para reducir os custos de alimentación en vacún de leite

Un estudo do Ciam aborda cales son os cultivos de inverno máis beneficiosos para intercalar co millo forraxeiro en Galicia. Entre os resultados máis destacados figuran o trevo encarnado e o chícharo. Coñecemos os detalles da investigación e as cifras que o demostran

O trevo encarnado, un aliado para reducir os custos de alimentación en vacún de leite

O trebo encarnado foi unha das sementeiras que estiveron a probar no CIAM xunto con raigrás, triticale e chícharo.

Boa parte das ganderías de leite galegas están orientadas a un modelo de produción intensivo, onde o millo é o forraxe principal e o responsable do 42% da produción de leite. É habitual que os produtores opten pola rotación do millo con cultivos de inverno, que ademais de proporcionar un aproveitamento maior da terra, contribúe a reducir a lixiviación de nitratos que se produce se se deixan esas parcelas en barbeito. Pero, cales son as mellores opcións para as pradeiras de inverno en rotación co millo forraxeiro?

O máis frecuente nas gandería galegas é o uso de raigrás italiano. “Esta rotación é moi produtiva, de alto valor enerxético, pero de baixo contido proteico, o que obriga ás explotacións a importar materias primas”, detalla Dolores Báez Bernal, investigadora do Centro de Investigacións de Mabegondo (Ciam) que está a traballar nun estudo iniciado no 2011 sobre os cultivos de inverno en rotación co millo forraxeiro e no que tamén participan outros investigadores do Departamento do Pastos e Cultivos do centro.

O uso de leguminosas e gramíneas nas pradeiras de inverno en rotación co millo forraxeiro contribúen a incrementar a proteína e mellorar a fertilización

Unha das estratexias que se propoñen para conseguir un mellor rendemento e aproveitamento dos cultivos de inverno na rotación con millo forraxeiro pasa por sementar especies leguminosas e gramíneas, que contribúen a aumentar a produción de proteína. Ademais ó ser fixadoras de nitróxeno, redúcese a cantidade de nitróxeno procedente de fertilizantes que é preciso aportar, o que contribúe a mellorar os balances de nitróxeno e a sostibilidade das ganderías.

Coñecemos en detalle o estudo realizado no Ciam e os resultados que amosan os diferentes cultivos de inverno, non só no seu aporte proteico senón tamén na fertilización da terra, o que influirá na posterior produción do millo.

Siembra-de-cultivos-invierno-CIAM-

Sementeira de cultivos de inverno en parcelas do CIAM. // Foto CIAM.

Variedades a empregar na pradeira de inverno

O estudo do Ciam incluíu algunhas das especies máis habituais, como o raigrás italiano alternativo, do que sementaron uns 40 quilos por hectárea; así como o trevo encarnado, cunha dose de sementeira de 30 quilos por hectárea. Tamén fixeron probas mesturando ambos (10 quilos de raigrás e 30 de trevo por hectárea). Outro dos cultivos foi a leguminosa triticale, da que sementaron uns 70 quilos por hectárea, combinado co chícharo, do que precisaron unha dose de 125 quilos por hectárea.

Nestes campos de ensaio realizaron unha fertilización de fondo de 50 quilos de nitróxeno, 100 quilos de fósforo e outros 100 quilos de potasio por hectárea. A isto engadiron unha fertilización de cuberta nas parcelas de raigrás de 60 quilos de nitróxeno por hectárea. O cultivo de inverno sementárono en outubro, realizaron a fertilización mineral a comezos de abril e colleitárono a finais dese mesmo mes.

Ademais, unha vez que sementaban o millo tamén engadiron xurro de porco e vacún, previo á sementeira, e no mes de xullo aportaron unha segunda fertilización mineral.

Resultados dos cultivos de inverno

Con estas variedades e fertilización, e os datos de 8 anos de estudo, os investigadores confirmaron importantes diferencias entre as respostas duns cultivos e outros. O monocultivo de raigrás italiano e a mestura de raigrás italiano e trevo encarnado resultaron, por termo medio, os cultivos de inverno máis produtivos, obtendo unhas cifras de materia seca por hectárea superiores en boa parte das campañas.

“Aínda que estas son as variedades con mellores resultados en boa parte dos anos estudados, vimos unha gran variabilidade, xa que inflúen moito as precipitacións ou as temperaturas rexistradas”, explica a experta. As altas temperaturas mesmo propiciaron que o cultivo de triticale e chícharo se perdese un ano, debido a un ataque intenso de ferruxe da cana.

Evolución dos cultivos de inverno en canto a materia seca.

Evolución dos cultivos de inverno en canto a materia seca.

En detalle, e sen considerar o ano no que faltou o cultivo de triticale-chícharo, comprobaron que o raigrás italiano é o máis produtivo, cunha produción media de 5.650 quilogramos de materia seca por hectárea, mentres que o trevo encarnado sitúase un 13% por debaixo dese valor, acadando 4.900 quilos de materia seca por hectárea. Mentres, a mestura de ambas especies amosa ser un 11% máis produtivo que o cultivo de só raigrás. O caso da mestura de triticale e chícharo resultou un 3% menos produtiva que o raigrás italiano.

A xestión do nitróxeno

Á marxe da produtividade dos cultivos de inverno, outro dos puntos claves deste estudo baseouse en coñecer a capacidade de produción de nitróxeno polos cultivos, é dicir, de proteína bruta. “A excepción do primeiro ano e o quinto, cando non houbo diferenzas estatísticas, o resto dos anos vimos como o cultivo de raigrás sempre foi menos extractor de nitróxeno que o trevo encarnado”, detalla a experta. Deste xeito, e de novo considerando os valores medios do estudo sen considerar o quinto ano, mentres que o raigrás italiano resulta máis produtivo, o trevo amósase como unha opción máis extractora de nitróxeno, chegando a ser un 72% máis que o raigrás, polo que acada valores próximos ós 115 quilos de nitróxeno por hectárea.

Resultado-cultivo-millo-e-rotacion-de-inverno-CIAM

Evolución dos cultivos de inverno en canto a extracción de Nitróxeno.

A mestura de ambas herbas, ó igual que cando se observa só a produtividade, tamén ofreceu resultados favorables, sendo un 19% máis extractora de nitróxeno que o raigrás. A combinación de triticale e chícharo consegue unha extracción dun 15% superior á lograda co raigrás, próxima ós 80 quilos de nitróxeno por hectárea.

Cultivo-de-inverno-rotacion-con-millo_-Resultados-CIAM

Extracción de Nitróxeno por hectárea nos distintos cultivos e nos diferentes anos.

Así, en base a iso, tamén o trevo resulta unha opción a valorar para a elección das pradeiras de inverno. “Se se ten en conta que na mestura de raigrás italiano e trevo encarnado só hai un corte e non se realiza aporte de fertilizante nitroxenado, esta é máis vantaxosa polo aforro de fertilizantes e a redución de custes de mecanización que proporciona”, detalla Báez.

Sementeira-millo-no-CIAM

Os efectos sobre o millo

Os estudos do Ciam tamén abordaron os efectos do tipo de cultivo de inverno no cultivo posterior de verán, o millo, para comprobar a relación que existe entre ambos e ata que punto inflúe optar por unha sementeira ou outra tendo en conta a rotación completa. Así, nas mesmas parcelas sementouse millo sen ningún tipo de fertilización mineral extra e outras cun aporte de 160 quilos de nitróxeno por hectárea.

Nas parcelas sen fertilización mineral lograron producións de entre 6 e as case 10 toneladas de materia seca por hectárea que se acadaron naqueles predios onde se sementara o trevo encarnado. No caso desta variedade, cando se aplica o nitróxeno lógrase de media unhas 12 toneladas de materia seca por hectárea. “Observamos que, de media tanto o trevo encarnado como a mestura de triticale e o chícharo conseguen incrementar a produción un 59% sen ningún tipo de fertilización. Se se engade nitróxeno, esta diferenza no incremento na produción aínda que se atenúa, segue sendo dun 17% superior con respecto doutros cultivos”, detalla Báez.

“Tanto o trevo encarnado como a mestura de triticale-chícharo conseguen incrementar a produción nun 59% cando o millo non recibe ningún tipo de fertilización mineral”

Á hora de observar a extracción de nitróxeno, comprobaron que se conseguían resultados semellantes, sendo tanto o trevo encarnado como a mestura de triticale e chícharo a opción máis beneficiosa e que permitía unha extracción de nitróxeno do 64%. Cando se aportou fertilización no cultivo do millo, reduciuse a un 22% a extracción destes dous cultivos, que seguiron sendo os máis beneficiosos.

Resultado-producion-millo-tras-rotacion-de-cultivos-CIAM-

Resultados da produción de millo trala rotaciónde cultivos de inverno.

Observar os datos conxuntos tanto do cultivo de inverno como do millo tamén permite extraer interesantes conclusión sobre a elección dun cultivo ou outro para a rotación. Así, se se opta por trevo encarnado conséguese unha produción de proteína bruta superior tanto no cultivo da herba coma na colleita de millo, se se compara cos rendementos do raigrás italiano e sen ningún tipo de fertilización mineral extra. “A proteína bruta por hectárea na rotación típica de raigrás-millo pode incrementarse se se substitúe o raigrás por trevo ou a mestura de triticale e chícharo”, concreta a investigadora. Os resultados que ofrece o trevo encarnado son mesmo superiores ós logrados cando se sementou raigrás italiano e foron fertilizadas con 160 quilos de nitróxeno por hectárea.

Así é que, o cultivo de trevo encarnado permite prescindir do abonado do 160 quilos de nitróxeno aplicado ó millo, sen reducir a produción de proteína. “Os resultados coa mestura de raigrás e trevo foron variables entre os anos estudados, pero apréciase un lixeiro incremento da produción de proteína da rotación típica e ten o beneficio de que tamén se aforra o abonado durante o inverno”, ratifica a investigadora.

Resultados-rotacion-de-cultivos-de-inverno-CIAM

Resultados da rotación de cultivos de inverno na produción de millo.

Porén, Báez tamén insiste en que cómpre ter presente que, aínda que as variacións inter-anuais son grandes co trevo os efectos mantéñense co paso do tempo e no caso da mestura de chícharo e triticale limítase máis aos primeiros anos do establecemento da rotación debido á pouca presenza de chícharo cando se cultiva ano tras ano no mesmo lugar.

O ensaio sobre estes cultivos de inverno foi parcialmente financiado pola Xunta de Galicia, o INIA-Ministerio de Economía, Industria e Competitividade cofinanciado con fondos Feder e campos de ensaio da Consellería de Medio Rural. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información