O Sindicato Labrego pide axudas para o sector da castaña

A organización agraria considera que son precisas “políticas activas” para fortalecer ó sector, afectado pola avespiña do castiñeiro e polo coronavirus

O Sindicato Labrego pide axudas para o sector da castaña

A campaña de castaña 2020 está a ser mala na maioría de comarcas produtoras de Galicia, ata o punto de que o Sindicato Labrego cifra nun 50% a caída media de produción en comparación coa campaña 2019, “que xa fora mala”. A baixada, segundo a organización agraria, ten que ver coa avespiña do castiñeiro e con outros factores, como a seca, saraibas en determinadas zonas e unha alta incidencia do chancro.

Outro factor a ter en conta é o coronavirus, pois hai máis dificultades para colocar a produción no mercado, dada a menor actividade de hostalaría e repostería. “Isto estase a traducir nunha caída de prezos e na ruptura dun importante elo na cadea comercial: as cooperativas e empresas que habitualmente mercan castaña a particulares deixaron de facelo ou diminuíron considerablemente as súas adquisicións”, sinala o Sindicato Labrego.

Así as cousas, o Sindicato Labrego considera preciso que a Xunta active liñas de apoio como axudas para enfrontar a actual campaña e para fortalecer ó sector de cara a próximos exercicios.

Por parte da Xunta, que desde hai anos está a traballar na loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro, o conselleiro do Medio Rural sinalou recentemente que pediría que a Política Agraria Común (PAC) tivese en conta ó sector da castaña de cara ó próximo ciclo de axudas, a partir do 2023, se ben non indicou ningunha previsión de axudas da Xunta a curto prazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información