Campaña da castaña 2020: escasa colleita e con prezos á baixa

A incidencia da avespiña deixa unha reducida produción nos soutos galegos, case un 35% menor que nos mellores anos. O mercado en fresco reséntese pola crise sanitaria e a caída da demanda, polo que a baixada dos prezos nalgunhas variedades foi notable

Campaña da castaña 2020: escasa colleita e con prezos á baixa

Recollida da castaña na zona de Manzaneda. // Foto da Cooperativa Amarelante.

A campaña de recollida da castaña comezou este ano máis cedo do habitual e está a ser máis curta do agardado debido á escasa cantidade de froito. Así, cando nalgunhas zonas como no sureste da provincia de Ourense, un dos principais espazos de produción, a campaña debía estar comezando, nestes días apuran xa a recollida, que está a piques de rematar.

A incidencia da avespiña está reducindo a cantidade de castaña, ó tempo que afecta á súa calidade. En canto á comercialización, a crise sanitaria por mor do coronavirus deixa pegada neste sector ó verse reducido o mercado en fresco, o que provoca unha baixada dos prezos ante a escasa demanda.

Coa campaña por rematar, as previsións que manexan afástanse das cifras que se acadaron en Galicia en anos pasados, cunha produción próxima ós 20 millóns de quilos nos mellores casos, ou ós 15 millóns, unha franxa que adoitaba acadarse habitualmente. “Faltan por recoller aquelas zonas máis tardías, pero con todo agardamos quedar bastante por debaixo da media habitual, estaremos entre os 12 e os 13 millóns de quilos”, concreta Jesús Quintá, presidente da Indicación Xeográfica de Galicia (IXP) Castaña de Galicia.

“Está a ser unha campaña moi complicada pola pouca castaña que hai e pola baixada do consumo en fresco” (Jesús Quintá, IXP Castaña de Galicia)

“Esta campaña está a ser moi complicada tanto pola pouca castaña que está habendo como pola caída do consumo a causa das restricións do Covid-19”, explica Quintá. A incidencia da avespiña estase a notar nos soutos galegos, polo que dende a IXP valoran moi positivamente as soltas do parasitoide Torimus sinensi, que se están a realizar para controlar bioloxicamente esta praga.

“Con todo o que nos está afectando a avespiña aínda non chegamos a unha situación tan preocupante como á que chegou hai anos Italia, onde a colleita se reducira a un 10% da habitual, ou en Ronda (Málaga) onde as perdas chegaron a ser do 60%. Temos que seguir traballando porque a avespiña veu para quedarse e temos que protexer os nosos soutos”, valora Quintá.

Coa caída da demanda en fresco reséntense tamén os prezos. Aínda que é habitual unha baixada das cotizacións segundo vai avanzando a recollida, marcando os máximos coas primeiras castañas, así como que haxa importantes diferencias entre as variedades, en boa parte das zonas produtoras acusaron prezos inferiores ós doutras campañas.

“Os prezos en fresco esta campaña foron máis baixos pola falta de demanda, cos asadores e restaurantes pechados polo coronavirus. A industria está respondendo mellor porque ten expectativas de que o consumo se recupere”, detallan dende a IXP. Este ano nas mellores variedades os prezos estiveron entre 1,80 e 1,50 euros e no resto movéronse entre 1,30 e 1,10 euros.

Repasamos con recolectores e cooperativas das principais zonas produtoras de Galicia o balance da campaña de recollida da castaña neste 2020:

Oriente ourensán

Nos soutos máis orientais da provincia de Ourense, unha das principais zonas produtoras de castaña de Galicia, a campaña está case para rematar, cando outros anos por estas datas aínda estaban comezando. “Empezou moi cedo, hai 15 días caeron as primeiras castañas e agora nunha semana xa remataremos”, explica Xosé Manuel Guerra, un produtor de castaña da zona da Gudiña.

No seu caso, agarda recoller uns 600 quilos, fronte ós 2.400 quilos que apañara o ano pasado. “É unha plantación nova, aínda que ten algúns castiñeiros centenarios, pero no canto de ir en aumento este ano a produción reduciuse moito pola avespiña”, detalla.

A produción de castaña nalgunhas plantacións foi catro veces menos que hai un ano por causa da  avespiña

Na zona da Gudiña e Riós a produción veuse moi reducida por esta causa, tendo en conta ademais que a maior parte da castaña producida nestes soutos é da variedade Famosa, unha das máis afectadas pola avespiña. “En zonas da Mezquita e contra Portugal tiñan mellores perspectivas, pero xa estamos a unha altitude de máis de 800 metros e predominan outras variedades coma a Ventura ou Longal”, concreta o produtor. As podas e o saneado dos castiñeiros máis vellos tamén poden ser un aliado para incrementar a produción, tal e como indica Guerra.

O prezo da castaña nestas zonas estivo en 1,60 euros a comezos da campaña e agora ronda 1,30 euros o quilo.

Macizo Central

Na comarca de Manzaneda, a avespiña está tamén a causar estragos danando tanto a produción como a propia saúde dos castiñeiros, que acusan os danos coa falta prematura de folla. “Este ano hai pouca castaña e moita dela aínda queda no monte porque non está moi sa”, indica Óscar Freire, produtor da cooperativa Amarelante. As previsións apuntan a unha campaña moi reducida, lonxe dos case 40.000 quilos que chegaron a recoller algúns anos na cooperativa. “Non creo que cheguemos ó 60% do que se colleu o ano pasado, que xa recolleramos só a metade do que tiñamos habitualmente”, explica o produtor.

“Os mercados de fresco están parados a causa do Covid-19 e a castaña estase pagando case como hai 20 anos”

Tamén o prezo está a ser un problema para moitos produtores este ano. “Os mercados de fresco están todos parados ó non haber magostos nin celebración de Santos por causa do Covid-19 e estase pagando a castaña case como hai 20 anos”, valora Freire. A campaña comezou pagándose a 1,5 euros o quilo e agora está xa dende mediados de semana a 1 euro o quilo. “Non hai máis que ver os camións que marchaban estes anos para mercados de fresco como Mercamadrid e o pouco deste ano para darse conta do que afectou o coronavirus”, explica.

Na cooperativa levan anos apostando por transformar a castaña para evitar a dependencia dos mercados en fresco, polo que secan o 90% da produción para comercializala logo ó longo do ano. “Xa case temos o sequeiro completo, quédanos unha remesa máis de secado e con iso agardamos ter para todo o ano”, detalla.

Novos produtos, novas oportunidades

A cooperativa Amarelante leva dende os seus comezos impulsando a transformación da castaña para reducir a dependencia do mercado en fresco e da exportación para outras industrias. Nesta liña, este ano están a impulsar varios proxectos en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico da Carne.

Trátase dun proxecto piloto sobre tres novos produtos elaborados a base de castaña: leite vexetal, copos e un snack elaborado coa castaña xa precociñada. “Nós probamos a elaboración de todos eles de modo caseiro, pero agora precisamos que nos concreten que procedementos e maquinaria precisaremos para facelo a maior escala e poder comercializalo”, apunta Freire. Estas investigacións prolongaranse durante os próximos 3 anos.

Caurel

Este outono, a avespiña deixou os soutos de moitas zonas do Caurel sen apenas castañas. “Levamos 4 anos perdendo produción, este ano xa nin empezamos a campaña de recollida porque non houbo castaña que apañar”, explica Verónica Núñez, da empresa Caurelor, situada en Quiroga (Lugo) e especializada tanto na comercialización da castaña como na elaboración de marmeladas.

“Este ano xa nin empezamos a campaña de recollida porque non houbo castaña que apañar”, (Verónica Núñez, de Caurelor)

“Xa nin puidemos abrir a venda electrónica porque a avespiña non deixou nada de castaña”, comenta a produtora. Atrás quedan anos nos que chegaba a recoller uns 4.000 quilos de castaña nos soutos que xestiona. “Os pobos das zonas da alta montaña este ano están moi afectados, case non houbo castaña”, indica Núñez.

Os Ancares

Máis ó norte, nos soutos dos Ancares onde predomina a castaña da variedade Parede, unha das máis afectadas pola incidencia da avespiña as perdas son do 90% con respecto doutras campañas. “Colleremos un 10% do que colliamos habitualmente. Xa o ano pasado foi unha campaña moi mala e esta aínda está a ser peor”, valora Román Sánchez, xerente da cooperativa A Carqueixa.

Ademais do escasa que está a ser a campaña, tamén está a resentirse a calidade da castaña, tal e como apuntan os produtores. Nesta cooperativa toda a produción destínana para a venta á industria e os prezos estiveron entre 1,5 e 1,35 euros, aínda que prevén baixadas nestes últimos días de recolleita.

No Deza

Nas comarcas do centro de Galicia a campaña da castaña este ano tamén chegou moi adiantada. Xa a mediados de setembro comezaban a apañarse as primeiras castañas na comarca do Deza, co que tamén rematará antes. Mentres o habitual nestas zonas era que se prolongase ata principios de novembro, algúns almacéns deixaron de recollela antes pola escasa demanda que estaban a ter. Nos comezos da campaña tamén detectaron que a castaña estaba moi danada, unha situación que foi mellorando conforme foi avanzando o outono.

“A campaña foi algo mellor que o ano pasado, pero viuse moi afectada polo coronavirus, que paralizou o mercado”, detalla Patricia Hermida, que colabora na xestión dun dos almacéns que recollen castaña en Lalín (Pontevedra) e que recolle uns 150.000 quilos ó longo de toda a tempada a produtores da comarca do Deza.

En plena campaña, neste almacén do centro de Lalín envían uns 13.000 quilos de castaña ó día para distintas fábricas tanto galegas como de Portugal.

En plena campaña, neste almacén do centro de Lalín envían uns 13.000 quilos de castaña ó día para distintas fábricas tanto galegas como de Portugal.

Tamén os prezos se resentiron coa baixada da demanda. “Aquelas castañas cun calibre e calidade moi bo chegaron a 1,30 euros, aínda que o prezo se instaurou arredor de 1 euro ou 1,10 euros por quilo”, detalla Hermida. Xa no final da campaña caeu ata os 0,70 euros cando os principais compradores comezaron a deixar de pedila.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información