O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de celebrar o seu Congreso do Viño en Ribadavia. A organización aproveitou o acto para subliñar a importancia do sector en Galicia: “Aproximadamente 10.000 hectáreas do noso territorio están adicadas á produción de viño, colleitando arredor de 73,5 millóns de kg de uva. Na actualidade están rexistradas unhas 450 adegas e case 12.400 persoas son viticultoras e colleiteiras”, detallan. Pero o SLG tamén ve sombras no horizonte pola entrada en Galicia de grandes adegas foráneas.
A organización culpa á Xunta de facilitar “o acaparamento de terras e viñedos por parte de grandes adegas, maiormente capitais de fóra de Galicia, abocando a viticultura a modelos intensivos”, sinalan. Entre tanto, o Sindicato Labrego percibe que en Galicia se está producindo en xeral un abandono progresivo do sector polo envellecemento da man de obra e as dificultades para acceder á terra.
Das dificultades de acceso á terra, a organización culpa a factores como o turismo rural e o enoturismo, que levan a unha “suba dos prezos da terra inasumible en moitas ocasións pola poboación da contorna, polo que o territorio está a ser mercado por capitais de fóra do noso país ou ben por grandes estructuras empresariais de orixe galega que desprazan ás pequenas e medianas produtoras”.
Casos
Como exemplos, a organización cita ó grupo español Vega Sicilia, “que adquiriu 24 hectáreas no Condado de Tea -na parte alta do río Miño, no Salnés, na contorna de Sanxenxo, Cambados e O Grove- e en Crecente, onde se situará a súa adega. Segundo datos da propia Vega Sicilia, están a pagar a 200.000€ a hectárea con viñedo nas Rías Baixas, fronte aos 70.000€/ha. de Ribera del Duero ou os 90.000€/ha. de La Rioja”, asegura o Sindicato Labrego.
“Tamén o propietario dunha das principais cadeas hoteleiras de Canarias, Lorenzo López, adquiriu recentemente arredor de 400 hectáreas de viñedo en distintas parroquias amparadas pola denominación de orixe Ribeira Sacra”, detalla a organización.
Para a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, esta situación está vinculada a outros escenarios que considera paralelos, como a proliferación de parques eólicos, a expansión do cultivo do eucalipto ou os proxectos mineiros en áreas rurais. “Precisamos defender a terra agrícola, e que aí quen se poda instalar sexan as veciñas e veciños, e non grandes empresas ou capitais foráneos que non viven onde producen, que non teñen preocupación algunha polo coidado e calidade de vida dos territorios onde instalan os seus negocios”, conclúe.