O Sindicato Labrego critica os baixos prezos para os produtores de pataca da Limia na canle Mercaproximidade

Publicidade
O Sindicato Labrego critica os baixos prezos para os produtores de pataca da Limia na canle Mercaproximidade

O Sindicato Labrego Galego, tras celebrar unha asemblea de produtores e produtoras de pataca en Xinzo de Limia, acordou reclamarlle á Xunta unha liña de axudas para compensar as perdas económicas provocadas polas restricións do estado de alarma para enfrontar a pandemia da Covid-19.

O confinamento e o peche da hostalería fixeron que quedasen grandes continxentes, uns 5 millóns de quilos de pataca, almacenada sen saída comercial, nomeadamente da variedade Agria, especial para fritir, da que se fornece a hostalería.

“A pesares de que a Consellaría de Medio Rural tentou dar saída á pataca almacenada a través da experiencia Mercaproximidade, esta solución non serviu para moitos agricultores, sobre todo os que non tiñan contrato, e que tiveron que vender a entre 4 e 9 céntimos o quilo aos intermediarios, os que realmente si se beneficiaron xunto á distribución da canle Mercaproximidade posto en marcha pola Consellería de Medio Rural”, afirman dende o SLG.

E é que os agricultores que tiñan pataca almacenada víronse nunha situación moi comprometida. “Por unha banda, a chegada das boas temperaturas ía acelerar o deterioro do tubérculo; pero, ademais, a nova campaña comezaba e precisábanse baleirar os almacéns para comezar a traballar coa pataca de semente. Desa situación desesperada aproveitáronse intermediarios e almacenistas, que deron saída a esa pataca con prezos miserables a partir de 4 céntimos o quilo que, no mellor dos casos puideron chegar aos 8-10 céntimos pero que, nos peores, que os houbo, foron levadas sen prezo para ser pagadas a posteriori ou, simplemente, para librar aos produtores e produtoras de ter que custear, por riba, a destrución da pataca que tiñan almacenada”, denuncia a organización agraria.

Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, reclaman que a Consellaría de Medio Rural inclúa o sector da pataca entre os máis damnificados pola pandemia do Covid-19 e cree axudas para compensar as perdas sufridas e para garantir a continuidade das explotacións afectadas dentro do “Plan de Reactivación do Agro” presentado no último Consello Agrario Galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información