O Sindicato Labrego advirte sobre novas esixencias nas axudas para investimentos nas explotacións

A organización agraria concreta que estes novos requirimentos deixarán fóra á maioría das granxas familiares galegas, ó non cumprir con eses requisitos. Medio Rural comprometeuse a corrixir os erros na convocatoria

Publicidade
O Sindicato Labrego advirte sobre novas esixencias nas axudas para investimentos nas explotacións

O sector caprino é un dos afectados por esta novidade na convocatoria.

O Sindicato Labrego Galego informa de que as bases para concorrer ás axudas para apoiar investimentos nas explotacións agrarias (plans de mellora) contan cunha nova esixencia que non figuraba nas anteriores convocatorias. O requirimento afecta ás subvencións para a incorporación de xente nova, plans de mellora e pequenas explotacións.

Segundo explican dende a organización agraria este novo requisito excluirá á maioría das granxas galegas da convocatoria. De feito, xa lle transmitiron esta situación á Consellería de Medio Rural, que se comprometeu a corrixir os erros. Porén, urxen a que se faga esta corrección posto que se trata dunha liña de axudas moi laboriosa de tramitar e cuxo prazo de solicitude remata a finais deste mes de febreiro.

Esta nova esixencia ten que ver coa dimensión física das granxas solicitantes. Co novo baremo esixido, a maioría das granxas que poden acollerse a esta liña de axudas serán demasiado grandes para ser consideradas ‘pequenas explotacións’ ou demasiado pequenas para acceder ós plans de mellora. En concreto téñense en conta dous criterios que impiden que se poidan clasificar en ningunha das categorías.

Esta nova esixencia ten que ver coa dimensión física das granxas solicitantes, combinada coa súa renda de traballo

Neste tipo de solicitudes tense en conta a chamada Renda Unitaria de Traballo (RUT), os ingresos netos de cada unidade de traballo da explotación en relación á renda de referencia establecida polo Ministerio de Agricultura. Esa renda de referencia para o ano 2020 é de 29.338 euros.

A orde define como “pequena explotación” aquela que estea inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) cuxa Renda Unitaria de Traballo (RUT) se atope entre o 15% e o 35% da renda de referencia. É dicir, para pedir a axuda de pequenas explotacións, os ingresos netos por cada unidade de traballo agrario da explotación non poden baixar do 15% nin superar o 35% dos 29.338 euros da renda de referencia. No caso das axudas para a incorporación de xente moza e dos plans de mellora, deben ter unha RUT entre o 35% e o 120%.

Porén, a novidade deste ano é que se a axuda solicitada corresponde coa submedida 6.3, que fai referencia a que na «Creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións», a dimensión física máxima que poderá admitirse será ata a mínima establecida nas outras dúas submedidas. Isto significa que a dimensión mínima esixida nos plans de mellora e nas axudas de incorporación é a dimensión máxima permitida para poder acceder ás axudas para pequenas explotacións, e ese tope entra en colisión coa RUT esixida, xa que en moitas producións non alcanzarán esa RUT.

Exemplo práctico
Así, no caso, por exemplo dunha granxa caprina que que quere solicitar esta axuda, a dimensión física máxima permitida para ser considerada pequena explotación é ter unha cabana con 70 nais. O problema é que con 70 nais tería un 13’62% da RUT. Polo tanto, non pode acceder ás axudas de pequenas explotacións por non chegar ao 15%. Para chegar a ese 15%, tería que ter 75 nais, pero entón pasaríase da dimensión máxima permitida para gando caprino. Para esta granxa de caprino quedarían entón os plans de mellora. Pero, para poder acceder a eles tería case que duplicar a súa cabana gandeira, xa que debería ter 134 nais para chegar á dimensión mínima esixida.

Este é o primeiro ano no que se establece unha limitación física para solicitar axudas para pequenas explotacións, xa que ata o momento a única limitación era económica. Con esta nova esixencia, a maioría das granxas familiares galegas quedarán excluídas por ser demasiado grandes para ser consideradas “pequena explotacións” (se queren acadar a RUT mínima terán que superar o tope da dimensión física permitida) e demasiado pequenas para acceder a un plan de mellora.

Ademais, dende a entidade agraria insisten en que esta limitación afectará, en gran medida, ás labregas posto que o 58% das axudas aprobadas o ano pasado foron para mulleres.

Esta esixencia excluínte afecta á maioría dos sectores. Tal e como refiren dende o Sindicato Labrego veranse afectados o sector ovino, caprino, porcino, equino, avícola, apícola, floricultura, cunícola ou as producións de arandos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información