Os pequenos produtores de horta e froita que fan venda directa poderán cobrar por primeira vez axudas da PAC

A instancias do Sindicato Labrego Galego, a Consellería do Medio Rural admitiu a agroambiental de economía circular, malia que con menor importe do que solicitaban

Publicidade

As persoas que fan venda directa de produtos do campo en Galicia poderán cobrar por primeira vez axudas da PAC, en concreto unha axuda de ata 1500 euros en concepto de axuda agroambiental de economía circular. Así o anunciou hoxe o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), impulsor desta demanda ante a Consellería do Medio Rural. 

A organización agraria lembra que “unha das discriminacións máis graves da PAC en Galicia é o feito de que persoas que están dadas de alta na Seguridade Social Agraria e viven en exclusiva da actividade agraria, poden estar certificadas como ecolóxico e, sen embargo, cobrar cero euros da PAC, debido a cuestións como non ter historicamente dereitos de pago ou por contar con ´pouca´ superficie en comparación con outros territorios estatais ou europeos”.

Para corrixir esta situación, durante o periodo de reforma da PAC dende o SLG insistiron ao Ministerio de Agricultura e á Consellaría do Medio Rural en que, “atendendo á normativa europea, é posible incluír a estas persoas no primeiro piar da PAC”. E puxeron como exemplo o Plan Estratéxico da PAC francés que permite pagos a tanto alzado (ás persoas e non ás hectáreas), dentro das axuda sdo segundo piar da PAC.

Froito deste traballo, este ano na Galiza a Consellería por primeira vez admitiu esta posibilidade e presentou unha agroambiental para as persoas que fan venda directa. “Se ben limitou a contía a 1.500€, en lugar do mínimo de 3.600€ solicitados polo SLG, esta axuda abre un camiño importante para as pequenas e medianas explotacións, en moitas ocasións ninguneadas á hora de ser tidas en conta para as axudas públicas, que para ser mellorada en vindeiras convocatorias debe contar na presente cun número significativo de solicitudes”, destacan.

Neste sentido, dende o Sindicato Labrego animan ás persoas labregas a que soliciten esta axuda agroambiental. “É moi importante que as persoas que cumpran os requisitos a soliciten. En primeiro lugar, porque lles corresponde, e, en segundo termo, porque se hai un número importante de solicitudes presentadas podemos entre todas mellorar próximas convocatorias da mesma, en requisitos e en contía, posto que os 1.500 euros habilitados pola Consellaría son claramente insuficientes”, destacan.

Folleto informativo para solicitar a axuda:

Agroambientais_VendaDirecta_PAC23

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información