O Priorat: Un exemplo de como conseguir viños valorados e recuperar o interese polo viñedo

A Denominación de Orixe Priorat conseguiu reverter a tendencia de abandono dos viñedos e poñer en valor o seu territorio e viños. Xeraron maior interese tanto entre clientes como entre os propios viticultores por seguir producindo viño. Coñecemos como o lograron

Publicidade
O Priorat: Un exemplo de como conseguir viños valorados e recuperar o interese polo viñedo

Participantes na xornada sobre viticultura celebrada en Pantón.

O Priorat, en terras de Tarragona (Cataluña), é hoxe un dos territorios referentes en produción de viño en España. Algúns dos viños máis valorados prodúcense en viñedos situados nesta Denominación de Orixe, como é o caso dos tintos L’Ermida, elaborados por Álvaro Palacios, nos que a botella se sitúa por encima dos 1.000 euros. Nos últimos anos están ademais sumando novos viticultores interesados en dar continuidade aos viñedos, mentres outras zonas vitícolas de España vanse apagando pola falta de remuda xeracional. Pero cal é o segredo para logralo?

Salus Álvarez, enólogo e presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Priorat debullaba algunhas claves nunha xornada con viticultores celebrada en días pasados en Pantón (Lugo), organizada polo GDR Ribeira Sacra-Courel e que contou coa colaboración da DO Ribeira Sacra, entre outras entidades. Xunto a Álvarez, tamén participaba o recoñecido viticultor René Barbier, que foi outro dos impulsores da valorización deste territorio catalán centrado durante moitos anos na produción de viños tintos que comercializaban principalmente a granel.

Ribeira Sacra e Priorat comparten certas similitudes ao afrontar retos como a falta de substitución xeracional ou as dificultades para a mecanización das tarefas nas viñas

Álvarez incidía ademais en certas similitudes entre a Ribeira Sacra e o Priorat catalán, xa que ámbolos dous territorios afrontaron retos comúns como a falta de remuda xeracional, as dificultades para a mecanización das tarefas vitícolas ou mesmo a candidatura como Patrimonio da Humanidade que os dous presentaron.

Dende a Do Ribeira Sacra, o seu presidente, Antonio Lombardía, recoñecía que a DO atópase nun momento decisivo para o seu futuro. E a opinión é xeneralizada, tal e como apuntaban boa parte dos viticultores e adegueiros que participaron na cita. “Estamos nunha fase de pensar cara a onde imos, estamos aínda comezando o camiño”, apunta Diego Rodríguez, viticultor e terceira xeración á fronte da adega lucense Don Bernardino, que foi outro dos relatores da xornada.

Marcar o seu propio camiño

Do mesmo xeito que ocorre na Ribeira Sacra, o Priorat é un territorio vitícola onde introducir a mecanización resulta moi complexo pola propia orografía do terreo, xa que contan con pendentes de máis do 30%, pequenas terrazas e unha alta densidade de cultivo. Estas características asociáronse durante anos a unha baixa rendibilidade, polo que os habitantes desta comarca catalá buscaban outras alternativas laborais ligadas a dous motores da economía como o turismo ou a industria e eran moi poucos os que apostaban por quedar no territorio e dedicarse á viticultura. Ademais, nos anos 90 arrincáronse un 20% das viñas para plantar outros cultivos que ofrecesen producións máis rendibles.

Nos anos 90, no Priorat arrincáronse un 20% das viñas para aproveitar a terra para outros cultivos con producións ‘máis rendibles’

Con este contexto, aqueles viticultores que resistían no territorio comezaron a traballar para a valorización dos viñedos. Entre eles atopábase o propio Salus ou René Barbier, que se implicaron desde o comezo na valorización do territorio vitícola. “Ou somos capaces de ter un gran territorio do que saian bos viños ou teremos unhas cantas grandes adegas nun territorio mediocre”. Esa foi a súa reflexión inicial e de aí comezaron a traballar para poñer en valor os seus viñedos, os seus viños e evitar que continuase o abandono do campo que xa estaban a experimentar.

“Tiñamos claro que buscabamos un proxecto de pequena artesanía, non de industria e grandes cantidades, que non seriamos capaces de asumir e ao que non viamos futuro na nosa comarca”, explica Salus Álvarez. Posicionáronse no lado oposto ao modelo que predomina en España, onde unhas 4.000 adegas xestionan unha das maiores superficies de viñedo a nivel mundial, a diferenza do que ocorre noutras potencias vitícolas como Francia ou Italia, con máis de 30.000 e preto de 40.000 adegas, respectivamente.

Salus Álvarez_DO Priorat_Panton

Salus Álvarez (dereita) durante a súa participación na xornada vitícola celebrada en Pantón (Lugo).

Calidade e territorio

Con esta idea de artesanía, a posta en valor da zona vitícola aséntase en tres principios: calidade alimentaria, calidade emocional e buscar a identidade do viño fronte á cantidade. “O viño non é necesario para vivir, é un complemento social para un consumidor que busca calidade emocional, un produto o máis san e identitario posible”, apunta Álvarez.

“Sabiamos que se eramos capaces de defender a identidade dos nosos viños teriamos un espazo no mercado”: Salus Álvarez, presidente da DO Priorat

Para logralo, o territorio e a vinculación dos viños con el foi unha das claves. “Non se entende unha botella sen un viñedo detrás. Os grandes viños franceses poden ser moi caros, pero o realmente caro son as viñas das que proceden. Sabiamos que se eramos capaces de defender a nosa identidade teriamos un espazo no mercado”, apunta Álvarez.

Delimitar e protexer territorio e viñedos

Un dos pasos para poñer en valor o seu territorio foi coñecelo en profundidade. Para iso en 2003 encargaron a un xeógrafo o estudo cartográfico dos terreos da comarca. Ao mesmo tempo realizaron un percorrido histórico polos mesmo para coñecer e preservar a súa orixe histórica.

Delimitaron 12 zonas para a produción de viño e definiron 450 paraxes entre os que se inclúen non só os que teñen viñedos e valor a día de hoxe senón os que poden ser utilizados nun futuro

Isto permitiulles delimitar 12 zonas municipais para a produción de viño no Priorat. Tiveron claro que non deben axustarse ás limitacións xeográfico-políticas establecidas. Así é que ningunha das 12 zonas para a produción de viño coincide cos 12 termos municipais nos que se inclúen, é dicir, a delimitación vitícola non se axusta á política.

Con este traballo definiron ademais un total de 450 paraxes dentro da DO Priorat. “A metade destas paraxes non teñen viñedo a día de hoxe, pero existen e abren a porta a que alguén poida plantar ou recuperar as viñas dos seus avós e poida que mesmo estas paraxes sexan as zonas de produción do futuro”, argumenta Álvarez.

Elaboraron un catálogo de viñas vellas, xa que as consideran outro valor para protexer. Cada ano suman viñedos que alcanzan os 75 anos

Do mesmo xeito que fixeron coa terra, puxeron en valor os seus viñedos coa elaboración dun catálogo con aquelas viñas que teñen máis de 75 anos e ao que cada ano van incorporándose as que alcanzan esa cifra. Teñen catalogadas 135 hectáreas repartidas en 300 parcelas. “Estas vellas viñas teñen un gran valor e séguense revalorizando”, reivindica o presidente da DO catalá.

De maneira paralela á clasificación dos terreos, tamén fixeron unha aposta por unha viticultura máis respectuosa coa biodiversidade. Hoxe en día minimizaron o uso de produtos de síntese química e recuperaron prácticas ancestrais no manexo da viña que permite un cultivo máis sostible. “Un bo recolector é aquel que fai multiplicar a produción, non só colleita”, explica o adegueiro René Barbier a súa filosofía de traballo nestes anos.

Clasificación dos viños

No Priorat realizaron un dobre esforzo por identificar os seus viños no mercado. Por unha banda todos os viños que se producen dentro da demarcación da DO son viños de territorio. Logo estableceron unha clasificación en base á procedencia das uvas e a súa relevancia no mercado. Este sistema ofrece unha clasificación dos seus viños de maneira que o consumidor tamén poida identificar as diferenzas que se aprecian entre eles.

Así, aqueles viticultores que elaboran só con uvas dunha das 12 zonas demarcadas, están a elaborar un Viño de Villa. Se este se elabora con viñas dunha determinada paraxe catalógase como Viño de Paraxe. Se o viño se elabora só con uvas dunha parcela e ademais consegue que chegue ao mercado polo menos durante 5 anos e cun determinado recoñecemento, logra ser clasificado como Viño Viña Clasificada. Se, este viño de viña clasificada se establece durante este tempo cunha puntuación por encima dos 97 puntos e cun valor que supere os 100 euros pasa a catalogarse como Gran Viña Clasificada.

“Se un viño custa 5 euros debe ser perfecto, pero se non o é pode valer 100 euros, sempre que poidas explicar ben por que. En Francia souberon ver que un gran viño axuda a vender tamén o resto de viños de menor valor que se producen nesa zona”, xustifica Barrier a clasificación dos viños que realizan.

Ao mesmo tempo, para a posta en valor dos viños no embotellado empregan un modelo de pirámide de alimentación, seguido en países como Francia, Alemaña ou Italia. Este modelo baseado no territorio permitiu a outros países situar os viños no mercado do luxo. “Para valorizar os viños desta maneira precísase a combinación dun territorio particular, un gran esforzo e unha capacidade empresarial para situar o teu produto no mercado”, apunta Álvarez.

Piramide clasificación viños Priorat

Pirámide de clasificación dos viños do Priorat.

O orgullo de ser viticultor

Neste proceso de posta en valor dos seus viños tamén traballaron na transformación do Consello Regular nun órgano fedatario, que certifica a orixe dos viños sen buscar que todos os viños producidos na DO sexan iguais. “Se os mozos queren facer o seu viño, os consellos reguladores afástanos coas súas normas. Mentres, na DO entendiamos que era outra cousa. Aquí cabe e é necesario todo o mundo. Se protexes a orixe estás a protexer o patrimonio e os viños”, apunta o adegueiro René Barbier.

“Co carné de viticultor conseguimos que sentisen orgullosos de selo, un sentimento que 10 anos antes non se vía entre os viticultores”

 

Neste afán por converter o Consello Regulador nun órgano de maior utilidade para os viticultores e ao mesmo tempo poñer en valor a propia figura do viticultor fixeron un carné de viticultor, unha tarxeta para cada viticultor que os identificaba cada vez que entregaban uva na adega. Desta maneira ese mesmo día o Consello Regulador tiña dispoñible toda esa información e á par conseguiron espertar ese sentimento de orgullo por ser viticultor. “Co carné de viticultor conseguimos que se sentisen orgullosos de selo, un sentimento que 10 anos antes non se vía entre os viticultores”, lembra Álvarez.

Hoxe en día, conseguiron tamén xerar interese entre os máis novos para que aposten pola viticultura. Contan con viticultores novos no Consello Regulador. “O factor clave para que a xente nova quede no territorio é manter a ilusión”. En vilas como Porreras hai 30 mozos que apostaron por quedar na zona e cada día veñen un cento de persoas a traballar na vila, no canto de marchar cara as cidades como aconteceu décadas atrás. “Agora estamos traballando para conseguir que esa xente non só veña a traballar aquí senon que decida vivir aquí”, apunta Álvarez.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información