“O cultivo da cebada é sinxelo e tanto o grao como a palla páganse ben”

Entrevista a Javier Losada, agricultor da Limia que este ano destinou 16 hectáreas ao cultivo de cebada, unha parte dela destinada á elaboración de cervexa por parte de Estrella Galicia. Falamos con el sobre o manexo deste cultivo

Publicidade
“O cultivo da cebada é sinxelo e tanto o grao como a palla páganse ben”

Javier Losada sementando cebada

Javier Losada é un agricultor de Xinzo de Limia que traballa unhas 100 hectáreas, nas que o seu cultivo principal é a pataca pero tamén sementa colza, xirasol, centeo, trigo e cebada.

Precisamente, deste último cereal cultivou este ano 16 hectáreas, das que unha parte importante se destinarán á elaboración de cervexa, grazas a un acordo con Estrella Galicia que este ano realizou un ensaio na comarca da Limia con resultados moi positivos. Falamos con el sobre o manexo deste cultivo e o potencial que lle ve.

-Cóntanos Javier como é a túa explotación agrícola e cales son os principais cultivos aos que te dedicas…
Cultivo varios cereais: trigo de inverno, trigo de primavera, centeo, cebada, colza, xirasol e pataca. En total cultivamos sobre 100 hectáreas, das que 33 están adicadas á pataca, o principal cultivo, e do resto pois temos entre 15 e 18 hectáreas. A idea é facer rotación de cultivo a tres anos.

-Fuches un dos que colaborou con Estrella Galicia para cultivar cebada na Limia, destinada á elaboración de cervexa. Como valoras en xeral a experiencia?
A valoracion é positiva pois o tempo axudou, porque choveu bastante na primavera, de forma que cando necesitaban auga veulle. Este ano saliu moi ben.

-Que te animou a cultivar cebada, tiñas xa experiencia previa con este cultivo? 
Xa tiña sementado outras veces cebada pero non para cervexa. Facíao porque viñan veráns máis quentes e quedaba a terra máis areosa, e a cebada aguanta moito mellor a seca que o trigo de primavera. Nos meses de xaneiro e febreiro non choveu moito e a primavera tamén parecía que sería seca,  así que decidimos poñer menos trigo de primavera e máis cebada… Ainda que ao final choveu máis do que esperabamos e acabaron tendo un rendemento semellante. Se chega a ser máis seco a cebada tería un resultado moi superior ao do trigo.

Destinamos sobre 16 hectáreas, pero non foron todas para cervexa, outras destinámolas para e elaboración de penso.

-Cando realizastes a sementeira e como foi o proceso de cultivo?
Sementamos a cebada o 3 de abril do 2023. A preparación é igual que calquera outro cereal de primavera, nada específico. O único requisito da cebada é que a terra teña un PH alto e a finca na que a cultivamos xa tiña o PH alto froito de cultivar patacas anteriormente. Non necesita demasiado abonad: tiñamos de pataca e non abonamos nada en fondo. De coberteira tampouco porque como choveu tanto, e co que quedou das patacas, foi suficiente para sacar o cultivo adiante.

 “A cebada é un cultivo que non pide demasiadas cousas”

Aplicamos funxicida e herbicida de postemerxencia e nada máis. Foi moi facil, a cebada non pide demasiadas cousas. O trigo de primavera pide máis abonado, funxidas e herbicidas. A cebada como bota moita folla non deixa subir a herba para arriba, asombra máis que o trigo e deféndese mellor da herba.

Javier destinou este ano 33 hectáreas ao cultivo de pataca

Javier destinou este ano 33 hectáreas ao cultivo de pataca

-Que dose de sementeira empregastes por hectárea? Que prezo tivo a semente? 210 kg de sementeira por hectárea. O prezo aproximadamente como un cereal, aproximadamente 100 euros por hectárea.

-Como valoras o desenvolvemento do cultivo?
A cebada o único requisito que ten especial respecto outro cultivo, é o PH…. pero esta finca tiña un 6 de PH, que é moi bo para a cebada, un 5,5 sería incluso mellor. Como digo, non é esixente de nutrientes do solo e deixa a terra moi no aire, ben aireada, mellor que o cereal de primavera.

Empregamos herbicidas de postemerxencia só de folla ancha, e nada máis. Aplicámolos antes do afillado: deixamos que a herba estivera toda establecida e demos un único pase de herbicida.

Non houbo abonado de coberteira, no meu caso. Igual nalgunha finca foi necesario. Na miña finca non foi preciso  porque a rotación era de pataca e quedou a terra bastante ben equilibrada.

-Coñecías xa a variedade RGT Planet? Que opinión che merece?
Sí, era a que usaba antes e vai moi ben. Temos outra da mesma casa de sementes que quedou un pouco por debaixo de produción, tiña o grao máis gordo pero o resultado foi parecido. 1000 kg arriba ou abaixo non é significativo neste caso.

-No teu caso, como foi o rendemento das distintas parcelas? Foron todas en secaño ou houbo tamén en regadío?
Uns 6000 kg por hectáre, todos andivemos aí e hai moi poucas diferencias. Foi todo en secaño, non houbo regadí. Sementouse en solo moi seco e aireado. Cando necesitou a auga veulle, coincidiulle ben. Foi un maio e xuño bastante chuvioso e coincidiulle moi ben.

-Houbo algún problema de pragas, fungos…etc?
Este ano non houbo nada, foi moi sinxelo, foi un ano moi bo. A climatoloxía foi boa e afecta moito á produción e á calidade.

 “A cebada é unha boa alternativa, especialmente para fincas areosas e con PHs elevados”

-Cal é o prezo que tedes acordado con Estrella Galicia? Cres que compensa o cultivo da cebada?
Non podo contestar por confidencialidade do contrato con Estrella Galicia. Non ten grandes marxes pero é unha boa alternativa, especialmente para fincas areosas e con PHs elevados. O millo neste tipo de fincas vai ben pero necesitas regadío na zona da Limia, a cebada en principio non, con nada de auga que lle veña no momento xa lle chega.

-A palla tamén ten unha boa saída neste momento. A quen lla vendedes e en que prezos se move?
Este ano si, é moi escasa e está moi buscada e cotizada. Ademáis a de cebada págase un pouco mellor por ser de mellor calidade. Vendémoslla dende hai tempo a unha ganadería de vacún de leite de Boimorto. 

Nun ano normal un bo prezo para a tonelada de palla serían 50 euros por tonelada e este ano estanse pagando entre 120 e 150 euros por tonelada. Isto débese á escaseza deste ano. Onde outros anos sacamos 8000 kg de palla, este ano sáenche 4000 kg.

-Animaraste a seguir cultivando cebada para Estrella Galicia?
O trato con eles foi moi bo, tivemos bo entendemento, visitaron a finca durante a campaña varias veces e mostraron interese. Non tería problema en repetir.

-Como valoras en xeral a campaña do cereal este ano na Limia?
O de inverno foi bastante mal, porque cando sementamos o cereal choveu moito e estiveron as fincas asolagadas bastante tempo e estragáronse bastantes plantas. Despois houbo xente que sementou tarde, en xaneiro, e as colleitas foron moi malas tamén…

As que sementamos en novembro quedamos nunha media de 3500, 4000 ou 5000 kg por hectárea, onde outros anos teñen dado 7000 kg tranquilamente.

As que sementamos en primavera deron resultados  moi bos: Chegamos aos 6000/7000kg, cando.normalmente andamos en 4000 de media. De 5 toneladas para arriba xa son moi bos resultados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información