Comezan en Galicia as entresacas de carballos, castiñeiros e bidueiros para usos de valor

Un simposio internacional con máis de 30 expertos analiza esta semana en Lugo novos usos para pés de pouco diámetro e calidade. Estes aproveitamentos intermedios permiten obter recursos cos que financiar as labores selvícolas

Francisco Pedras, José Martel e Roque Rodríguez Soalleiro durante a primeira xornada do simposio internacional sobre frondosas que se celebra en Lugo

Francisco Pedras, José Martel e Roque Rodríguez Soalleiro durante a primeira xornada do simposio internacional sobre frondosas que se celebra en Lugo

Galicia conta cunhas 617.000 hectáreas de frondosas, que representan o 40% das áreas cubertas de arborado da comunidade. A maioría veñen de rexeneración natural, froito do abandono do monte, e esa falta dunha selvicultura axeitada leva a que as industrias galegas non conten neste momento con materia prima local de calidade e se vexan obrigadas a importar carballo ou castiñeiro de países como Francia.

Como aproveitar e valorizar a madeira de frondosas que hai actualmente nos nosos montes, de escasa dimensión, a través da innovación e novos usos, e como mellorar as labores culturais aplicadas nestas masas para obter de cara ao futuro pés de porvir que nutran o desenvolvemento dunha industria centrada nas frondosas caducifolias é o obxectivo do Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira das Masas de Frondosas de Galicia, posto en marcha hai un ano pola Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).

Os resultados preliminares deste proxecto foron presentados este mércores en Lugo no marco dun Simposio internacional que reúne até o venres a 32 expertos, 16 deles procedentes de 9 países europeos (Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Letonia, Suecia e Suíza) onde se están a dar novos usos ás frondosas.

Temos a necesidade de asegurar un futuro aprovisionamento de madeira de frondosa de calidade aos aserradoiros galegos

O proteccionismo ou conservacionismo excesivo por parte da Administración das masas de frondosas autóctonas, a escasa dimensión das parcelas privadas individuais e a falta de profesionalización de moitas das CMVMC existentes en Galicia xogan en contra dun maior aproveitamento das masas existentes e das posibilidades que ofrecen.  

“Temos a necesidade de asegurar un futuro aprovisionamento de madeira. Cando visitamos aserradoiros de frondosas vemos moitas veces que esas materias primas non son locais, porque non temos en Galicia os diámetros e longos necesarios”, evidencia Francisco Pedras, do CIS Madeira.

Primeiras cortas en Labio, Couso e A Veiga

Aproveitamentos de castiñeiro no monte veciñal en man común de Couso (Gondomar)

Aproveitamentos de castiñeiro no monte veciñal en man común de Couso (Gondomar)

O Proxecto para a Valorización Sustentable da Madeira das Masas de Frondosas de Galicia xorde para dispoñer de experiencias piloto concretas en parcelas de experimentación das que obter datos cuantificables que sirvan de referencia para o impulso dunha nova industria da madeira de frondosas na comunidade.

“Estanse facendo xa sinalamentos e apeando madeira de carballo en Labio (Lugo), de castiñeiro en Couso (Gondomar) e de bidueiro na Veiga. Estamos traballando fundamentalmente con estas tres especies”, explica Francisco.

As entresacas estanse a facer con maquinaria adaptada para que non queden afectadas as árbores de porvir que quedan no monte

Este tipo de entresacas e cortas cirúrxicas estanse a realizar con maquinaria adaptada, de maneira que non afecten ás árbores de porvir que van quedar no monte. Unha vez cortada e aserrada comezarase o proceso de secado da madeira antes da súa transformación.  

Novos usos para as frondosas

De cara a esa fase de industrialización é onde entra en xogo a necesidade de atopar novos usos que permitan valorizar esa madeira de pouco diámetro que se obtén destas cortas intermedias. “Sabemos que podemos facer con madeira de calidade e bo porte, pero até que teñamos ese tipo de madeira temos que desenvolver produtos de maior valor engadido para esta outra”, razoa Francisco.

“Estamos neste momento no proceso de buscar partners tecnolóxicos que nos dean ese impulso. Temos empresas forestais moi importantes en Galicia que poden ser tractoras e que deberían abrir ese camiño que outras industrias de menor tamaño quizais non teñan esa capacidade”, argumenta.

Ademais de innovar explorando novas oportunidades e mercados, preténdense mellorar tamén as técnicas de aserrado e secado actuais

Ademais de innovar explorando novas oportunidades e mercados, preténdense mellorar tamén as técnicas de aserrado ou secado actuais, procurando un aproveitamento en cascada, de maneira que parte da madeira que vai actualmente para leña poida ter un uso doutro tipo, de maior valor, e así sucesivamente en todos chanzos a medida que se sobe de calidade.

Postes para peches que poidan substituír os de piñeiro tratado ou elementos para mobiliario urbano poden ser algunha das utilidades para esta madeira de frondosa de pouco diámetro. “O deseño e a innovación vai ser unha parte fundamental do noso proxecto; temos que pensar o que quere o noso cliente final”, asegura o técnico do CIS Madeira.

Queremos coñecer de primeira man que se está facendo noutras latitudes con madeiras moi similares ás nosas

A maiores, preténdense aproveitar os refugallos da madeira a través de procesos químicos, a través dos cales obter por exemplo taninos que poidan ser empregados na industria da curtiduría, a produción de adhesivos ou en alimentación animal.

“Non estamos condicionando ningún tipo de aproveitamento, só imos avaliar as distintas posibilidades e aportar as mellores ferramentas tecnolóxicas, pero queremos artellar tamén novos usos vendo que están facendo noutros países con madeiras moi similares ás nosas”, indica Francisco.

Necesidade de adaptar a selvicultura á tipoloxía dos montes galegos

Visita dos expertos internacionais ao Marteloscopio de Labio, en Lugo

Visita ao marteloscopio de Labio, en Lugo, dalgún dos expertos internacionais que asisten ao simposio 

Roque Rodríguez Soalleiro, profesor da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra de Lugo explica que o 80% dos montes de frondosas actuais que hai en Galicia requiren dalgún tipo de actuación, sexan podas, desbroces ou mesmo cortas para aproveitamento comercial.

“A selvicultura de frondosas require facer sinalamentos, é algo esencial”, destaca. “E temos que adaptar esa selvicultura á tipoloxía forestal e á estrutura da propiedade que temos”, engade.

O 80% das masas de frondosas actuais que hai en Galicia requiren dalgún tipo de actuación

“No caso da selvicultura de frondosas trátase de intervencións non moi intensas, polo que se require dunha superficie bastante ampla para acadar un lote de madeira que compense esa intervención. Nos montes privados individuais de pequena dimensión que temos en Galicia na maioría dos casos a venda dos produtos obtidos non compensa os custos de realización dos traballos”, indica.

A maiores da función produtiva, “ter unha superficie de frondosas xestionadas resulta positivo a nivel de incendios e tamén aporta resiliencia sanitaria ante pragas que afectan a outras especies, como a banda marrón no piñeiro ou as que castigan ao eucalipto (Gonipterus e Mycosphaerella)”, asegura Roque.  

“Temos un recurso pouco explotado e aproveitado”

O profesor da Escola Politécnica é un dos artífices do Marteloscopio de Labio, unha parcela de carballos ubicada no monte veciñal desta parroquia de Lugo onde se realizou unha labor de clasificación dos distintos pés en función da súa calidade.

En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto e aos 3,5 millóns de piñeiro

Esta parcela, incluída nunha rede europea de marteloscopios e que foi visitada este mércores pola tarde polos asistentes ao simposio internacional, “é un lugar onde ensinar como facer os sinalamentos”, explicou Roque.

En Galicia córtanse anualmente uns 0,3 millóns de metros cúbicos de madeira de frondosas autóctonas, fronte aos 6,2 millóns de eucalipto (3,7 de glóbulus e 2,5 de nitens) e aos 3,5 millóns de piñeiro (1,6 pinaster, 1,6 radiata e 0,3 sylvestris). “Temos un recurso pouco explotado e aproveitado”, concluíu referíndose ás frondosas caducifolias.

“Hai que favorecer as cortas de frondosas; non podemos vivir de costas a 620.000 hectáreas do territorio”

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, durante a súa intervención

O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, durante a súa intervención

A prohibición leva ao abandono. Por iso, o director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, avogou na inauguración das xornadas por favorecer desde a Administración as cortas de frondosas para fomentar o seu aproveitamento.

“Temos que entender que hai cabida no monte para a biodiversidade, pero tamén para o aproveitamento da madeira. Non podemos vivir de costas a 620.000 hectáreas do territorio e que cada vez van ser máis”, asegurou.

Estas cortas servirían para incentivar nos propietarios forestais as labores selvícolas necesarias e para dotalos de ingresos cos que financialas, algo ao que tamén contribuirían os pagos polos servizos ecosistémicos que prestan estas masas de frondosas autóctonas, unha medida que a Xunta de Galicia está a valorar para a súa posta en marcha.

“Temos que empezar a facer selvicultura xa”

O director de XERA apostou por este tipo de medidas incentivadoras e por centrar esforzos en convencer ás industrias de transformación de que hai futuro nas frondosas, o mesmo que aos propietarios forestais, empezando polas comunidades de montes.

Non podemos aplicar receitas baseadas na selvicultura do 50%

A Xunta de Galicia elaborou 42 modelos selvícolas dos que 23 están intimamente relacionados co manexo de frondosas caducifolias. “Os técnicos forestais deben coñecelos e saber aplicalos e non aplicar receitas xenéricas ou baseadas na selvicultura do 50%. Temos que pasar a unha selvicultura de claras e entresacas”, insistiu.

Aproveitamento industrial

En canto ao papel das empresas da cadea monte-industria, Jacobo asegurou, en relación ao simposio internacional que se está a desenvolver esta semana en Lugo, que “este evento será un éxito no caso de que algunha compañía industrial do sector forestal de Galicia valore a posibilidade de abrir unha liña de produción industrial baseada na frondosa caducifolia, co material que nós temos, que é de pequenas dimensións”, recoñeceu.

Temos que poñernos a traballar canto antes e facerlle a selvicultura precisa aos nosos bosques

“Non estamos na situación de Francia, non estamos nunha situación na que podamos escoller árbores que teñan un prezo de mercado de 250 euros a tonelada. Pero para chegar a esa situación dentro de 20 ou 30 anos temos que empezar xa a facer selvicultura”, insistiu.

A situación de Galicia, dixo, non é diferente á que se dá noutros países europeos e mudar esa situación pasa por convencer tanto ás empresas como aos produtores primarios de madeira para que valoren máis as masas de frondosas existentes.

Noutros países europeos estase aproveitando material de pequenas dimensións como o que temos en Galicia

Algunhas delas levan abandonadas os últimos 30 ou 40 anos, polo que é posible facer xa algún tipo de aproveitamento nelas, unhas cortas selectivas necesarias ademais para que as árbores de porvir que queden desenvolvan todo o seu potencial, argumenta o director da Axencia Galega da Industria Forestal. “E con ese material que nós retiremos temos que tratar de obter o maior valor engadido”, defende.

Contamos con masas abandonadas nos últimos 30 ou 40 anos nas que xa hai madeira para cortar

“Desde XERA pensamos que a transformación química e mecánica desas frondosas de escaso porte ou dimensión pode abrir novas posibilidades de valorización. Por exemplo a extracción de taninos dirixida a lograr un mellor aproveitamento dixestivo nos pensos de alimentación animal, para emulsionantes ou o seu uso en materiais illantes térmicos e acústicos”, indicou.

E en materia de elementos de construción, “o bidueiro ou a faia son madeiras que agora mesmo xa se están a prescribir por parte dos arquitectos para introducilas con usos estruturais”, aclarou Jacobo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información