O monte ordeado en Galicia supera o medio millón de hectáreas

O monte ordeado en Galicia supera o medio millón de hectáreas

Un informe presentado no Consello da Xunta repasou os datos de superficie ordeada de monte en Galicia, que supera o medio millón de hectáreas, máis dun 25% do total. O dato actual da superficie suxeita a proxectos de ordeación representa ademais un incremento do 40% en relación co de 2018, cando se aprobou inicialmente a Primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara a neutralidade carbónica”.

De cara ao futuro, trabállase co límite do ano 2028 para que todos os montes ou terreos forestais dispoñan dun instrumento de ordenación, establecendo a prohibición de aproveitamentos comerciais nos montes que incumpran esta obriga. Cómpre lembrar que en superficies menores a 15 hectáreas, será suficiente con que os propietarios se adhiran a un dos modelos silvícolas da Administración.

Co obxectivo de cumprilo, no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, prevese unha intervención destinada a incrementar as superficies de montes ou terreos forestais ordenados, o que permitirá continuar convocando nos vindeiros anos novas ordes de axudas para a elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal (IOXF), por considerarse que esta é a ferramenta máis axeitada para o cumprimento do obxectivo.

Certificación sustentable
En paralelo ós datos de superficie ordeada, o Consello da Xunta repasou os datos de certificación forestal. Galicia conta con 681.263 hectáreas de monte cunha certificación forestal sustentable, sexa PEFC ou FSC. Esta é unha cifra moi relevante, tendo en conta que PEFC certifica 2,7 millóns de hectáreas e FSC un total de 710.000 para o conxunto de España. Ademais, a nosa comunidade é líder en certificados de cadea de custodia -empresas autorizadas a cortar madeira certificada- por ambos sistemas.

Desde a Xunta lembran tamén que o decreto que regula o novo contrato de xestión pública -próximo á súa aprobación- prevé como requisito que os novos contratos que se asinen, para substituír ós convenios actuais cos montes veciñais, se fagan a través dun proxecto de ordenación inscrito no Rexistro Galego de Montes ordenados. Isto, co fin de cumprir os obxectivos do Plan Forestal para o quinquenio 2020-2025 no que atinxe ao fomento da certificación forestal e a ordenación.

Dita xestión deberá estar avaliada, polo menos, por un sistema de certificación forestal recoñecido internacionalmente e validado polas correspondentes entidades de certificación. Esta medida permitirá incrementar a superficie certificada facilitando o cumprimento do obxectivo establecido na Primeira revisión do Plan Forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información