Webinar sobre como afecta ao sector forestal galego o regulamento de deforestación da Unión Europea

O vindeiro 26 de setembro, PEFC GALICIA organiza un webinar para dar a coñecer o novo Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR) e analizar o alcance da nova normativa e as súas implicacións para empresas do sector forestal.

Galicia é líder nacional en cadeas de custodia certificada PEFC, de forma que máis do 80% do propietarios forestais certificados en España son galegos. De aí a importancia de organizar esta pílula formativa enmarcada dentro dunha serie de actividades integradas no proxecto “Madeira, produtos e valor dunha cadea forestal sostible e certificada”, una iniciativa cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal.

O recentemente publicado regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR) ten como obxectivo minimizar a contribución da Unión Europea á deforestación e degradación forestal mundial, así como promover prácticas sostibles nas cadeas de subministración.

O regulamento afecta a empresas produtoras ou comercializadoras de madeira e os seus produtos derivados, ademais doutros produtos como a carne de vacún, aceite de palma, cacao, café e caucho.

O pasado 9 de xuño publicouse no Diario Oficial da UE o Regulamento (UE) 2023/1115 do 31 de maio de 2023, relativo á comercialización no mercado comunitario e á exportación desde a UE de determinadas materias primas e produtos asociados á deforestación e a degradación forestal e polo que se derroga o Regulamento (UE) n. 995/2010 (EUTR). Entrou en vigor o 29 de xuño de 2023 e será aplicable aos 18 meses (30 de decembro de 2024) para grandes empresas e aos 24 meses (30 de xuño de 2025) para pemes e micropemes.

O Regulamento da UE relativo á madeira (EUTR) quedará derrogado a partir do 30 de decembro de 2024 e establecerase unha exención para a madeira e os produtos derivados producidos antes do 29 de xuño de 2023 e comercializados a partir do 30 de decembro de 2024.

webinar pefc 2023

O EUDR amplía a listaxe de produtos de orixe forestal, que estaban afectados polo EUTR, ao incorporar novos produtos como asentos de madeira, libros impresos ou carbón vexetal. Este Regulamento incluíu, inicialmente, 7 produtos básicos dentro do seu alcance: soia, carne de vacún, aceite de palma, madeira, cacao, café e caucho e os seus derivados. Neste sentido, as empresas que produzan e comercialicen ditos produtos terán que cumprir obrigacións en materia de dilixencia debida para garantir que os produtos non proveñan de áreas deforestadas ilegalmente ou que producisen degradación forestal.

No EUDR, do mesmo xeito que no EUTR, recoñécese como boa práctica aos sistemas de certificación voluntaria como PEFC, permitindo utilizarse no procedemento da avaliación do risco das subministracións.

O Sistema de Certificación PEFC ofrece garantías de que os montes certificados PEFC a nivel global non só cumpren a lexislación de aplicación e non teñen risco de degradación, senón que a súa xestión é sostible en base a unha ampla listaxe de esixentes criterios.

En relación á normativa de cadea de custodia, PEFC iniciou a análise deste regulamento para identificar se é necesario incorporar novos requisitos ao Sistema de Dilixencia Debida que as empresas certificadas xa teñen implantado, co fin de garantir o absoluto cumprimento da lexislación e facilitar a transferencia da información necesaria na cadea de valor.

Un dos elementos clave deste regulamento é a obriga de coñecer a xeolocalización das parcelas das que proceden as materias primas. Nesta liña, PEFC España xa conta cunha Plataforma de Rexistro de Superficie Certificada que está a revisar para a súa mellora, así coma o buscador público de montes certificados para facilitar a identificación dos montes certificados e ás empresas responsables que garanten a orixe legal e sostible das materias primas.

PEFC está formado por unha ampla rede de sistemas de certificación e socios locais en todo o mundo, o que facilita a implementación do sistema de dilixencia debida e a identificación de riscos asociados coa deforestación asegurando o cumprimento do EUDR.

Preme aquí para inscribirte no webinar

#Galiciaémadeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información