“O eucalipto contribúe moito máis á loita contra o cambio climático”

Falamos co recentemente elixido novo presidente de PEFC en Galicia, Enrique Valero, sobre este sistema de certificación forestal, así como da situación actual do monte galego e dos retos e oportunidades que se presentan para esta sector

“O eucalipto contribúe moito máis á loita contra o cambio climático”

Enrique Valero é profesor na Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra.

A asociación galega promotora da certificación forestal, PEFC GALICIA, acaba de renovar a súa directiva. Falamos con Enrique Valero Gutiérrez do Olmo, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, da Universidade de Vigo, e que acaba de ser nomeado como novo presidente da entidade.

-En que liñas baseará a súa presidencia?
– Unha das miñas prioridades é incrementar a superficie forestal certificada, xa que aínda que Galicia ten xa moita, o seu potencial é moito maior. É certo que outras comunidades teñen unha maior superficie certificada, pero hai que ter en conta que a maioría da propiedade forestal galega é privada, mentres que en comunidades como Castela e León a maioría é de titularidade pública e resulta moito máis fácil de certificar que facelo cando hai moitos propietarios.

Outro dos meus obxectivos céntrase na parte complementaria, é dicir, incrementar as certificacións de moitos dos procesos de transformación da materia prima de orixe forestal, a pesar de que xa hai moitos en Galicia que contan con esta certificación. Trátase de actuar tamén na cadea de custodia e non só certificar a madeira, senón todo o procedemento industrial, que é amplísimo.

En terceiro lugar, tamén quero fomentar novas vías de certificación. Non só centrarse na madeira senón abarcar outros moitos froitos procedentes do bosque, mesmo de bens de tipo cultural que ofrecen os montes.

-Foi un dos promotores da creación do sistema de certificación PEFC, que evolución aprecia nestes 30 anos de traxectoria?
-Foi unha transformación enorme. A finais dos 80 comezamos a traballar sobre un sistema de certificación baseado nos criterios da Conferencia de Helsinki e co que asegurar que o manexo que se realiza en masas forestais, que cumpren unha serie de requisitos, acredita unha xestión sustentable. Aquilo que empezou entre 4 países (España, Austria, Alemaña e Países Escandinavos) deixou de ser panaeuropeo (como indican as súas siglas), para ser mundial, xa que agora adheriuse Rusia, Asia e Países Lationamericanos. Hai millóns de hectáreas certificadas e procesos industriais ou manufactureiros ligados á materia prima de orixe forestal que foron certificados.

-A certificación dunha masa forestal co selo PEFC acredita unha xestión forestal sustentable, pero que implica? A que aspectos se lle presta atención?
– A certificación PEFC basease neses 6 criterios acordados na Conferencia de Helsinki e abarcan desde o tema ambiental, que non só se centra na biodiversidade senón tamén ten en conta o cambio climático, a aspectos como a resilencia dos bosques. Hai criterios específicos centrados na protección da auga e o chan. Outros requisitos atenden ao benestar das poboacións rurais que viven dos montes e á súa economía. Cando cumpres todos eses criterios podes certificar esa xestión forestal e así garantir ao consumidor que o que está a mercar con ese selo PEFC procede de bosques xestionados de forma sustentable.

“O eucalipto non deixa de ser unha árbore e a certificación dos eucaliptais realízase se a xestión é correcta e se cumpren os criterios de sostibilidade”

-Adoita criticarse que poidan obter esta certificación masas forestais de eucalipto en Galicia, polo impacto que pode supor esta especie para o ecosistema no que se asenta. Como abordan esta problemática?
– É unha problemática ficticia. O debate do eucalipto é un debate dos anos 60 e que se instalou na sociedade. O eucalipto, non deixa de ser unha árbore, unha bomba de auga que realiza a fotosíntese dunha forma moito máis efectiva que outros, polo que fixa máis carbono; logra un maior crecemento que permite rescatar maior carbono da atmosfera, co que contribúe moito máis á loita contra o cambio climático. Á súa vez, o eucalipto xera economía  nos residentes rurais, de maneira que tamén contribúe a outro dos aspectos que se ten en conta á hora de avaliar a sustentabilidade, xa que favorece o benestar e mantemento das comunidades rurais. A certificación das plantacións de eucalipto corresponderá a se a xestión é correcta e se cumpre ou non os criterios de sustentabilidade.

-Que diferencia a certificación PEFC con respecto doutros selos?
-É moi sinxela. A certificación PEFC baséase nos criterios da Conferencia de Helsinki, un acordo internacional e recoñecido e apoiado polos distintos países asinantes. Ademais, procede da Conferencia Ministerial da Protección dos Bosques en Europa, ambos  son organismos oficiais. En España, Aenor regula os procesos de certificación, co que todo se fai de forma transparente e clara. Hai outros sistemas, que mesmo están apoiados por organizacións ecoloxistas, pero que na miña opinión non contan coas mesmas garantías e grao de transparencia, xa que non se coñecen os criterios polos que se rixen, nin quen os fixou. Non corresponden a unha norma publicada e oficial, posto que se trata de criterios de entidades privadas.

-Que lle achega aos propietarios forestais contar con esta certificación?
-Ademais dunha garantía tanto ante a Administración como ante calquera asociación, de maneira que se acredita que a xestión se fai ben, os seus produtos terán un prezo maior.

-E que vantaxes ten para as industrias tanto de madeira como de celulosa? Están a apostar por madeira co selo PEFC?
-Por suposto. As empresas están interesadas en lograr madeira certificada para logo dun proceso de transformación, que tamén estará certificado, poder pór ese selo que ante o consumidor é xa unha garantía. 

“En Centroeuropa practicamente todo o que se produce ten o selo de certificación e o consumidor aprecia esta garantía”

-Valoran os consumidores esta certificación?
-Desde logo. É certo que aínda non todo o mundo coñece o significado do selo PEFC, ás veces intúese que é unha garantía máis do produto sen coñecer as especificacións, pero cada vez valórase máis que sexa certificada por iso estanse incrementando as cadeas de custodia. En Centroeuropa practicamente todo o que se produce ten o selo de certificación e o consumidor aprecia esta garantía.

-Que implantación hai deste selo na actualidade en Galicia? E en España?
-En España avanzouse moito e, de feito, cada vez que se fai un informe sobre a certificación é máis ampla. No caso de Galicia, houbo momentos nos que estivo un pouco estancada debido ó tamaño da superficie forestal. En Andalucía ou Castela León pódense certificar 3.000 hectáreas cun só proceso, mentres que para certificar en Galicia esta superficie probablemente teñas que falar con 8.000 propietarios polo tamaño das parcelas. Aínda así, hai xa 30.000 propietarios certificados. Estamos a tentar impulsar o sistema de certificación de grupo, para traballar con superficies forestais que non sexan tan reducidas.

“En Galicia estamos tentando impulsar o sistema de certificación de grupo, para traballar con superficies que non sexan tan reducidas”

Doutra banda, a certificación xa non se centra só na madeira, senón que se ampliou a tódolos produtos que estean vinculados con ese monte, por exemplo, contamos mesmo con xamón certificado, procedente de porcos ibéricos que se alimentan a base de landras de carballos dun bosque que foi certificado. Ampliouse moito o espectro de produtos que poden ter certificados.

-No caso de Galicia, en que masas forestais hai máis interese para contar con esta certificación?
– En todo tipo de masas. Nalgúns países como Austria, mesmo se certifican as árbores de Nadal ou a biomasa. Aquí pódese certificar todo tipo de bosques e tamén os produtos que procedan del. Cada sistema require un procedemento establecido e lóxico en función da especie. Mesmo, estamos a traballar para certificar partes do Camiño de Santiago que transcorren por bosques certificados, o que dará maior información e garantías ao peregrino sobre a xestión que se fai do monte que está a atravesar.

-Precisamente en Galicia, nos últimos anos incrementouse e púxose en valor outros aproveitamentos forestais á marxe da madeira, como son o resinero, tamén é relevante contar coa certificación para estes produtos?
-Desde logo. De feito, un dos meus obxectivos é incrementar este tipo de certificacións. Tanto o aproveitamento de resina, que se está facendo agora en Galicia, como outros produtos tales como o mel, na que teño especial interese en comezar a traballar, para poder certificar aquela que procede de abellas que han pecoreado en bosques que foron certificados. Do mesmo xeito que co mel ou a resina, pode acreditarse calquera outro produto que proceda deles, como os froitos.

“Teño especial interese por empezar a traballar para certificar o mel de Galicia”

É relevante contar con esta certificación de primeiro nivel porque o consumidor ten a certeza de que o produto procede dun bosque que foi xestionado dunha forma sustentable e conséguese disipar as dúbidas da xestión que se fai do bosque. Doutra banda, increméntase o valor destes produtos no mercado, co cal o produtor recibe un maior beneficio.

-A certificación forestal, tanto individual como grupal, pode ser unha ferramenta para combater o abandono do monte?
-Desde logo. Cónstanos, xa que se expuxo no Consello Forestal de Galicia, que a actual Consellería de Medio Rural ten entre as súas prioridades buscar unha fórmula de agrupacionismo forestal de tal maneira que se poida facer unha xestión forestal en parcelas tecnicamente viables. Houbo intentos anteriores que non resultaron satisfactorios e cónstame que seguen traballando niso. No momento no que se logre esa ferramenta e se consiga un agrupacionismo de superficie forestal, da natureza que sexa, e se poida realizar unha xestión acorde e logo certificar,  vaise producir un incremento do aproveitamento forestal. É un obxectivo a curto prazo. Non hai outra saída para loitar non só contra o abandono do monte senón do medio rural. Será tamén unha vía de xestión para a biomasa e reducir o risco de incendios nos montes e a perda de biodiversidade, tentando crear superficies forestais xestionadas de maneira racional.

“Gastáronse millóns de euros en extinción, pero descoidouse a sensibilización e formación da poboación contra os lumes”

-A pesar dos esforzos e as promesas pola posta en valor do monte, cada ano nestas datas os incendios forestais volven ser noticia. En que se debe incidir para afrontar esta problemática?
-Nos incendios forestais hai un problema de delincuencia. As árbores non se incendian soas pola noite: hai xente que lle prende lume. É unha forma máis de violencia e delincuencia e como tal debese actuarse contra ela. Na miña opinión, o enfoque que se fai de combater a problemática dos lumes forestais só con costosísimos medios de extinción cando alguén cun misto pode incendiar o bosque, é unha loita perdida. Debe incidirse en frear esa delincuencia e concienciar á xente. Gastáronse millóns de euros en extinción, pero descoidouse a sensibilización e formación da poboación. Non se incidiu o suficiente en facer comprender que esta xestión con lume non é a vía adecuada. Así, o problema non desaparece.

-Que debe mellorarse na produción forestal e na xestión do monte galego?
-A silvicultura, xa que é un aspecto crave. Se o teu queres obter produtos da terra recorres á agricultura, se queres lograr mel á apicultura e se queres mellorar o rendemento forestal hai que aplicar prácticas de silvicultura, unha ciencia de orixe alemá con máis de 200 anos de tradición. Cada especie, cada tipo de monte ten as súas pautas de silvicultura propias que son as que permiten xestionar de forma sustentable e permanente o monte.

“Nos montes galegos están a cortarse preto dos 9 millóns de toneladas de madeira e cunha silvicultura adecuada esta cifra pode duplicarse”

-Cales son as potencialidades do monte galego?
-Son tremendas. Agora mesmo estanse cortando preto dos 9 millóns de toneladas de madeira e cunha silvicultura adecuada esta cifra pode duplicarse. A crise do Covid-19 tamén permitiu ter presente que o sector forestal é esencial, do mesmo xeito que a agricultura. Ademais, viuse que moitos dos produtos de primeira necesidade e que se consideraron imprescindibles están elaborados con produtos forestais: desde o papel hixiénico até as máscaras, entre outros; todos eles elaborados con celulosa. Na miña opinión, aqueles países ou rexións que teñan a materia prima teñen un sector estratéxico de futuro, como se demostrou. En Galicia pódese incrementar a produtividade dos bosques, mesmo das masas xa produtivas e temos aínda 800.000 abandonadas, un luxo que non creo que poidamos permitirnos coas perspectivas económicas que se expoñen. É máis, na rexión contamos con todo un tecido de industrias asociadas que pode transformala sen ter que exportar a materia prima como pasa, desgraciadamente, na actualidade coa celulosa. En Galicia, prodúcese unha das mellores celulosas do mundo, exportámola e logo volvemos importala xa transformada.

9 ideas sobre ““O eucalipto contribúe moito máis á loita contra o cambio climático”

  1. Ignacio

    Este tipo de entrevistas son unha vergoña. Este home foi meu profesor na escola de enxeñaría forestal de Pontevedra, onfe o único que facían eran promocionar o eucalipto por intereses monetarios e especialmente a caza. Cando o eucalipto ten destrozado a paisaxe e a biodiversidade de media Galicia, è intolerable que aínda teñamos que aturar estes artigos da corruptela de ENCE.

    Contestar
  2. Miguel Alfaya

    Por iso está prohibida en Alemaña onde chaman a “árbore cerilla”,empobrecen o chan e aparte de ser unha especia pirófita… som máis volátiles durante un incendio.
    Un saúdo.

    Contestar
  3. javier

    Lo que comenta del Eucalipto es absolutamente falso, por no comentar otra cosa…

    Contestar
  4. Daniel

    Hai que ter un pouqiño de moral, non todo vale, este tipo de entrevistas teledirixidas non teñen razón de ser. Na conciencia de cada quen quedará o eco do que publican . Solo vos digo unha cousas, cando xa estemos nun punto de non retorno non so os meus fillos o van a pasar mal, tamen os vosos. Ala a seguir publicando trapallada, igual encontredes quen vos crea. Dende logo eu non.

    Contestar
  5. Lidia Iglesias

    Vergoña de artigo a prol do eucalipto, árbore invasora que merma o noso monte autóctono, que empobrece o solo e que é combustible para os incendios

    Contestar
  6. Leo

    Sinceramente, paréceme incrible que saia este personaxe dicindo esto, cando sabe perfectamente que é mentira. El sabe que o tanto o globulus como o nittens acidifcan a terra e reventan co sotobosque.
    Impresentable.

    Contestar
  7. Samuel

    Todos sabemos o que lles importa o campo e a terriña a estes,
    con su falsa ciencia

    Contestar
  8. Aura

    Calquera que estudiara un mínimo de forestais e selvicultura sabe que as espécies pirófitas como o eucalipto arden coma mistos, este monocultivo que se tala cada 14 anos empobrece o noso ecosistema.

    A falta de plans de selvicultura e plantacións de madeira de calidade está asociada á industria de madeira para papel que xerou ENCE e o goberno que á impulsou.

    Industria de procesamento de madeira NOBLE daría moitos mais cartos, enriquecería o ecosistema (falamos de castanhos, cerdeiras, nogais), aportando maior aproveitamento forestal, mais que da recollida do froito (pois as ârbores plantadas para madeira tenhen que tirar en altura, se plantan diferente), con asociación con gando ou alimento para animais de caza.

    ENCE move os fíos de este tipo de declaracións, consolidando esta ignorancia e mediocridade que acaba coa riqueza do pobo galego.

    Axudade a mellorqr a nosa terra, por favor, non bebades dos cartos manchados de cinza, o mundo precisa dun cambio, dunha conciencia.

    Contestar
  9. Carme

    En serio, non tedes dignidade en facer unha entrevista así. Desde logo, será mestre, pero non quixera que dera clase aos meus fillos. Unha vergoña e un ataque gratuito a nosa terra. Ou plantamos árbores autóctonas ou estamos condenados ao fracaso.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información