O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asinou este martes co conselleiro de Medio Rural, José González, un protocolo de colaboración para a prevención e defensa contra os incendios forestais. Un acordo a través do cal a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia achegan 300.000 euros cada unha para ratificar o compromiso compartido na loita contra o lume e para realizar actuacións conxuntas dirixidas ao mantemento e conservación das infraestruturas preventivas e da contorna agroforestal, dotando de medios materiais aos concellos da provincia. Trátase do primeiro convenio deste tipo asinado entre a Deputación e a Xunta de Galicia. López destacou que “os concellos serán os beneficiarios desta medida”.
O acordo, asinado este martes no Pazo provincial coa presenza do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, senta as bases para executar accións concretas neste ámbito no que a Deputación e a Xunta cooperarán para adquirir nova maquinaria, poñer a disposición do goberno autonómico o material de titularidade provincial, formar persoal dos Concellos no uso destas ferramentas e en estratexias de prevención e extinción de incendios. Uns obxectivos que materializarán posteriormente a través de convenios específicos entre a Deputación, a Xunta e os concellos da provincia.
Despois de asinar o convenio, Luis López sinalou que os lumes son unha das grandes ameazas que afectan o medio rural. “Ameazas que proveñen do despoboamento do rural co que loitamos a través do departamento creado por este goberno para o Reto Demográfico, ameazas que proveñen do cambio climático que tratamos de combater e ameazas como esas accións imprudentes ou intencionadas, pero sempre inxustificables dalgunhas persoas que danan o noso patrimonio natural”, subliñou o mandatario provincial. Ademais, Luis López recordou que a colaboración entre Xunta e Deputación en materia de prevención de incendios é un exemplo máis da cooperación entre ambas as dúas institucións, como a cesión da Escola de Cantaría, o Pazo de Lourizán ou os centros educativos de Príncipe Felipe, así como o compromiso para a reforma de Santa Clara.
Neste sentido, o presidente da Deputación agradeceu ao conselleiro José González e á Xunta de Galicia o compromiso coa conservación do patrimonio natural. “Na loita contra os incendios non cabe outra cousa que non sexa a máxima colaboración e cooperación entre institucións”, rematou Luis López.
Este convenio enmárcase na liña de acordos de prevención que Medio Rural está a asinar coas Deputacións provinciais.