“O erro máis importante é non brindar ás vacas unhas condicións de vida óptimas”

Jan Hulsen é un referente na xestión de explotacións leiteiras e o coidado e saúde das vacas. Autor de numerosos libros de divulgación, como "A linguaxe das vacas", falamos con el para coñecer como mellorar o seu manexo

“O erro máis importante é non brindar ás vacas unhas condicións de vida óptimas”

O veterinario holandés Jan Hulsen

O veterinario holandés Jan Hulsen é un dos maiores divulgadores a nivel mundial sobre como mellor a saúde e o benestar animal en gando vacún. Autor, entre máis de dez obras, do coñecido “Cow signals” (A linguaxe das vacas), é un dos fundadores de Vetvice, e imparte charlas e asesoramento por todo o mundo. Falamos con el para coñecer as claves para mellorar o manexo das vacas de leite. 

Cal é o motivo detrás de desenvolverse profesionalmente dentro da consultoría de gando leiteiro?
Probablemente ter pasado a miña mocidade nunha granxa de vacas leiteiras. Realmente disfrutei e disfruto moito traballando con gando e gandeiros produtores de leite.

-Cal é o enfoque do seu traballo neste momento?
É un dobre enfoque. En primeiro lugar, sobre a organización laboral nas explotacións leiteiras buscando unha maior eficiencia no traballo. Isto implica toda a área de xestión dentro dunha produción leiteira, especificamente organizando e apoiando a mellora na produtividade. Isto implica o respecto polas persoas e o gando. Tanto o persoal da granxa como os animais deben ter un ambiente de traballo seguro, cómodo e saudable. Cunha boa organización e xestión, tanto os resultados do traballo e a produción da granxa serán óptimos, e o persoal disfrutará do seu labor compenetrándose máis coas súas tarefas. Isto permitirá o desenvolvemento dun labor gratificante, con empregados comprometidos como persoas satisfeitas e capacitadas para o coidado do gando.

O segundo enfoque do meu traballo céntrase na mellora da sustentabilidade na produción leiteira, isto significa reducir a pegada de carbono, obter bos resultados económicos e traballar con respecto ás persoas, aos animais e ao medio ambiente.

Supoño que isto soa moi abstracto, pero é moi práctico. Necesítanse vacas sas e sen estrés para obter boas producións. Ademais, o persoal laboral das explotacións deberán ter claro os obxectivos que deben lograr. A isto pódese chegar mediante as capacidades e os coñecementos necesarios para ofrecer un traballo de alta calidade, ademais de ter os seus lugares de traballo e materiais preparados de forma óptima.

-Recentemente participou en España nunhas xornadas de ANEMBE sobre nutrición de ruminantes. Que impresións levou desta conferencia?
Impresionoume o interese profesional, o nivel científico, a calidade didáctica das presentacións e o número de asistentes. A xente parecía moi interesada e con ganas de aprender e estar ao día.

-A súa guía Cow Signals xa é mundialmente coñecida no sector e un referente para os gandeiros. Cales considera que son os erros máis comúns no momento de interpretar os sinais que nos dan as vacas sobre o seu estado de saúde e as súas necesidades?
Creo que o aspecto máis importante da produción leiteira é comprender que as vacas son os activos e os empregados máis importantes. Transfiren o alimento ao leite, e diso trátase a gandería leiteira. Por tanto, o erro máis importante é non brindar ás vacas unhas condicións de vida óptimas, acceso a alimento e auga, e controlar a súa saúde, de modo que produzan leite de maneira eficiente e poidan ter unha vida longa, saudable e produtiva.

“O erro máis importante é non brindar ás vacas unhas condicións de vida óptimas”

-Como afecta a crecente robotización da gandería e a falta de man de obra á interpretación destes sinais?
Estes factores fan que sexa cada vez máis importante contar con mellores instalacións, alimentación, subministración de auga, calidade de vida e medidas preventivas para que as vacas se manteñan saudables. Os custos das vacas enfermas e con problemas son altos, e coa falta de man de obra, estes custos son moito máis altos. O muxido robótico require un alto nivel de xestión de vacas e granxas. É menos indulxente cos erros, algo bo, na miña opinión.

-Un dos problemas máis frecuentes e que máis perdas provocan no gando leiteiro é a coxeira. Que sinais nos envía o animal antes de que o problema estea moi avanzado?
No meu libro “Hoof Signals“, utilizo o concepto dos catro factores de éxito para a saúde dos cascos. O primeiro é a calidade das pezuñas, a forma das pezuñas, a calidade do corno e a calidade das estruturas e tecidos nesta parte do animal. Esencialmente, isto decide a cantidade de presión física, carga e presión de infección que poden soportar os cascos. O segundo factor é a carga mínima. Trátase do tempo que o animal permanece de pé, sumándolle a presión de camiñar, deslizarse, pisar grava, pedras e presión de propulsión. En terceiro lugar, é necesaria unha excelente hixiene, esencialmente trátase de diminuír a cantidade de fluídos no chan, rebaixar a humidade así como as bacterias do medio ambiente que teñen un impacto negativo nos cascos. Por último está a reacción efectiva temperá. As lesións e a forma menos óptima dos cascos deben recoñecerse canto antes e ser tratados de forma efectiva de inmediato.

Na práctica, se o animal sofre coxeira os factores detrás deste problema adoitan ser un descanso insuficiente ou permanecer demasiado tempo de pé. Os sinais habituais aparecen en establos onde as vacas teñen problemas para deitarse ou levantarse, aparecen lesións nos xarretes, costelas e xeonllos de diante e isto adoita ser consecuencia do amontoamento de gando neste tipo de recintos. Tamén o exceso de horas nos currais de espera para tratamento ou tráfico guiado de vacas, pode influír negativamente. Outros factores son os golpes entre as propias vacas ou o pastoreo agresivo. Tamén hai que sumar a falta de hixiene nos lugares para recortar pezuñas ademais de procedementos inadecuados no recorte, os sinais de dor do animal e a falta de seguimento na saúde pedestre dos animais.

 “Se o animal sofre coxeira os factores detrás deste problema adoitan ser un descanso insuficiente ou permanecer demasiado tempo de pé”

-Por que as feces nos permiten detectar facilmente moitos dos problemas de alimentación que pode ter unha vaca? Como cualificarías as feces normais?
As feces normais ofrecen unha serie de sinais. Se a dixestión foi normal, as feces mostran unha puntuación de 1 a 2 e quizais 3, nunha escala de 5 puntos. En segundo lugar, teñen unha consistencia moderada. Un excremento ten un grosor de 2 a 5 cm, é pastoso e mostra aneis. A puntuación de consistencia é de 2 a 3, nunha escala de 5 puntos. As propias bostas indican o estado de saúde do rume e se o proceso dixestivo transcorre sen problemas porque isto ao final transfírese ao leite.

Un rume san é un factor ineludible para ter unha vaca sá. As variacións nas feces dun grupo de vacas indica se os animais están a dixerir ben o seu alimento. A elección de alimentos para o gando pode ser un factor que se traduza en ineficiencia, presión social sobre a cría de gando e problemas de saúde para a xente.

Unha boa dixestión deixa un esterco non moi solto nin demasiado firme. As vacas de alta produción na lactación temperá terán taxas de paso de alimento máis altas e, debido a iso, menor consistencia das feces.

-En canto á nutrición, cales son os erros máis frecuentes que detecta na alimentación do gando leiteiro?
Observando os comedeiros, que non haxa suficiente alimentación, isto non permite realizar movementos arriba e abaixo co pescozo aos animais. Por último, facer unha boa selección de pensos.

Ademáis, e detrás dos comedeiros, os animais adoitan ter dificultades para poder alimentarse con corredores estreitos e esvaradíos. Ás veces o número de vacas supera a dispoñibilidade de comedeiros, cando o que se busca é alimentalas todas a un tempo. Outros obstáculos físicos son as barreiras de alimentación incómodas, bloqueos de cabeza mal colocados e mala condución do gando.

-Como debemos organizar de forma óptima tanto o tipo de ración como a frecuencia e dosaxe da mesma para adaptarnos á bioloxía da vaca?
É simple, todas as vacas sempre deben ter acceso a alimentos que resulten saborosos e coa composición correcta, así non os rexeitarán. Isto significa que a alimentación debe ser sempre abundante e de fácil acceso para as vacas. E igual para a auga. Se se consegue isto, as vacas comerán tranquilamente e con apetito ao redor de 10 ou 12 comidas por día, distribuídas de maneira uniforme ao longo do día. Cada comida debe ter a mesma composición e un tamaño relativamente pequeno para chegar a un rumen case cheo. Isto asegura que o contido ruminal sexa o máis estable posible.

Jan Hulsen

-No caso específico do concentrado, cales son as súas recomendacións para a súa administración (dose, tipo de concentrado, forma, granulado, fariña, etc.)?
Cantidades baixas por comida mesturadas con forraxe tanto como sexa posible.

-Cando instalamos un robot de muxido, que cambios debemos facer na alimentación da vaca?
Poucos, supoñendo que xa se estea facendo un bo traballo alimentando ás vacas. Abonda un pouco de adestramento co robot para que a vaca vaia cara a el. Nós, en Vetvice, tendemos a colocar un concentrado apetecible no robot moi parecido ao PMR que pode haber nun comedeiro. Polo xeral, tratamos de configurar un sistema adaptado a cada granxa. Ás veces cargamos máis concentrado no robot para evitar que as vacas engorden ao final da lactación, tamén hai ocasións en que non o facemos. Isto depende de moitos factores como os resultados da reprodución e a calidade do manexo do destete. Nunha granxa ideal estes factores serían perfectos pasando a alimentar con pequenos volumes de concentrado apetecible no robot de leite.

-A súa empresa, VETVICE, realiza traballos de consultoría en moitas granxas leiteiras nos Países Baixos. Cales son os principais cambios que se están producindo neste momento nas instalacións de produción láctea no seu país?
Diría que o máis preocupante é a redución de emisións de amoníaco (NH3). É todo un desafío. Aínda non demos coa mellor solución. Moitos chans de establos deseñados para reducir as emisións eran moi esvaradíos para as vacas e os resultados foron decepcionantes en canto á redución real de emisións. Os conceptos sobre que os chans con esterco e ouriños son capaces de illar o amoníaco parecen ser efectivos.

-A que prezos e marxes de ganancia media operan actualmente as granxas de gando leiteiro nos Países Baixos?
O prezo medio é de 38 céntimos de euro/litro, aproximándose aos 40. Ese é o prezo do leite co que se pagan todos os custos, incluído un salario para o agricultor. Os gandeiros de Holanda obteñen 65 céntimos de euro neste momento, pero ata cando durará isto?

-En termos de xenética, que tipo de vaca buscan os gandeiros neerlandeses? Están a gañar terreo outras razas ou cruces ademais da Holstein?
Están a buscar unha vaca leiteira máis robusta e de alta produción. Iso é o que tentan lograr principalmente dentro da poboación de raza Holstein Frisian.

“O futuro pasa por lograr vacas que de media duren 4 partos”

-Como ve o sector da produción de leite no seu país dentro de dez anos?
Menos granxas e menor poboación de vacas, maiores estándares de benestar animal e de saúde das vacas. estabulación libre con camas de area en dúas fileiras e un excelente manexo do estrés por calor. Unha produción alta e eficiente de 35-45 kg/vaca/día. Períodos de vida altamente produtivos con máis de catro lactacións, con intervalos máis longos entre partos. Máis granxas onde os xatos maman da súa nai durante o primeiras dez ou doce semanas de vida.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información