As explotacións gandeiras teñen de prazo até 2025 para contar cun plan de benestar animal que deberá ser supervisado por persoal veterinario. Así o explicaron os expertos que participaron na XXV Xornada da Fundación Instituto Tecnológico del Pienso (FITP) “Estratexias de mellora de saúde e benestar animal” que reuniu o pasado venres en Santiago de Compostela a máis de 150 representantes do sector agroalimentario e gandeiro galego.
A medida forma parte das novidades introducidas polo Goberno para velar polo benestar da cabana gandeira e inclúen, ademais, a modificación dos reais decretos sobre protección de animais nas granxas relativos ás condicións xerais e á cría de tenreiros, galiñas poñedeiras, porcos e polos de carne para adecualos á normativa da UE.
Na súa aposta por reforzar o coidado e garantir o benestar animal, a FITP, entidade creada pola Asociación Galega de Fabricantes de Pensos Compostos (Agafac), abordou as novidades máis destacadas da lexislación, cambios que afectan a aspectos tan importantes como a alimentación, a densidade máxima de animais nas granxas ou as súas condicións de alimentación e que deberán formar parte dos plans de benestar animal de cada granxa.
Os becerros de máis de 8 semanas non poderán manterse en recintos individuais
Na súa intervención, a responsable da área de benestar animal de producións gandeiras e cinexéticas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Pilar León Arnaiz, realizou un percorrido polas novidades que en maior ou menor medida deberán ser unha realidade en tres datas clave: 2025, como é o caso dos plans de benestar individuais, e nos exercicios 2028 e 2030.
Dispor de lugares permanentes de descanso, “con chan uniforme, camas cómodas, secas e limpas”, que garantan o confort do gando, con auga e alimento “de calidade e en cantidade suficiente para cubrir necesidades”, instalacións con ventilación e temperatura axeitadas e ter dispoñibles equipos e materiais para previr lesións de ubres e contaminación do leite son, por exemplo, algunhas das características que terán que cumprir as explotacións bovinas, onde os tenreiros de máis de oito semanas non se manterán en recintos individuais, salvo recomendación veterinaria.
O director da FITP e xerente de Agafac, Bruno Beade, abriu a xornada, que contou con destacados expertos en benestar animal. Así, Odón Sobrino Abuja, da Sociedad Científica de Veterinaria de Salud Pública y Comunitaria disertou sobre a importancia da microbiota na saúde dos animais.
Formación e dixitalización
Pola súa banda, Pedro Medel, director de Innovabiotics, impartiu a conferencia “Estratexias nutricionais para o fomento da saúde intestinal e da fisioloxía dixestiva”, mentres que Concepción Gafo, xefa de área da subdirección xeral de Medios de Produción Gandeira do MAPA abordou como o novo regulamento de deforestación afectará o sector da alimentación animal.
“Benestar animal: aspectos claves en granxa para a súa certificación”, foi o título do relatorio de Ana López, experta independente en auditorías de benestar animal e tras a súa intervención celebrouse un debate coa participación dos relatores. O acto de clausura correu a cargo de José Luís Rey, presidente da FITP e Agafac, que destacou a aposta do sector por procurar o benestar animal e a sustentabilidade nos procesos. Así mesmo, fixo fincapé na necesidade da formación continua, non só nestes ámbitos, senón tamén na dixitalización, para ser “eficientes e eficaces” para afrontar o futuro.