O 62% dos galegos xa consumen algún alimento ecolóxico

O Craega fixo público o seu 5.º Barómetro esta mañá en Santiago de Compostela

O 62% dos galegos xa consumen algún alimento ecolóxico

Presentación do 5º Barómetro de percepción de produtos ecolóxicos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

A sede da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en Santiago de Compostela, acolleu hoxe a presentación do 5.º Barómetro de Percepción e Consumo de Alimentos Ecolóxicos en Galicia do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), co que se busca cuantificar o coñecemento e os hábitos de consumo de alimentos ecolóxicos.

O director da Agacal, José Luis Cabarcos, puxo en valor este tipo de estudos, que axudan a comprender o panorama actual con respecto a estes produtos e que serven como folla de ruta para desenvolver novas estratexias de promoción.

Pola súa parte, Francisco López Valladares, presidente do CRAEGA, destacou que “este estudo, ademais de representar un paso significativo para comprender mellor as tendencias e actitudes dos consumidores, deseñouse para lanzar luz sobre o consumo de alimentos ecolóxicos na nosa comunidade”. Ademáis, o barómetro brinda unha visión clara dos factores que inflúen na decisión de compra e como se pode traballar para fomentar prácticas alimentarias máis saudables.

Finalmente, Rafael Rivadulla, responsable de Agronovo Ecoloxía SL,, e autor deste barómetro, detallou todos os aspectos do estudo, que é froito dunha enquisa telefónica cunha mostra de 900 persoas maiores de idade con responsabilidades na compra cotiá de alimentos do fogar.

Algunhas das conclusións máis interesantes ás que se chegaron son:

-A popularidade dos alimentos eco acada o seu máximo histórico: o 99 % da poboación ten oído falar deles.

-A suba de prezos xeneralizada en todas as áreas de consumo tamén chegou á alimentación ecolóxica.

-Os problemas relacionados coa dispoñibilidade dos produtos ecolóxicos seguen reducíndose.

-Mantense, como factor central das compras de alimentos en Galicia, o Eixo de Alimentación Saudable.

-O recoñecemento do logotipo do Craega aumentou no 2023 con respecto aos datos de hai tres anos.

-Os consumidores destes produtos seguen a amosar un alto nivel de coñecemento sobre as súas características, é dicir, son persoas informadas e interesadas na composición e nos procesos do que adquiren.

-O 76 % dos consumidores dos produtos ecolóxicos leva máis de tres anos consumíndoos, co cal, amosan fidelidade.

-Entre o 10 % e o 30 % dos alimentos que compoñen a cesta da compra de case a metade dos entrevistados é de orixe ecolóxico.

-Neste barómetro rexistrouse o segundo maior incremento na porcentaxe das persoas que consumen alimentación ecolóxica, acadando o 62 %.

-A variedade de produtos industriais e elaborados de orixe ecolóxico viuse aumentada nas cestas da compra con respecto a outros anos.

-O supermercado imponse como o lugar por definición para facer a compra, sendo tamén o sitio principal de acceso aos alimentos eco.

Descarga aquí o barómetro

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información