Novoa SC, altas producións froito dun meticuloso coidado do gando

No lugar de Bandomil, na parroquia de San Martiño do Couto, no concello de Taboada, atópase esta explotación familiar que forma parte da cooperativa Aira e que logra medias por enriba dos 46 litros nas súas 110 vacas en produción, que moxen en dous robots

David e Diego, cunha das súas vacas en Bandomil (Taboada)

David e Diego, cunha das súas vacas en Bandomil (Taboada)

Diego e David Novoa herdaron o gusto polas vacas e o coidado do gando do seu pai Juan Carlos e a súa nai Trinidad. Os catro atenden a explotación familiar e tratan de sacar o máximo rendemento a uns animais que produciron no último ano unha media de 14.239 litros de leite, co 3,70% de graxa e o 3,30% de proteína, segundo a última memoria de Africor Lugo.

A clave para lograr estas cifras, que os sitúan como unha das ganderías con máis produción media de Galicia, está en apostar xeneticamente por touros que aportan litros de leite, na frecuencia de muxido que permiten os robots e en coidar o manexo, os cubículos e as forraxes, asegura Diego.

Buscamos produción e que a graxa e a proteína non nos penalice no prezo do leite

Xunto ao seu irmán garanten o relevo nesta explotación que bota man dos servizos da cooperativa Aira, da que son socios, para o ensilado, a alimentación do gando ou as revisións de podoloxía, e que optou por xuntarse con outras dúas ganderías da zona para facer a recría en conxunto.

Moxen 110 vacas con dous robots

Montaron o primeiro robot en novembro de 2016 e o segundo en xuño do 2017

Montaron o primeiro robot, da marca Lely, en setembro de 2016 e o segundo en xuño do 2017

Diego ten 30 anos e incorporouse hai 8 á gandeiría que levaban os seus pais. Muxían naquel momento 50 vacas dúas veces ao día en sala e a produción media era de 36 litros. Coa súa incorporación aumentaron a 70 vacas e pasaron a muxir tres veces diarias.

Cando me incorporei pasei as vacas a tres muxiduras como un tránsito cara ao muxido robotizado

En setembro de 2016 instalaron o primeiro robot e un ano despois, en xuño do 2017, o segundo, aumentando o número de animais en produción até os 110 actuais. Optaron polo muxido robotizado pola flexibilidade horaria que permite. “Cando me incorporei e pasamos as vacas a tres muxiduras xa foi coa mentalidade de que era un tránsito cara os robots, xa o tiña claro desde o principio”, conta Diego.

A adaptación ao robot foi moi boa. Como estabamos a tres muxiduras, as vacas xa estaban acostumadas a ir muxirse cada 8 horas

“A adaptación ao robot aquí foi moi doada. Como estabamos a tres muxiduras, as vacas xa estaban acostumadas a ir muxirse cada 8 horas e o que fixemos durante unha semana foi, ao iren saíndo de muxirse na sala, pasalas polo robot para que entraran a comer o penso e deixarlles a porta aberta para que xa foran entrando elas soas polo día. Nos últimos días, cando xa estabamos para pasalas ao robot, había vacas que en 24 horas facían 100 visitas ao penso no robot”, lembra.

Terceiro robot con máis produción de Europa

Unha das áreas de separación ás que os robots derivan ás vacas enfermas ou en celo

Unha das áreas de separación ás que os robots derivan ás vacas enfermas ou en celo

Arrincaron o primeiro robot con 58 animais e seguiron muxindo o resto na sala, que foron logo incorporándollos paulatinamente. O máximo que chegamos a meterlle foi 67 vacas, cunha media de tres muxiduras e 46 litros de media, pero non paraba nada, había días que só tiña media hora de tempo libre en total en 24 horas. Fora naquel ano o terceiro robot de Europa que máis produción sacou”, indica.

Os robots están hoxe menos saturados. As 110 vacas que teñen en produción na actualidade poden ir a calquera dos dous robots e a media está hoxe entre 3,3 e 3,4 muxiduras. Non acostuman ter moitos atrasos tampouco. “Vimos metendo 6 ou 7 vacas pola mañá e á noite, pero normalmente son sempre as mesmas, ben porque teñen algún problema ou por algunha circunstancia dese tipo, como enfermidade ou coxeira”, recoñece.

Traballamos con dúas áreas de separación á saída dos robots, considero que é algo moi útil para o manexo de animais enfermos ou vacas en celo

Dispoñen de dúas áreas de separación, dispostas á saída de cada un dos robots, unha delas con cama quente e pensada para vacas enfermas ou que sufriron algún accidente nos patios e a outra con cubículos, pensada para vacas en celo, para evitar riscos de caídas ou que molesten ás outras. Os animais que están apartados nesas áreas de separación, nas que dispoñen de comida e auga, poden ir a muxirse cando queiran ao robot, que as volve mandar á área de separación logo de muxirse até que Diego ou David levantan esa restrición no ordenador.

Reparto de tarefas

NOVOA SC (Taboada) cubiculosA instalación do muxido robotizado permitiulles reducir man de obra. “Antes, cando muxiamos en sala, tiñamos un empregado, pero xubilouse e de momento non volvemos coller a ninguén, facemos nós o traballo e organizámonos entre nós para as libranzas”, explican.

Libran un día á semana e Diego organiza os descansos co seu irmán David, que traballa a xornada completa na explotación pero non está aínda incorporado á SC. David ten só 21 anos pero é un gandeiro vocacional, un mozo que entende moi ben os animais, algo que herdou do seu pai Juan. É él o que se encarga do manexo do gando e as labores do establo, mentres que Diego fai principalmente o traballo de campo.

Malia ter só 21 anos, David é un gandeiro vocacional que entende moi ben os animais

“Facemos nós todo o traballo de maquinaria, o único para o que vén a cooperativa é coa colleitadora e dúas bañeiras para ensilar tanto a herba coma o millo”, explican. Manexan 80 hectáreas, das que botan a millo 36, en 12 delas rotando con herba. “O resto quedan libres ou simplemente botamos algún tipo de cereal, normalmente veza e avea, pero para enterrar despois como abono simplemente”, indica Diego.

Autosuficentes en forraxes

Carro mesturador da cooperativa Aira, que acode todos os días á gandería a facer a ración

Carro mesturador da cooperativa Aira, que acode todos os días á gandería a facer a ración

Novoa SC é unha explotación autosuficiente nas forraxes para alimentación do gando. “Iso danos moita seguridade e é unha garantía en caso de que veña un ano malo”, recoñecen. Traballar con excedentes de ensilado permítelles tamén non ter que abrilo ao pouco tempo de facelo por teren acabado o do ano anterior. “O silo de millo non me gusta abrilo nunca antes do mes de marzo ou abril, porque así sempre tes reserva se a seguinte campaña vén mala. Nós o 80% das parcelas que temos para o millo son moi boas e logramos producións altas aínda que un ano veña seco, pero se un ano vén un pedrisco, por exemplo, ou un fenómeno dese tipo, ao traballar con certo stock, reducindo un pouco as cantidades na ración eres capaz de aguantar ese ano sen ter que mercar até recuperar na seguinte colleita”, argumenta.

Seleccionan para o millo as parcelas máis húmidas para non depender tanto de que chova para obter boas colleitas pero iso tamén os obriga a ter que labrar máis tarde

“Para millo seleccionamos as fincas máis húmidas para non depender tanto da auga para lograr produción, pero iso tamén fai que ás veces non poidamos labrar algunhas parcelas até xuño porque non se pode entrar nas terras e que se vén un final de primavera ou principio de verán frío e chuvioso, como foi este ano, lle coste tamén moito nacer e saír ao millo. Pero esas terras tamén che garanten que se despois vén seca a planta aguanta”, explica.

Gústame traballar con silos de herba con menos do 15% de proteína, os silos con moita proteína permítenche abaratar algo no penso pero son máis complicados de manexar e custa máis adaptar as vacas ao cambio de ración

Ademais das 36 hectáreas de millo, ensilan outras 40 de raigrás. “O silo de herba non me gusta que teña moita proteína, porque abaratas algo no penso pero custa moito máis adaptar ás vacas ao cambio de ración. Os silos co 17% de proteína son máis complicados. Eu procuro que non pasen do 14 ou 14,5%. Para iso facemos un corte só e logo segamos para herba seca. Facemos un bo presecado da herba para o silo, pero que veñan 4 ou 5 días bos na última semana de abril ou a primeira de maio, que é cando ensilamos a herba, é sempre o máis difícil de conseguir. A herba é moi complicada de ensilar e de metela mollada a metela seca hai unha diferenza abismal na calidade do silo”, conta Diego.

“Aquí sempre fomos moito de apostar polo cooperativismo”

Aira tamén lles presta servizo de podoloxía

Aira tamén lles presta servizo de podoloxía e lles fai o ensilado co seu parque de maquinaria

Novoa SC atópase moi preto da fábrica de pensos que Aira ten en Taboada e emprega, no seu día a día, moitos dos servizos da cooperativa, á que tamén entregan o leite. “Aquí sempre fomos moito de apostar polo cooperativismo, fomos socios fundadores de Medela no seu día e seguimos apoiando o proxecto cando se uniu a Icos e agora cando pasou a ser Aira. O recordo que eu teño é que sempre se comprou o penso e se vendeu o leite á cooperativa”, di Diego, que mesmo bota unha man á hora de reforzar o parque de maquinaria de Aira nalgún momento puntual para transporte na campaña de ensilado de herba.

Aira subministralles o penso e botan man doutros servizos como o de podoloxía ou o parque de maquinaria da cooperativa

O carro da cooperativa Aira acode tamén diariamente a facerlles a ración. A de produción de leite e única e leva 32 quilos de silo de millo, 15 quilos de silo de herba e 8,5 de penso, aos que se engaden os 5 quilos de media a maiores do punteo do robot.

Camas de carbonato con serrín

NOVOA SC (Taboada) cubiculos3A frecuencia de muxido e a alimentación personalizada que permite o robot tamén axuda a lograr altas producións. De feito, conta Diego, cando el se incorporou e pasaron de muxir 2 veces a facelo 3, a media subiu de xeito automático de 36 a 40 litros. “Despois cando puxemos os robots dicíanme que non me fixera moitas ilusións en aumentar produción, porque xa tiñamos unha media moi alta, pero seguimos subindo porque o robot tamén che permite axustar a inxesta de penso á produción real de cada vaca. Cando muxiamos en sala estabamos en 12 quilos de concentrado na ración unifeed, pero había vacas ás que lles sobraba moito penso para a produción que tiñan e outras ás que lles faría falta máis”, di.

A táboa de alimentación dos robots dispensa cantidades entre 2 e 8 quilos de penso en función da produción de cada vaca

Pero ter medias elevadas non está reñido, din, con lonxevidade sempre que os coidados do gando sexan os axeitados. “Aquí acostumamos aproveitar moito as vacas, dúrannos 6 ou 7 partos, incluso temos algunha de 8 e de 9. Esas vacas se arrincan ben, dan leite. O mesmo que as primeirizas. Aquí o 80% das xovencas pican por enriba dos 50 litros, iso tamén che permite subir a media”, xustifica Diego.

Facer compatibles altas producións e lonxevidade

Contan cunha combinación de ventiladores e pulverizadores de auga para os días de máis calor

Contan cunha combinación de ventiladores e pulverizadores de auga para os días de máis calor

Un dos aspectos que máis incidencia teñen, tanto a nivel produtivo, como na durabilidade das vacas é contar cuns bos cubículos. Nesta explotación o material de recheo é carbonato con serrín, cunha mistura 70-30% que fan tamén eles mesmos. Até hai pouco utilizaban un carro mesturador pero recentemente incorporaron unha encamadora, o que lles facilita o traballo. Logo, fan fincapé no mantemento diario. “Enchemos os cubículos unha vez á semana, pero logo as camas fanse 3 veces ao día”, explica David.

As camas fanse 3 veces ao día e recheamos os cubículos unha vez á semana

Para mellorar o confort do gando durante os meses do verán e minimizar deste xeito a perda de produción debido ao estrés por calor, dispoñen dun sistema para o arrefriamento dos animais. “Unha parte da nave foi feita no ano 2006 e a outra cando me incorporei eu hai 8 anos, pero non conta con illante no teito. Por iso temos ventiladores e pulverizadores no corredor do comedeiro que están funcionando en continuo desde as 12 do mediodía até as 8 da tarde nos días de máis calor. Así notamos menos baixada de produción e non caen tanto os índices reprodutivos”, asegura Diego. 

Touros que aporten litros de leite

NOVOA SC (Taboada) racion vacas producion“Á hora de inseminar valoramos que os touros sexan positivos en leite, pero eu penso que a produción está sobre todo nun bo maneño, uns bos cubículos e, sobre todo, unhas boas forraxes. Lely fixo aquí unha xornada de portas abertas. Estabamos, igual que agora, entre 46 e 47 litros de media e todo o mundo me preguntaba canto penso comían as vacas e onde comprabamos o penso, pero ninguén se fixaba nos cubículos ou me preguntaba polas forraxes, e é nesas cousas onde está a clave para ter altas producións”, aseguran.

Miramos produción máis que a graxa e a proteína, e non nos gusta descoidar tampouco o tipo ou as patas

Da inseminación encárgase o seu pai. Traballan algo con sexado nas xovencas, unhas 20 doses ao ano, pero a maioría dos animais son inseminados con seme convencional. “Non poñemos cruces cárnicos, até agora estabamos medrando e recriabamos todo para nós pero agora xa chegamos ao tope e a intención é vender animais, seguramente primeirizas recén paridas en subastas, porque vannos comezar a sobrar animais, porque temos unhas 70 becerras de recría neste momento e non necesitamos ese volume para cubrir as necesidades propias, sobre todo tendo en conta o que nos duran a nós as vacas”, di.

Vannos comezar a sobrar animais e a nosa intención é vender primeirizas recén paridas para ter aí outra fonte máis de ingresos

Diego considera que a mellor opción para rendibilizar economicamente os excedentes de recría e vender as xovencas paridas. “Ás becerras pequenas sácaselles pouco e unha xovenca antes do parto aínda está formando o ubre e non dí o que vai ser. Eu penso que se venden mellor despois, unha vez que podes demostrar os litros que dá. Igual ese animal vai para unha gandería que non ten robot e non sigue mantendo ese nivel de produción de 50 litros, pero lévaos enriba e está claro que vai ser unha boa vaca”, argumenta.

Aínda que as subastas deixaron de facerse por mor da covid-19, Diego agarda que cando pase a pandemia se retome a idea de facer dúas subastas ao ano en Chantada para dar saída nelas ao excedente de animais que vaia tendo na granxa.

Recría en conxunto con outras dúas ganderías

Neste momento dispoñen de amamantadora na propia explotación

Neste momento dispoñen de amamantadora na propia explotación para as becerras lactantes

Até o momento fan a recría eles mesmos na casa. Dispoñen para iso de amamantadora, á que incorporan as becerras aos 7 días e onde botan 3 meses mamando. Logo do destete pásanas ás intalacións vellas, a un primeiro espazo onde están outros dous meses e onde teñen patio de formigón e cama quente. A partir dos 5 meses de vida van pasando aos distintos lotes por idades, para para que non haxa animais moi desfasados uns cos outros no crecemento, até completar o proceso final.

Hai 4 anos muxiamos 70 vacas e hoxe temos 110 sen mercar absolutamente nada, medramos unicamente a base de recría propia

Pero coa intención de optimizar o traballo e as instalacións, Novoa SC vén de constituír xunto a outras dúas ganderías da zona, Souto Frade e Luis Miguel Rojo Vázquez (a antiga Millán SC) unha sociedade, Granxa Renota SL, coa idea de faceren en conxunto a recría das tres explotacións. A idea plasmouse na constitución da sociedade conxunta, baixo o nome de Recría Novillas Taboada, e na compra dunha nave de nova construción deseñada para amarre canadense pero que non chegou a funcionar.

A nosa intención nas novas instalacións para recría é facer un lote en cama quente até os 12 meses e a partir de aí tres lotes máis: até a inseminación, no momento de inseminar e até o preparto

“É unha nave en ferro de 80 metros de longo por case 40 de ancho moi ben deseñada e cunha ventilación moi boa que está en Ramil, a 3 quilómetros de aquí. Xa foi feita para 120 animais en cama quente para recría con pasillo de alimentación e arrobadeira diante, onde imos aproveitar para ter as becerras desde o destete até os 12 meses e a partir do ano ímolas pasas a onde están as prazas canadenses, que temos que reformar para facer estabulación libre. Aí haberá tres lotes máis, un até o momento da inseminación, outro no que estarán os animais para inseminar, que será o máis reducido posible para detectar ben os celos, e outro desde que estean confirmadas até o preparto, cando con 8 meses de preñadas volvan ás explotacións”, detalla Diego.

Vista das instalacións de Novoa SC, que instalou placas solares no teito da nave de produción para reducir a factur eléctrica

Vista das instalacións de Novoa SC, que instalou placas solares para reducir a factura eléctrica

“A medida que vas medrando, facer a recría nas instalacións vellas dáche máis traballo e presentóusenos esta oportunidade e pareceunos unha boa opción. A nosa intención é traballar alí con empregados e que vaia facer o carro a cooperativa. Alugamos tamén as fincas que tiña esa explotación para conseguir alí mesmo, perto da granxa as forraxes para alimentación. Deste xeito nós simplemente teriamos que supervisar, é dicir, é como externalizar a recría pero controlada por nós”, engade.

A medida que vas medrando, facer a recría nas instalacións vellas dáche máis traballo. Isto é como externalizar a recría pero controlada por nós

Este paso vailles permitir ás 3 explotacións que forman a nova sociedade centrarse máis no que é o traballo diario cos animais de produción de cada unha das ganderías e liberarse un pouco do traballo coas becerras. “Entre as tres xuntamos un volume conxunto dunhas 50 xatas cada vez e en pouco tempo estaremos seguramente en 7 robots de muxido, porque aínda que nós non temos intención de seguir medrando polo de agora, as outras dúas granxas si”, explican.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información