O proxecto europeo SoildiverAgro, no que participa a Universidade de Vigo e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) presentou en Xinzo de Limia (Ourense) os primeiros resultados de varias liñas de investigación que procuran unha produción de pataca máis sostible e reducir os custos. As tres liñas de investigación que se están seguindo son o uso de sistemas de alerta para optimizar a aplicación de tratamentos contra o mildio, a procura de alternativas para combater os nematodos da raíz do tubérculo e o emprego de fungos micorrízicos para reducir o aporte de fertilizantes.
A investigación sobre os nematodos do quiste (Globodera spp) céntrase no uso de plantas trampa, é dicir, o cultivo de especies que causan a saída dos nematodos dos quistes, pero das que non poden alimentarse, polo que acaban morrendo de inanición.
Os nematodos do quiste son un dos desafíos actuais para a produción da pataca en Galicia, xa que a súa presenza provoca danos no sistema radicular da pataca, de xeito que se reducen en gran medida as colleitas e a súa eliminación resulta complexa. Ademais, a presenza de altas concentracións de quistes pode causar a posta das leiras en corentena impedindo o cultivo da pataca por longos períodos.
Co uso de especies coma o tumba cabalos conseguiuse reducir a presenza de nematodos a máis do 80% nalgunhas leiras
A investigación centrouse no Solanum sisymbriifolium, unha especie da familia das patacas e coñecida popularmente coma tumba cabalos. Os primeiros resultados, da primeira colleita, amosan que o emprego destas plantas conseguiu reducir a presenza de nematodos a máis do 80% nalgunhas leiras. “Polo momento son os resultados só dun ano, pero observamos unha redución importante en dúas das parcelas nas que se empregaron”, explica o investigador e director do Inorde Servando Álvarez Pousa.
Os resultados da primeira colleita
Traballaron en tres parcelas na comarca da Limia. Dúas delas localízanse en Piñeira Seca e outra en Bustelo. Estes predios dividíronse á súa vez en subparcelas nas que había unha presenza irregular de nematodos. Así, nalgunhas delas contabilizábase unha incidencia de 13 ou 30 quistes por cada 100 gramos de terra, mentres que noutras acadábanse cifras de máis de 200 quistes, o que se achega xa ós valores de 350 quistes, onde a produción de pataca se ve practicamente imposibilitada.
Nunha das parcelas de Piñeira Seca e na de Bustelo coas plantas de tumba cabalos conseguiuse reducir a incidencia dos quistes nun 87% no caso da primeira e dun 77% na outra parcela. Nalgúns casos, mesmo se eliminou totalmente a presenza de quistes. En parcelas nas que apenas se contabilizaba unha incidencia de 15, 47 ou 52 quistes por cada 100 gramos a presenza reduciuse a 0.
Neste primeiro ano de investigación tamén se observaron resultados menos favorecedores nunha das leiras de Piñeira Seca, onde a incidencia só se reduciu nun 26% e nalgunhas subparcelas mesmo se incrementou puntualmente a presenza dos quistes do nematodo, de 71 a 84 quistes por 100 gramos. Aínda que como apunta o investigador, o manexo que se fixo do cultivo da planta trampa pode ser o motivo para non lograr os resultados favorables que se obtiveron nas outras leiras, xa que unha nacenza deficiente do Solanum implica un descenso da súa efectividade.
Recomendacións no cultivo do tumba cabalos
En base á experiencia e á documentación manexada, recóllense as seguintes pautas para o manexo do cultivo do tumba cabalos:
-É preciso lograr unha nacenza regular, o que resulta complexo ó tratarse dunha semente con pouco peso. Os investigadores empregaron unha abonadora pendular ou unha sementadora das que se utilizan para o cereal na comarca.
-É recomendable facer plantacións superficiais, de 5 centímetros de profundidade.
-É necesario sementar cada campaña, xa que nas condicións da Limia non se comporta como unha especie invasiva. Recomendan sementar unha dose de 20 quilos por hectárea, o que elevaría o custo a uns 400 euros por hectárea.
-Aconséllase facer unha lixeira compactación superficial do terreo tras a plantación, para evitar que as sementes se despracen, ó tratarse de sementes lixeiras.
-Debe haber temperaturas diarias por encima dos 25 graos. Tamén resulta interesante que haxa unha humidade de entre o 25 e o 40%. “Se as temperaturas son frescas e o solo está moi seco entón as sementen non xermolarán ata que se dean as condicións axeitadas”, detalla Álvarez.
Estratexia integrada para lograr o éxito
A pesar dos bos resultados que se acadaron, Servando Álvarez incide na importancia de empregar unha estratexia integrada, na que se asocien diferentes métodos para o control dos nematodos. Así, xunto co uso do tumba cabalos poden empregarse outras plantas nematicidas, así como aplicar nematicidas químicos ou procurar rotación de cultivos.
“A día de hoxe a loita debe ser integrada, hai que asociar métodos coma o cultivo de plantas e o uso de nematicidas químicos”: Servando Álvarez, director do Inorde
Na Limia xa se tiña traballado con plantas nematicidas como os tagetes ou crucíferas coma a mostaza, os nabos ou as coles. “Nos últimos 10 anos na Limia lévanse plantado moitas alternativas para loitar contra os nematodos. Cos tagetes tíñase grandes esperanzas, pero case non se conseguiron resultados. O mesmo pasou coas crucíferas, xa que con especies como a mostaza apenas se consegue reducir a presenza de nematodos nun 35%, se se emprega esta especia como único método de control”, sinala o investigador. Porén, o emprego combinado das mostaza nematicidas, con outras medidas poden aumentar a eficacia do control ata superar o 50 % de reducción no número de quistes.
O uso de fungos micorrízicos nas leiras de patacas
O uso de fungos micorrícicos no cultivo das patacas é outra das investigacións levadas a cabo no marco do proxecto SoildiverAgro e que tamén foi presentado nestas xornadas celebradas no Inorde con produtores e empresas do sector. A investigadora principal, Paula Pérez Rodríguez, da Universidade de Vigo, destaca a contribución dos fungos micorrícicos na produción de patacas, ó conseguir mobilizar nutrientes e poder reducir a cantidade de fertilizantes químicos a aportar.
“O uso de fungos micorrícicos que se engaden ao solo cando se planta a pataca conforman unha rede ampla e axúdanlle ás plantas a captar máis nutrientes en zonas más alá da superficie que abarcan as súas raíces”, explica a investigadora.
“Reducindo a dose de fósforo á metade ou nalgúns casos, sen necesidade de botar fósforo, a produción de patacas cos fungos micorrícicos foi superior ou mantívose”: Paula Pérez, investigadora
Ademais, os fungos micorrícicos poden ser unha alternativa ós fertilizantes convencionais de fósforo á hora de incrementar a produción. “Reducindo a dose de fósforo á metade ou nalgúns casos, sen necesidade de botar fósforo, a produción de patacas cos fungos micorrícicos foi superior ou mantívose”, explica a investigadora.
A investigación permitiu constatar ademais, que boa parte dos solos da comarca da Limia son ricos en fósforo, o que podería permitir reducir o uso destes fertilizantes químicos ó combinar o fósforo presente nos solos cos fungos micorrícicos aportados na liña de plantación.
Pese ós prometedores datos obtidos, a investigadora mantense cauta e apunta que se trata dos primeiros resultados obtidos dun único ano de ensaio, cunhas condicións climáticas e carácterísticas do solo moi concretas. En futuros ensaios preténdese testar esta técnica nun número grande de parcelas con distintas características do solo.