Sistemas de alerta fronte ó mildio: unha ferramenta para reducir custos no cultivo da pataca

Un estudo realizado na Limia amosa a utilidade dos sistemas de alerta en base ás condicións meteorolóxicas para optimizar a aplicación de tratamentos contra esta enfermidade. Conseguiron reducir a aplicación de funxicidas sen case perdas na colleita

Publicidade
Sistemas de alerta fronte ó mildio: unha ferramenta para reducir custos no cultivo da pataca

Danos por mildio nunha parcela de patacas na que non se aplicaron tratamentos preventivos contra a enfermidade. // Imaxe. Laura Meno.

Os traballos da investigadora Laura Meno Fariñas na Limia (Ourense) abordaron dous dos desafíos que se lle presentan ó cultivo da pataca: a incidencia do mildio e a redución do uso de funxicidas, para procurar unha produción máis sostible e rendible. Un sistema de alertas meteorolóxicas, similar ó estudado e empregado noutros cultivos como o viñedo, amosa tamén resultados de interese para a produción de pataca fronte a esta enfermidade.

“Con estes sistemas de alerta evítase aplicar certos tratamento preventivos e innecesarios contra o mildio, mantendo igualmente controlada a enfermidade e logrando reducir os custos de produción sen perder produción”, apunta a investigadora Laura Meno, que leva tempo centrada na investigación sobre a pataca, traballando en temas como a incidencia da Alternaria, sobre a que xira a súa tese doutoral.

O sistema de alertas permite predicir os momentos de maior risco, o que facilita a toma de decisións ó agricultor para manter protexido o cultivo

O sistema de alertas co que traballan ten en conta as condicións meteorolóxicas favorables para a aparición do mildio, de modo que conseguen establecer os momentos de maior risco de incidencia do patóxeno. “Estas alertas facilítanlle a toma de decisións ós agricultores, evitan a aplicación de tratamentos de prevención innecesarios e permiten protexer o cultivo naqueles estados máis críticos”, destaca a investigadora.

Grazas a estas alertas poden axustarse os tratamentos preventivos que se acostuman a dar, facendo un manexo de maior precisión. O emprego deste sistema reduciría o número de aplicacións, o que supón non só unha redución dos custos de produción senón lograr unha produción máis sostible e respectuosa co medio.

Así, o uso destes modelos permiten responder ás esixencias da Unión Europea, que busca reducir a aplicación de fitosanitarios, conseguindo producións cun menor impacto ambiental. De feito este traballo de investigación forma parte do proxecto SoildiverAgro, para a mellora da biodiversidade do solo e os agroecosistemas europeos, e conta con financiamento europeo.

Laura Meno_Presentacion Inorde

A investigadora Laura Meno presentou os resultados dos seus traballos ante produtores da Limia nunha xornada celebrada no Inorde.

Centrados na variedade Kennebec

No estudo incluíronse un total de 11 variedades de pataca empregadas para a produción en Galicia. Porén, os primeiros resultados que a investigadora fixo públicos nunha xornada con produtores de pataca celebrada no Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), centráronse na variedade Kennebec que é das variedades máis empregadas na Limia, unha das principais zonas produtoras de pataca en Galicia.

Os traballos de investigación realizáronse nunha leira de patacas do Inorde situada na Limia durante as dúas últimas colleitas, a do 2021 e 2022. Nesta finca contaban con parcelas nas que se fixo un manexo convencional, aplicando tratamentos preventivos cada 10 -12 días, outras nas que se probou o sistema de alertas e só se aplicaban os fitosanitarios seguindo as alertas do sistema; así como outra parcela testemuña, na que non se aplicou ningún tipo de tratamento.

O modelo de alerta e as condicións climáticas

O sistema de alertas baséase nun modelo xa aplicado en países como Dinamarca e que traballa tendo en conta a temperatura, a humidade relativa e as precipitacións rexistradas para estimar os momentos de maior risco. “Decidimos empregalo polas boas estimacións feitas ó contar con 10 anos de base de datos”, detalla a investigadora. Neste tipo de estudos, canto maior sexa a base de datos da que se dispón máis acertado se volve o axuste do modelo para recoñecer os momentos críticos para o desenvolvemento do patóxeno do mildio.

Danos por mildio en plantas de pataca. // Imaxe. Laura Meno Fariñas.

Danos por mildio en plantas de pataca. // Imaxe. Laura Meno Fariñas.

O modelo alerta do risco de infección de mildio e dos picos de esporulación do patóxeno, cando se rexistra unha humidade que sobrepasa o 88% e a temperatura se atopa entre 10 e 24 graos. Se esta situación se prolonga durante máis de 14 horas diarias o risco é máximo.

Pese ás diferencias meteorolóxicas dos anos de estudo, o maior risco na comarca centrouse na semana do San Xoán e os primeiros síntomas detectáronos a comezos de xullo

Nestes dous primeiros anos de estudo as condicións meteorolóxicas foron moi diferentes. No 2021 houbo un maior risco de incidencia do mildio, con temperaturas máis suaves e maior humidade. No 2022 houbo un incremento da temperatura media de 1,4 graos con respecto do ano anterior. A planta sufriu maior estrés hídrico e houbo 47 días nos que se superaron os 30 graos, o que provoca a paralización do desenvolvemento da planta mentres se rexistran esas temperaturas. “No 2021 tivemos varios días con picos diarios de ata 80 esporanxios contabilizados en 24 horas, mentres no 2022 só houbo un día no que se superaron os 10 esporanxios diarios”, explica a investigadora. Con todo ningún dos dous anos estudados, foron campañas de gran incidencia de mildio.

A pesar das diferencias en canto ás condicións meteorolóxicas dos dous exercicios, o período de maior risco na comarca coincidiu en ambos casos na semana de San Xoan, arredor do 24 e 25 de xuño, polo que os primeiros síntomas de afección de mildio se rexistraron entre o 6 e 7 de xullo.

Fotos do ano 2021. De esquerda a dereita: Parcela control con danos por mildeo, parcela convencional e parcela tratada segundo o sistema de aviso (Fotos de Laura Meno Fariñas)

Imaxes do ano 2021. De esquerda a dereita: Parcela control con danos por mildio, parcela convencional e parcela tratada segundo o sistema de aviso. // Fotos de Laura Meno Fariñas.

Os primeiros resultados

Pese a que son aínda os primeiros resultados e como apunta a investigadora, sería preciso contar con máis anos de estudo, o sistema de alertas conseguiu que se reducise case á metade a aplicación de tratamentos preventivos, sen que isto chegase a ter unha gran incidencia na produción. Mentres que nas parcelas en convencional se aplicaron 6 tratamentos preventivos contra o mildio no 2021 e 7 aplicacións no 2022, naquelas xestionadas co sistema de alertas só foi preciso utilizar 3 tratamentos en ambas campañas. Cómpre ter presente que nas parcelas nas que non se aplicou ningún tipo de tratamento, a incidencia de mildio no 2021 foi do 47% e no 2022 a incidencia foi mínima.

Pese a reducirse o número de tratamentos, co impacto positivo que isto xera, apenas se contabilizou unha redución de menos do 10% na produción. En concreto rexistráronse uns 3.000 quilos menos por hectárea. Como apuntaba a investigadora, esta perda de rendemento non está confirmada que estea relacionada coa redución dos tratamentos preventivos, senón que pode haber outros factores que afectaran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información